Marta Rodríguez Engroba
A crueldade nin se cura nin ten data de caducidade
É rara a semana na que a violencia machista non se cobra, como mínimo, a vida dunha muller, seguíndolle, como non, ao crime, o consabido minuto de silencio, as concentracións, declaracións de políticos condenando o que semellan esquecer en canto se afastan das cámaras e micrófonos, e volta a comezar.
Un sanguento ritual que truncou, no que vai de ano, a vida de trece mulleres, nun claro sinal de que imos de mal en peor.
Esta que remata, foi o turno de Ouardia, asasinada en Tarancón polo seu ex marido diante dos seus tres fillos de curta idade.
Ouardia non fixo posible que a noticia do seu asasinato rematase con esa frase que tantas conciencias lava e que converte a vítima en responsable da súa propia sentencia de morte: "Non existía denuncia previa", porque ela SI denunciara, concretamente no ano 2019, no que lle foi concedida unha orde de afastamento, ou, dito doutro xeito, no que si se recoñeceu o perigoso que era a súa ex parella.
Pero, curiosamente, tres anos mais tarde, nun posterior xuízo, no mes de Abril, é dicir, hai un mes, o mesmo home perigoso, que supoñía un risco para a vida de Ouardia, curiosamente, deixara de selo.
A súa maldade, polo visto, esfumárase, ou curárase, coma quen cura unha gripe ou unha dor de cabeza, polo que saíu absolto, quedando, en consecuencia, a orde de afastamento sen efecto, coa tráxica e previsible consecuencia que xa coñecemos, rematando non soamente coa vida de Ouardia, se non deixando marcada para sempre a dos seus tres fillos, que viron coma súa nai era acoitelada diante deles, e hai pegadas que non se borran nunca da alma, por moito tempo que pase.
Tan so se aprende a convivir con elas.
Obviamente, non se lle fixo ningún seguimento, nin a ela, nin ao seu asasino, porque alguén decidira que xa non era perigoso.
Pode que ela mesma chegara a crelo, pero ela era a vítima, non o esquezamos, e a vontade das vítimas de violencia de xénero pode anularse en calquera momento se o agresor se propón que así sexa, algo no que son expertos, pero eso non as converte en culpables, todo o contrario, e isto é algo que todo aquel que traballe para tentar axudalas, que interveña no seu proceso, debería ter en conta e entender.
Non sei se este era o caso,que quede claro, pero dado que a matou na súa propia casa, penso que puidera existir esa posibilidade, tal vez mesmo coa escusa de ver os seus fillos.
O que si sei, e isto é algo irrefutable, e que, malia que sempre sucedeu, nos últimos tempos, especialmente no último ano, son moitos os casos de graves agresións machistas, moitas delas con resultado de morte das vítimas, nas que SI existía denuncia, ordes de afastamento, algunhas delas aínda en vigor, pero ningún control ao agresor, e, a vista está, ningunha protección a vítima.
E isto nos leva a unha pregunta.
En que momento se decide que un potencial feminicida, ou un home que representa, cando menos, un risco para a vida dunha muller, tal vez tamén para a dos seus fillos, deixa de selo?
Como é posible que, ante un caso coma o de Quardia se asuma este risco durante tres anos e, de súpeto, no tempo que dura un xuízo, se considere que este xa non existe?
Caducou? Extinguiuse? Existe un prazo máximo que se considera o adoitado, e, transcorrido este, deixa de existir?.
Claro que tamén está a teoría de que os maltratadores son enfermos, e supoño que os que a defenden darán por sentado que, coma tales, pasado un tempo, curan.
Mágoa que semellan non ter en conta un "pequeno" detalle: Que, aínda dando por boa a súa teoría, que de todos os que me coñecen é sabido non comparto, e se algo teño claro nesta vida e non me cansarei de repetilo é que a maldade non é ningunha patoloxía, se non simplemente iso, maldade, pero supoñamos por un momento que é válida, de toda enfermidade, por moi ben curada que se pense que está, sempre é posible unha recaída, ademais do feito incuestionable de que existen enfermidades incurables, ante as que nunca se debe baixar a garda, por moitas aparentes mellorías que se poidan producir.
Por outra banda, non é tan difícil poñerse na pel do maltratador, e chegar a conclusión de que, si cometeu un delito, por moito que inicialmente este fora recoñecido, do que despois foi absolto, a súa agresividade, que nunca deixou de existir, e a que agora hai que engadir o rencor contra a muller que o denunciou e a que considera da súa propiedade, se vai ver notablemente incrementada, co conseguinte grave perigo que isto representa para ela.
O asasino de Ouardia foi absolto en Abril.
O 2 de Maio asasinouna. Sobran as palabras.
Era obvio que para Ouardia comezaba un período especialmente perigoso, pero para os expertos, curiosamente, sucedía xustamente o contrario.
Os feitos falan por si mesmos, coma tantas outras veces.
Pero claro, para entender isto, como tantos outros aspectos que atinxen a violencia machista, hai que saír dos despachos, mergullarse no día a día das vítimas, vivir a súa realidade, ou, alomenos, escoitar a quen o fai, e iso é algo que, é evidente, nin se está levando a cabo, nin se contempla a posibilidade de que así sexa .
Somos conscientes de que non se pode "blindar" a todas as vítimas as 24 horas do día, sería imposible, pero entre isto e o notable desleixo que se está a dar, e que está custando tantas vidas, ten que existir un xusto termo medio e por suposto, e isto é fundamental, vontade para traballar en mellorar o que non se está a facer ben.
De que serven todos eses miles de euros que se están a investir en campañas, en estudos que nos están a "descubrir", a maior parte das veces, o que é obvio desde hai moito tempo, malia que non se queira ver, que esa é outra cuestión, se se continúa deixando de lado o mais elemental, protexer as vidas das vítimas, dos seus fillos?
Un maltratador nunca deixa de selo, pese a quen lle pese, e todas e cada unha de nos, das que o sabemos ben porque vivimos a súa violencia na nosa pel, levamos, en maior ou menor grao, unha espada de Damocles enriba para sempre, iso é innegable, non nos enganemos, e, de xeito moi especial, todas aquelas que un día ousamos chamalos polo seu nome, maltratador, e denunciamos a súa depravación, porque, como xa dixen, a súa maldade, a súa crueldade, nin se cura, nin ten data de caducidade.
Non querer recoñecelo é fariña doutro costal.
Asociación Si, hai saída