Tribuna Viva
Día do Técnico Superior Sanitario
O persoal Técnico Superior Sanitario da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conmemora este martes 14 de xuño a súa Xornada visibilizando á súa labor e traxectoria profesional.
Cómpre sinalar que o colectivo de Técnicos Superiores Sanitarios representa un eslabón fundamental no funcionamento da asistencia diaria sendo esenciais na xestión das probas
diagnósticas e na posterior aplicación de tratamentos e terapias sanitarias. Este grupo profesional é o responsable das probas que xeran o 80-90 % dos diagnósticos e tratamentos na Sanidade Pública.
Este colectivo profesional está ao mando de moita aparataxe e instrumentos que proporcionan os resultados que fan posibles os diagnósticos, seguimentos, tratamentos e controis na enfermidade. Son, así mesmo, técnicos que colaboran estreitamente coas persoas que toman a decisión de partida e indican destino: Analistas, Biólogos, Químicos, Médicos de familia, Nutricionistas, Patólogos, Radiólogos, Ucistas, Urgenciólogos, etc.
Tamén están presentes no eido da investigación, con estreita participación en equipos que desenvolven estudos sobre enfermidades e mellora de tratamentos, así coma na xestión e
codificación de historiais médicos, etc .
Así mesmo, é destacable o labor dos Técnicos Superiores en Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, en base ao uso de equipos
portátiles de Radiodiagnóstico cos pacientes que están temporalmente illados ben en Urxencias ou ben nas Unidades de Coidados Críticos e hospitalización.
AGRADECEMENTO POLO TRABALLO DURANTE A PANDEMIA
Na conmemoración do Día do Técnico Superior Sanitario, desde a coordinación do persoal Técnico Superior Sanitario quérese amosar o profundo agradecemento a este colectivo
polo inestimable traballo desempeñado a longo da Pandemia, período no cal levan realizado máis de 414.500 probas diagnósticas PCR, así como tamén polos diferentes servizos prestados diariamente, a través dos cales se emite unha resposta conforme ao diagnóstico, codificación, tratamento, control e seguimento das enfermidades dos usuarios da Área Sanitaria Pontevedra e O Salnés.
Segundo sinala a coordinadora do persoal Técnico Superior Sanitario da Área Sanitaria, Marisa Rivas Collado, "cabe tamén destacar a estreita implicación na formación de 98 futuros profesionais técnicos superiores sanitarios, que durante esta dura etapa pandémica ata a actualidade, circularon pola nosa Área Sanitaria Pontevedra e O Salnés, e que a través das súas enquisas valorativas de fin de Formación en Centros de Traballo, o alumnado destacou un período formativo gratificante e eficaz, tanto en canto á atención recibida -cun elevado nivel de implicación e profesionalidade- así como tamén polos factores de avance e actualización que conforman os numerosos Laboratorios e servizos, onde diariamente realizan o seu labor os Técnicos Superiores de Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, Dietética, Documentación e administración sanitarias, Imaxe para o Diagnóstico e Medicina nuclear e Laboratorio de Diagnóstico Clínico e Biomédico".
HISTORIA DOS TÉCNICOS SUPERIORES SANITARIOS
A historia do Día do Técnico Superior Sanitario comezou o 14 de xuño de 1984 coa aprobación das especialidades de Formación Profesional de segundo grao da Orde do Ministerio de Sanidade e Consumo para Técnicos Especialistas en Laboratorio, Radiodiagnóstico, Anatomía Patolóxica, e Medicina Nuclear e Radioterapia.
Posteriormente xurdirían as restantes especialidades, a través da aprobación de reais decretos nos anos 1995, 2007 e 2014, compoñendo na actualidade un total de once categorías profesionais. Actualmente en España estes técnicos superiores sanitarios atópanse en continuo avance cara á equiparación formativa cos seus homólogos europeos -título de Grao e Nivel IV de cualificación profesional-.
O pasado 8 de xuño, no marco dun encontro mantido pola comisión polo Grao Universitario de Laboratorio Biomédico e de Imaxe Médica e Radioterapia co Ministerio de Universidades, a opinión dos asistentes foi unánime na necesidade de paliar o déficit formativo destes ensinos, que se debe complementar cunha formación universitaria que garanta o recoñecemento automático no Espazo Europeo de Educación Superior.
Para dita iniciativa vaise instar ao Ministerio de Sanidade a valorar a creación dunha Comisión Interministerial que poida poñer solución á devandita situación.
Existe un prazo marcado polo Consello da Unión Europea que fixa o ano 2025 como límite para a adecuación de recoñecemento automático de títulos entre os Estados membros. A devandita reconversión educativa redundará nunha mellor atención técnico-asistencial cara aos pacientes, á vez que solventará cuestións de equiparación e libre tránsito profesional pola Unión Europea.
Area Sanitaria de Pontevedra-O Salnés