Pedro J. Peón Estévez
A volta ó mundo de Gonzalo de Vigo (IV)
- Quixera deixar patente que o senhor Sumahi non veu para relatarnos tódolos avatares das expediccións espanholas arredor do mundo. Para iso están os libros de historia e quen máis, quen menos ficamos sabedores destes feitos. Podiamos falar perante horas do calamitoso paso do estreito de Magalhaês ou da intrincada guerra das especias pero,o que nos interesa e o relato de Sumahi e toda a sua ascendencia abordando aqueles feitos máis salientables das súas vidas.
- "Si, e agora voulhes contar..." - desta volta foi o malaio quen me interrompeu.Tinha a mesa estrada de notas, que consultaba cada canto, escritas cunha grafía extranha totalmente inintelixíbel para nós.
- ..."Coa licenza dos meus devanceiros que xa forman parte do chan de Guaján agás o meu pai, que aínda anda por alá e ben rufo que está " -
" Cara finais do XIX, a minha Guaján (a súa Perla do Pacífico, segundo os espanhois)
pertencía a Hespanha e a nós non nos parecía ben nin mal; logo de catro séculos de ocupación, xa tanto tinha; coma quen di, xa os meus paisanos estaban habituados a velos e non nos ía mal naquel confín, esquecidos do mundo (e sobretodo, de Hespanha) Peor o levaban eles, os 54 soldados e 4 oficiais, abandoados á sua sorte naquel cu do mundo , enfermos de morrinha que, por todo patrimonio, tinhan un velho forte no porto de Aganha cun canón aínda máis velho que non estaba en condicións de disparar, uns enferrulhados fusís e moi pouca munición. Se os nosos se quixeran desfacer deles, non terían problema pero...para que?" (Lenes risas)
Intervín de novo por mor de apoiar o relato do chamorro con algún dato.
- Desculpe senhor Vigo. Logo de ser descuberta por Magalhães, Guaján (así lhe chamaron os espanhois) era a meirande das Marianas. Esta pequena ilha era considerada unha posesión menor que tan só tinha valor como porto de avitualhamento do Galeón de Acapulco na ruta comercial Manila- Mexico (Nueva España, naquela altura). Cando esta ruta caeu en desuso, Espanha foise esquecendo de Guam deixando á pequena gornición defensiva practicamente abandoada. Espanha e o seu rei estaban máis preocupados polas revoltas independentistas en suramérica. Que os aínda novos Estados Unidos ambicionasen Puerto Rico, Cuba e Filipinas era algo que non lhes quitaba o sono. A fin de contas, os inexpertos ianquis nada tinhan que rascar ó lado da España Imperial. O caso foi que o ultimo comunicado da península chegoulhes o 14-4-1898 apenas dez días antes da declaración de guerra por parte dos americanos e cando o destructor estadounidense USS Charleston e outro tres barcos abordaron Guam, o fato de espanhois ignoraba totalmente que o seu país estaba en guerra cos USA, máxime si na mensaxe do 14-4-1898 procedente da Manila se tranquilizaba ós militares dicíndolhes que o goberno español facía boas migas co americano. Na nanhá do 20-6 de 1898 soaron tres descargas de canón procedentes do mar...
- O meu tataravó Tristán Vigo contaba 16 anos e aquela manhá andaba por alí pois trabalhaba de mozo para todo para o senhor Francisco Portusach que era un rico comerciante da vila e que surtía de víveres aos militares. Os canonazos provinhan do mar, por fóra da barreira de coral que defende o porto de Apra ó sur da capital Aganha. Foi o capitán Pedro Duarte, todo nervioso, quen lho contou ó capitán do porto, o tenente de navío Francisco García. Este, moi tranquilo, axinha armou unha delegación para darlhe a benvida ós da Navy. En primeiro lugar botou man dun bote propiedade de Portusach (o xefe do meu bisavó) Ata aí chegaba a precariedad daquela xente que nin barco tinha. Na popa mandou subir ao doctor Romero e a un cura chamorro que non sei como se chamaba. Na proa ía el e a babor, Xosé Portusach, fillo de Francisco como intérprete de inglés e remeiro.
- Eu non penso remar que para iso o dono do barco é meu pai -dixo Xosé.
- Pois eu menos, que son o primeiro oficial de abordo -repuxo o capitán, e logo engadiu:
- A ver padre, doctor; boten unha man - os aludidos negaron coa cabeza a un tempo.
- E logo por que non rema o capitán Duarte no canto de ficar chantado aí no peirao? - quixo saber o padre cura.
- O capitán Duarte non pode que se amarea:..e ademais…ehem!… non sabe nadar- aclarou o capitán García.
- Pois daquela eu lisco...- dixo Xosé erguéndose do bancal.
- Ti ficas aí e remas ! Éunha orde ! Agora estás militarizado nun barco decomisado pola Armada e, de desobedecer, pódeste enfrontar a un conselho de guerra !
- Vale, non se ponha vostede así! Pero que conste que segue a faltar un remeiro para equilibrar as forzas...
O Capitán Garcia levantou a vista e encarou co meu bisavó que se estaba a divertir coa escea enriba do peirao.
- A ver ti, pailán ! Baixa para abaixo e amárrate a ese remo ou mándote ó paredón !
E o tataravó Vigo obedeceu sen deixar de rir e viviu unha das esceas máis surrealistas que se tenhan dado neste mundo.
E, boga que te bogarás, chegaron onde o destructor, entón García púxose en pé non sen dificultade co arrandeo do bote e saudou militarmente mentras dicía:
- Welcome tu Guaján míster captein - de seguido, deulhe unha chapada a Xosé para que soltase a frase que lhe repetiu na orelha perante a viaxe e así falou nun aceptable inglés, aínda que un pouco tatabexo por tan grande responsabilidade.
- S-Senhor; ten que desculpar que eee...non corresponderamos con outras tantas sa -sa -salvas ás de vostedes p-pero é que o noso canón xa é velhinho e está esteee...cascado coa salitre e dubido moito que puidera eee...disparar sen estouparnos nos morros…
Daquela Henry Glass, capitán do USS Charleston, afastou os prismáticos amosando uns olhos coma pratos e ficou así un bo anaco. De súpeto,toda a tripulación do destructor estalou nunha gargalhada que se oiu desde o porto. Os da chalana non entendían nada cando foron convidados a subir a bordo. Ali foron recibidos amablemente polo capitán Glass. O primeiro en dirixirse ós ianquis foi o doctor quen, en virtude do regolamento militar preguntou se habia algunha novidade sanitaria a bordo, disposto a prestar a pertinente axuda. Maís risas, esta vez discretas, comedidas. Despois tomou a palabra García quen se volveu excusar por non corresponder con salvas de benvida repetindo aquelo de que "os canóns do forte de Santa Cruz están un tanto escaralhados e non é cousa de que che estalen nos focinhos" .Glass estaba apampado; respirou fondo e faloulhe moi serio.
- Pero vamos a ver senhor... de verdade que non sabe vostede que estamos en guerra? Esta manhá tirámoslhes tres andanadas de obuses reais, aínda que con moi mala puntería. Pois menos mal que non tivemos resposta pola sua parte pois, de darse, houberamos continuado o ataque con tódalas consecuencias. Dea grazas que os seus canóns...
- O canón -correxiu o capitán García.
- Vale; que o seu canón non estiver operativo.