Pedro J. Peón Estévez
Visitas guiadas ás obras de Montecelo?
Ler estas paladras na prensa e ficar eu sen elas, foi todo un. Sinxelamente, non podía crelo. Por se estiver enganado, relín o texto: "confírmase a organización de visitas guiadas para dar a conhecer o millonario investimento no complexo hospitalario", Rueda dixit. E segue o xornal dicindo: " Esta especie de ‘excursións' faranse para profesionais sanitarios a partir de xulho, os venres pola tarde. E continuarán en setembro con outros colectivos sociais"…¿? Nesta altura da vida crin estar curado de espanto pero confeso atoparme totalmente estupefacto. Realmente o populismo dos populares (vaia a redundancia) non conhece límites. Claro que aínda falta o consabido "se me ha interpretado mal", " se han sacado mis palabras de contexto" " donde dije digo, digo..." ou melhor: " No te digo trigo por no llamarte Rodrigo ".
Nun principio a idea non é mala, polo menos como reclamo electoralista de baixo custe, pero debería comezar polo principio. Os organizadores non mencionan, nin por asomo, o Fiasco do Monte Carrasco, pode que por un caso de amnesia colectiva, daquela defendido a ultranza pola grea peperil. Nin falar do hipotético hospital, nin do desdobramento da estrada entre o Marco e Vilafranca para darlhe acceso. Esa fora a primeira, tanxible e cara pedra do imaxinario hospital. Diversas entidades opuxéranse no seu día a tamanho despilfarro, que tinha visos de ser un macro-chiringo tipo o A.Cunqueiro de Vigo.
Pero non foi a tal oposición quen decantou á Xunta a prol de Montecelo,non. Foi a falta de inversores capitalistas, espantados tal vez polo falso Eldorado que resultou ser o de Vigo. O caso foi que os pepinhos apareceron de súpeto como promotores do Gran Montecelo (e mesmo fachendean de telo inventado eles) para sacarlhe lucro electoralista desde os cementos ate a ultima telha coas tales “visitas guiadas”. Tampouco falan do que levan esquilmado no CHOP desde os tempos de Mariano, como prexidente da Deputación, ata hoxe, “el tema del que uxté me habla ex coxa del paxado remoto”.
Disque a primeira visita ó GRAN MONTECELO! foi seguida por un fato de autoridades do pepé (agás o alcalde) Entre eles figuraba Rafa Domínguez…e este, en calidade de que ?
Abráiome a noticia da futura compra de “novo equipamento electromédico” por un montante de 8’8 milhóns para Medicina Nuclear, Radiodiagnóstico, Hemodinámica e Radioterápia disque para evitar que doentes de cancro tenhan que desplazarse a outros centros fóra de Pontevedra. Que mágoa que non fora antes para atender ao meu irmacinho pequeno e evitar que morrese doente e só. O meu irmán era un pacífico pai de familia e gran profesional que foi un día consultar unha dor do seu brazo dereito.
Detectáronlhe cancro e metérono en Medicina interna no Provincial por estar Oncoloxía contaminadísimo por Covid. Medicina Interna tamén estaba infectada e metéronlhe o virus a bordo. Daquela lévano a Montecelo a unha improvisada planta Covid. En varias ocasións fálanlhe de ir a Vigo ou Santiago para recibir tratamento oncolóxico pero desisten outras tantas porque claro: ten Covid. O caso é que se lhe vai das mans. Non saben que facer con el e optan por mandalo para a sua casa sen preguntar se tinha que o atendese (xa estaba en cadeira de rodas), nin lhe pediron contacto algún: se tinha teléfono, se tinha cuarto e banho para el só, medio de transporte…como empeorase, chamou por teléfono (xa saben o calvario que é chamar ó Sergas e que che colhan) Por último dinlhe no Hospital que, para internalo, ten que IR facer unha TCR…desde Salcedo e en cadeira de rodas!! Por último internárono, nin sei como, e xa non tardou en falecer…meu irmacinho pequeno, unha boa e irrepetible persoa, un bó profesional que confiaba na boa fé do próximo, mesmo sanitarios. Relatos como este deberían de contarse a esas visitas guiadas, visitas que deberían pasar por urxencias en calquera momento e polos pasilhos das consultas. E conhecer de preto o persoal sanitario esgotado por eternas quendas, e falta de médicos pero iso, segundo Rueda, é culpa do Governo. Que rápido aprendeu o tío a botar balóns fóra. Tivo bo mestre.
E do Fiasco do Monte Carrasco nunca máis se soubo