Tribuna Viva
O emprego, o primeiro
O paro subiu en Marín un 5,11% en outubro. 2570 marinenses están nas listas do paro, pero o número de persoas sen emprego no noso concello é maior, pois moitas deciden non apuntarse nas listas do INEM. Son máis mulleres que homes, a maioría ten entre 25 e 44 anos e procede do sector servizos.
Os datos son oficiais, pero só é precisa unha vaga ollada ás rúas da nosa vila para decatarnos de que cada día pechan máis negocios. Se falades cos seus propietarios, contáranvos que sobreviven grazas a ter un local en propiedade e non ter que pagar o aluguer, ou que non despiden ao seu empregado/a porque se trata do seu fillo/a.
Tampouco fai falta buscar datos en ningures para saber que a flota de Mauritania segue amarrada no porto, e os mariñeiros afectados están aínda pendentes das axudas que lles corresponden despois de que o goberno do Estado, co aplauso da Xunta, intentasen facerlles un prezo especial máis baixo que o dos andaluces. Aínda así, as axudas só son un calmante, os nosos mariñeiros queren pescar e dende Europa non se lles deixa.
Dos preto de 1000 traballadores que chegou a empregar Factoría Naval, hoxe quedan apenas 30, e o conselleiro de Industria síntese satisfeito despois de entregar 23 millóns de euros públicos a cambio do nulo cumprimento do plan de negocio e de centos de parados.
As políticas de emprego do goberno local son nulas. A xestión realizada polo BNG, durante o goberno municipal, promoveu proxectos innovadores e creadores de emprego como o Parque Multiaventura de Cadro, que podería xerar máis postos de estar en funcionamento do albergue. O mesmo sucede que o Centro de Interpretación dos Petróglifos.
O goberno actual desbota ademais as posibilidades que se lle presentan de poder investir miles de euros en xerar traballo. Nestes días comprobamos como os excedentes do Arela invístense sen ter en conta a dura situación de desemprego na que están moitos marinenses. A ampliación do Área de Rehabilitación do Casco Histórico, é un bo exemplo de cómo se podería xerar traballo e emprego ao tempo de dar oportunidade a máis persoas de acondicionar a súa vivenda.
Con preto de cinco millóns de persoas sen emprego no conxunto do Estado e 260.000 en Galiza, a creación de emprego debe ser o principal obxectivo de todos os gobernos, tamén do municipal. Practicar a improvisación e facer política de distracción non é o que procede. Tampouco a falta de diálogo é o mellor camiño.
O día 14 asistiremos á segunda folga xeral convocada dende que o PP goberna no Estado. O PP fixo ouvidos xordos á primeira. Nesta berraremos máis forte.
Pilar Blanco López
Voceira do grupo municipal do BNG en Marín
13.11.2012