Pedro J. Peón Estévez
A virxe do cristal... líquido
Martinho
quíxose por de xeonlhos,
quixo quitarse a monteira
e gardar na faltriqueira
o milagroso cristal;
pero, dos seus pensamentos,
segunda vez asaltado,
dicindo -" Estou rematado ",
tirouno dun saque ó val.
……….
"Non hai pena como esta, tan horrorosa,
non hai pena como esta! -marmura Rosa-
no salgueiral.
E de pronto a coitada, para o chan mirando
recolheu de entre as herbas, toda tremando,
aquel cristal.
"Asús, que galanura! -repuxo-, estarei cega?
Vestida de galega a raínha da fermosura,
na minha man afé?
Non pode ser! …toleo!…Rirase o que lho conte
pero eu sonhei antonte que vinha desde o ceo
da minha cama ó pé.
"Será verdade, Rosa? Metida nun ovinho?
Tan piquirriquichinho, tan linda, tan fermosa
como eu mirei entón?
A mesma muradana que lhe acaía tanto!
O mesmo dengue!…o manto de veludo, ou pana
Non estou tola…non!"
"Se entorno non pacera, mirándome, o meu gando,
que estou aínda sonhando dixérase calquera
Asús!, Vaia que ser!
Que olhinhos, que mirada, que beizos, que cabelo!,
que orelhinhas, que mantelo, que fronte anacarada,
Que dianho de mulher!
"E mira…e rebuldexa…e rise a Santa Imaxe…
Como me amosa o traxe! Como me palpebrexa!
Algome vai pasar!
Que dis?…Falarme quere!…Escoitareina?…Cala!
Pois en verdade, fala!…Senhora?…O que quixere…
Xa estóuvos a escoitar.
" Que acoda á cita?…E logo? Que vén por Deus mandada
para que me vexa honrada o que en ciumento fogo
xusgoume criminal?"…
Senhora!…Unha pastora, baldón de toda a xente,
non era merecente de ter tal defensora…
Pero…falai se tal.
"Que quer que lhe ergan no val unha capela?
que quer que de xeonlhos lhe recen e lhe canten?
Pois ben, querida, ben.
Pero…calouse axinha! Xa non, xa non a escoito!
Cecais non fale moito como é tan pequeninha…
pero, que graza ten!"
"Pois ela algo me dixo que xa eu non lembro…
Non tenho ouvido xordo mais eu non sei de fixo
que palabrinhas son…
Mamá!…"Pros que non amen serei sempre invisible
-dicía- e é imposible que falte ós que me chamen
de todo corazón…"
"Que farei eu coiínho, que agora máis che agrade?
Levarte onda o abade? Levarte onda Martinho?
Que dianhos eu farei?"
( Rosa garda o móbil na faltriqueira e vai xuntando o gando)
" Teique, ovelhinhas, teique…To aquí, chivinha trenca…
Cardosa!, Aquí, xuvenca…Quéreste burlar seique?
Ei, pró cortelho, ei!…"
A virxe do Cristal / Manuel Curros Enríquez