Tribuna Viva
Comunicado da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e as Confrarías e Agrupacións de Produtores de Mexillón
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e as Confrarías e Agrupacións de Produtores de Mexillón abaixo asinantes queremos facer público o seguinte:
Levamos desde hai anos reclamando unha maior apoio, atención e coidado a Administración en relación a súas obrigas legais e morais de protexer a ría e, sinaladamente, no referente á necesidade de adicar recursos humanos, económicos e tecnolóxicos para investigar e vixiar as condicións ambientais, os vertidos, a calidade da depuración das EDAR e a calidade das augas dos ríos que alimentan a ría de Arousa. Da ría vivimos miles de familias e a súa actividade produtiva primaria é un motor socio-económico para todo o tecido produtivo da contorna e de Galicia.
Hoxe facemos públicos os datos de produción dos últimos 20 anos de diversos recursos (datos extraidos de pescadegalicia) que son fundamentais para o futuro da nosa ría e observamos con fonda preocupación o devalo produtivo nos seguintes:
- 1. Ameixa fina, cunha produción media de 342 Tn/ano no período 2002-2021, na actualidade só producimos o 43% da media (147 Tn, ano 2021) e desde o ano 2013 a súa presenza na ría non fai máis que descender.
- 2. Ameixa babosa, cunha produción media de 575 Tn/ano no período 2002-2021, na actualidade só producimos o 32% da media (185 Tn, ano 2021) e desde o ano 2015 a súa presenza na ría non fixo máis que diminuir.
- 3. Ameixa rubia, cunha produción media de 300 Tn/ano no período 2002-2021, na actualidade producimos o 53% da media (160 Tn, ano 2021) e desde o ano 2017 a súa presenza na ría non fai máis que descender.
- 4. Berberecho, cunha produción media de 724 Tn/ano no período 2002-2021, na actualidade só producimos o 22,8% da media (165 Tn, ano 2021) e desde o ano 2008 a súa presenza na ría pasou de ser un recurso fundamental a ter unha presenza mínima.
- 5. Reló, cunha produción media de 493 Tn/ano nos períodos 2002-08 e 2015-21, na actualidade só producimos o 13,8% da media (68 Tn, ano 2021) e desde o ano 2018 a súa presenza na ría pasou de ser un recurso complementario moi importante a ser testimonial.
- 6. Camarón, cunha produción media de 34 Tn/ano no período 2002-2021, na actualidade producimos o 79% da media (27 Tn, ano 2021) e desde o ano 2019 a súa presenza foi diminuindo.
- 7. Percebe, cunha produción media de 52 Tn/ano no período 2002-2021, na actualidade producimos o 62% da media (32 Tn, ano 2021) e desde o ano 2019 foi baixando a súa produción.
Economicamente esta situación repercute nos ingresos familiares. Se tomamos como referencia as medias euros/ano dos pasados vinte anos (datos extraidos de pescadegalicia) e sen ter en conta a diminución do valor do euro derivada da inflacción, as perdas son superiores aos 10 millóns de euros no ano 2021.
Entendemos que é URXENTE que a Administración deixe de mirar para outro lado ou desvíe o foco do problema dando explicacións non axustadas á realidade, como que chove moito (Comisión de Pesca do Parlamento). Os datos pluviométricos anuais (extraidos de meteogalicia) da cunca do río Ulla -a que ten máis impacto na ría- dos últimos anos 2019-21 están arredor da media dos pasados 20 anos (Media= 1314,9 L/M2) e as fluctuacións véñense repetindo dun xeito regular tanto en periodos de bos resultados produtivos como agora. No que se refire aos datos pluviométricos mensuais sí que atopamos que o mes de marzo de 2018 foi especialmente intenso na cunca do río Ulla, recolléndose unha media de 408 L/m2. Pero ese dato puntual non explica o descenso produtivo en sete recursos e sostido no tempo.
Demandamos que a Administración cumpla coas súas obrigas e adique os recursos económicos, materiais e humanos para abordar con seriedade e datos o problema que estamos relatando.
ASINAN ESTE COMUNICADO:
CONFRARÍA DE A POBRA DO CARAMIÑAL
CONFRARÍA DE CABO DE CRUZ
CONFRARÍA DE CAMBADOS
CONFRARÍA DA ILLA DE AROUSA
CONFRARÍA DE O GROVE
CONFRARÍA DE RIANXO
CONFRARÍA DE VILANOVA DE AROUSA
A.P.M. A POBRA
A.P.M. ABANQUEIRO
A.P.M. AMEVILA
A.P.M. ILLA DE AROUSA
A.P.M. RUAMAR
A.P.M. SAN AMARO
A.P.M. SAN SATURNINO
A.P.M. XIDOIROS
ASMECRUZ
ASPROMERI
FEDERACIÓN AROSA Y NORTE
OPMEGA
PLATAFORMA EN DEFENSA DA RÍA DE AROUSA