Marta Rodríguez Engroba
Política, activismo e dress code feminino
Se hai algo polo que sempre fun criticada, entre outras cousas, é polo meu xeito de vestir, ao cal, dito sexa de paso, nunca lle vin nada raro, pero en fin... cuestión de opinións!.
Cando era moi nova, porque non me axustaba para nada a ese patrón de "niña bien" que se supoñía debíamos ter as rapazas que eramos "como era debido".
Os vestidos, os tacóns, e demais accesorios que se supoñían propios dunha "señorita" non ían comigo.
Sempre fun máis de pantalóns vaqueiros, botas campeiras, xerseis longos e anchos, pero eso si, ben combinados, o cal me situaba nun "limbo estético" que me procuraba as críticas dun lado e doutro.
Non encaixaba no estilo "lady", para o cal era un desastre, nin no "grunge", que, era, presuntamente, o sinal de identidade de modernos, alternativos e mesmo intelectuais, para o cal ía demasiado "composta", o que implicaba que eu pouco máis ía dar de si que para ler o "Super Pop", que tan de moda estaba, ou as revistas do corazón, e con todo o respecto o digo para quen o facía, e máis, eu tamén o fixen , pero non exclusiva nin prioritariamente, e para quen o fai.
Co paso do tempo, a cousa non foi a mellor, todo o contrario.
Eu, supoño que como todo o mundo, ou así debería ser, malia que, as veces me entren dúbidas, francamente, fun evolucionando, e tamén o meu xeito de vestir, aínda que seguindo dentro da mesma liña, é dicir, coma a min me facía sentir ben, pero sen ser nada premeditado, supoño que, por unha banda, por cuestións de idade e personalidade, e, pola outra, porque, en ocasións, as circunstancias laborais tiveron, ata certo punto, arte e parte.
En calquera caso, o que sempre primou foi, como xa dixen, sentirme ben comigo mesma, e, como di unha canción "lo que digan los demás está de más", algo por certo, que fago espontaneamente, e os que me coñecen de preto saben que non son das que se pasan horas diante do espello, ou escollendo o que me vou poñer... como se o fose, sería o meu problema, pero non é o caso.
máis ben todo o contrario. Malia o que poida parecer, non me cuido practicamente nada e a miña vestimenta é algo natural, que forma parte da miña personalidade.
Malia isto, non sei moi ben a partir de que momento, pero un bo día atopeime coa sorpresa de que se me cualificaba de "pija", pero non polos meus pensamentos, ou comportamento, que, penso, está nas Antípodas do que creo entender que é esa "pijería" a que aluden, malia que, francamente, nunca o tiven moi claro, se non polo meu xeito de vestir, o cal me procurou continuar co rosario de críticas, ata onde eu sei, ollo, procedentes de mulleres, que me chamaron de imbécil para arriba, case todas sen ter falado comigo, o cal ten delito,porque que alguén chegue a tratarme e non sexa santo da súa devoción é entendible, pero, por vestir ou peitearme, que esa é outra, o meu peiteado tamén lles molestaba, seica, de determinado xeito, non é precisamente a min a quen define, penso.
Francamente, teño que dicir que estas críticas nunca me importaron nin o máis mínimo, porque, bos ou malos, teño o meu propio criterio e a miña propia personalidade.
Cando, teño que confesalo, xa deixaron de serme tan indiferentes, foi desde o momento no que decidín iniciar a andaina con Si, hai saída, porque, para a miña sorpresa, resultou que, segundo as "autoridades" na materia, o meu "look" influía directamente na miña capacidade para axudar as vítimas de violencia de xénero, que se daba por sentado era nula, e, por suposto, na miña condición de feminista e activista, que non ostentaba, entre outras razóns que agora non vou entrar a debater, porque non me axustaba aos canons estéticos que unhas cantas señoras decidiron que son os correctos para que che concedan o carné que acrediten que o es.
Cheguei a escoitar xa non soamente críticas, se non auténtico desprezos cando nalgunha das poucas ocasións nas que coincidín con algunhas delas e que, naturalmente, optei por cortar de raíz, crían que non me decataba.
Máis do mesmo me sucedeu cando me acheguei a política, na que, polo visto, a cada ideoloxía lle corresponde o seu código estético, e o meu, polo visto, estaba no lado errado.
Unha razón máis, por certo, malia que non a única, nin, por suposto, a máis importante, para afastarme dela, pero si unha máis que veu a ratificar que se para algo non servo é para política, nin para comungar con segundo e que cousas que, naturalmente, respecto e entendo que poden ser requisito fundamentais para medrar, pero que non comparto en absoluto.
O certo é que, se non acabei convencida de que son imbécil rematada e de que no sitio do cerebro teño un garavanzo, foi porque, afortunadamente, e, en contra do que se me supón, teño criterio e personalidade propias. Mellores ou peores, non sei, pero propias, e ante certas estupideces... en fin, mellor calar.
Pasou o tempo, e algunhas desas mulleres que tanto me criticaron foron ascendendo chanzos nas súas carreiras, demostrando, eso teño que admitilo, que son moito máis hábiles que eu, e que os principios, nin enchen petos, nin procuran "amigos" e, a medida que isto foi acontecendo, o seu estilo foi mudando, máis ou menos sutilmente, pero recordando sospeitosamente a ese que tanto censuraron en min e con claras evidencias dun poder adquisitivo máis solvente que o meu, eso desde logo.
Pouquiño a pouco, foron introducindo ese "pijerío estético" que en min era sinónimo de frivolidade e escasa talla intelectual, por non dicir ningunha, nos seus armarios, e os xerseis varias tallas máis grandes, as camisetas estiradas, os vaqueiros destinxidos, foron, e están a ser, gradualmente, substituídos por outros que tentan semellar ser iguales, pero coidadosamente elixidos, combinados, e cun estilo perfectamente estudado que pretende ser informal, e que, mesmo chega a admitir algún traxe de chaqueta francamente elegante, algo, por certo, que eu non adoito usar, pero que, se chego a telo feito, mi madriña, a que me caería!
Tamén o "make up", upppsss, perdón!, maquillaxe, que igual o anterior termo soa demasiado "pijo", fixo acto de presencia, tendo a precaución, iso si, de que non se note demasiado, pero evidenciando, e de novo recorro a unha canción, aquelo de "sombra aquí, sombra allá" e o mesmo sucede cos salóns de peiteado, que pasaron de semellar non existir, a ser frecuentados para adoptar eses estilos que parecen descoidados pero nos que non se leva nin un so pelo fora do seu sitio.
E mirade o que son as cousas, a súa capacidade intelectual non minguou, seica, ou, a lo menos, ninguén dubida dela, nin o seu talante feminista é cuestionado, malia as evidentes contradicións.
O certo é que a min, francamente, tráeme absolutamente sen coidado como visten ou como se peitean, pero o que me parece francamente preocupante é que se xulgue a alguén polo seu aspecto, e que se poñan en dúbida as capacidades de calquera muller por vestirse de determinado xeito ou por coidar máis ou menos a súa estética.
Que exista, supostamente, un "dress code" que nos defina, así mesmo, as mulleres como boas ou malas políticas, que decida se somos válidas como activistas ou feministas, ou, e isto é o máis grave, que sexa o baremo polo que se mida o noso intelecto e a nosa capacidade para calquera actividade, e que este veña imposto por outras mulleres, é, sinxelamente, lamentable.
Asociación Si,hai saída