Tribuna Viva
Xestións "Casa Barroca" de Combarro
A Asociación A Solaina de Combarro ven de entregar, este xoves 16 de xuño, no Concello de Poio, á seguinte escrito dirixido ao Alcalde:
"Combarro, 16 de xuño de 2022
SR. ALCALDE DO CONCELLO DE POIO.
Sr. Alcalde:
O martes 14 de xuño, unha representación desta asociación participou na reunión á que fomos convocados por vostede, para falar sobre a situación da investigación sobre a titularidade da "casa barroca" de Combarro sita na rúa Rambla 5 de Combarro. Nela se nos informou sobre o testamento feito por Da. Florinda Salgado Romero, en Uruguai en 1996, a súa antiga propietaria, no que non consta aquela vivenda. Nesa mesma reunión solicitamos que se dera traslado dese testamento, por parte desa Alcaldía de Poio, ao Sr. Delegado de Economía y Hacienda de Pontevedra, así como á Subdelegada do Goberno en Pontevedra.
Este escrito ten como finalidade precisamente SOLICITAR que esa Alcaldía traslade formalmente o citado testamento aos referidos Delegado de Economía y Hacienda e á Subdelegada do Goberno, a fin de que se clarifique a situación catastral da aludida "casa barroca" e para que o Goberno central poida avanzar na investigación da titularidade pública, estatal, da mesma, que iniciou en 2021.
Reciba un cordial saúdo.
Rafael Vallejo Pousada, presidente da Asociación A Solaina.
A Asociación A Solaina, por outra banda, valora positivamente esta reunión do martes día 14, na que participou unha representación da mesma, xunto coa doutras tres asociacións máis de Combarro (o Ateneo Corredoira, a Asociación Armadiña e a Comunidade de Montes Rega dos Agros).
A Solaina considera así mesmo salientable o clima de consenso, respecto da reclamación da titularidade pública desta "casa barroca" de Combarro, manifestado polos representantes dos catros grupos políticos con presenza no Concello de Poio. A esta reunión asistiron, polo BNG, Xulio Barreiro, Marga Caldas e Raquel Rodríguez; polo PSdG-PSOE, Xulio Casas; por Avante Poio, Silvia Díaz; e, polo PPdG, Ángel Moldes. Todos eles manifestaron a vontade de adoptar, canto antes, acordos municipais sobre esta materia, para o seu traslado ao Ministerio de Cultura.
Unha aportación salientable foi a que fixo, neste ambiente de cooperación, Marga Caldas, que durante a reunión suministrou, para incorporar ao expediente aberto no Concello de Poio, toda a documentación existente sobre esta casa no Ministerio de Cultura. Esta documentación chegou ao Congreso dos Deputados, tras a pregunta feita polo deputado Néstor Rego en marzo de 2021.
No transcurso desta reunión, A Asociación A Solaina manifestou á necesidade de traballar en dous planos, respecto desta casa barroca. Un deles é o de clarificar a situación actual desta vivenda no Catastro da provincia de Pontevedra. Cos datos que aporta o testamento feito en 1996 por Florinda Salgueiro Romero, a antiga propietaria da casa barroca, todo fai indicar que esta vivenda está mal inscrita no Catastro de Pontevedra. Este é un aspecto que debe ser clarificado.
Outro dos planos nos que traballar é o da titularidade da casa. E isto compete ao Ministerio de Cultura. A documentación que este posúe revela que esa casa foi comprada polo Ministerio de Educación y Cultura en 1973, e que se pagou por ela 150.000 pesetas, tras un expediente de expropiación por razóns de utilidade pública, co fin de destinala a "Museo de Artes y Tradiciones Populares" relacionado co mar. Proba diso é que a casa non figura no testamento de Florinda Salgueiro de 1996.
Os representantes de A Solaina tamén informaron, durante esta reunión, de que van continuar coas xestións que iniciaran en 2021 para clarificar a titularidade desta "casa barroca", co INFORME enviado en 2-3-2021 ao Ministerio de Cultura, Informe que iniciou o proceso no que actualmente nos encontramos.
En febreiro de 2021 unha representación de A Solaina reunírase, por este motivo, co Delegado de Economía y Hacienda de Pontevedra, Francisco López Peña, e iniciara contactos coa Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Con esta nos reunimos o día 27 de abril de 2021, unha vez que o Ministerio de Cultura lle enviou a ela un detallado informe sobre o actuado polos servizos xurídicos do Estado para clarificar a propiedade deste edificio en cuestión. A esta reunión, convocada pola Subdelegada, ademais de dous representantes de A Solaina, tamén asistiran o concelleiros de Poio Xulio Barreiro e Gregorio Agís, do equipo de goberno municipal. A Subdelegada do Goberno nos transmitiu nesa reunión, con detalles precisos, que o Ministerio "realiza as xestións oportunas para clarificar tanto a titularidade como a situación rexistral do edificio", pois tiña unha firme vontade de chegar ata o fondo do asunto.
Por último, informamos de que esta Asociación A Solaina ten solicitado entrevistas co Delegado de Economía y Hacienda e tamén, esta mesma semana, coa Subdelegada do Goberno en Pontevedra, pois os novos datos que aporta o testamento de Uruguai abren a posibilidade de que, este 2022, o Ministerio de Cultura complete as investigacións abertas, e poida ao fin rexistrar como de titularidade pública esta "casa barroca" de Combarro. A Asociación A Solaina aportará así mesmo información adicional coa que conta das xestións feitas desde Combarro para clarificar ante o Rexistro da Propiedade a situación desta vivenda, circunstancias que impiden a día de hoxe que ningún particular poida rexistrala ao seu nome.
Esta Asociación A Solaina tamén ten previsto volver a dirixirse, nas próximas semanas, ao Ministro de Cultura, aos grupos políticos galegos con representación parlamentaria, e así mesmo convocar á veciñanza de Combarro para que teñan información directa de como se encontra, neste momento, a situación desta "casa barroca" combarresa.
Moitas grazas pola súa atención.
Rafael Vallejo Pousada, presidente de A Solaina