Tribuna Viva
A Plataforma de Seixo decide pospoñer a manifestación da sanidade de Marín
A Plataforma de Seixo decide pospoñer a manifestación da sanidade de Marín prevista para o domingo 20 "pola traxedia do barco Villa de Pitanxo"
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, vén de expresar "o profundo pesar" ante o afundimento en augas de NAFO do pesqueiro Villa de Pitanxo, con porto base en Marín e quere trasladar "todo o noso cariño e apoio a familiares e amizades dos 21 falecidos e desaparecidos."
A Plataforma tamén quere mandar "afecto para a tripulación" do buque galego Playa Menduiña Dos, primeiro en chegar á zona, tamén á tripulación do portugués Novo Virgem da Barca e do resto do dispositivo de rescate.
Segundo a Plataforma "estes están a ser momentos moi duros para Marín e para o resto dos concellos do Morrazo. Nas vilas mariñeiras como a nosa sabemos que o mar dá vida pero tamén causa dor... Quen máis, quen menos ten sufrido este tipo de traxedias no mar e hoxe son 8 familias de Marín, compañeiros, amizades e veciñ@s quen choramos a perda dos nosos."
Nese sentido, as veciñas e veciños da Plataforma anuncian "o aprazamento" da manifestación este domingo 20 de febreiro en Marín en defensa dunha atención sanitaria digna – xa retrasada polo mal tempo do domingo 13 – "por respecto a todos os veciños que perderon a vida nesta traxedia e aos seus seres queridos."
E informan de que "en canto sexa posíbel, concretaremos a data desta necesaria mobilización para seguir a defender tod@s xunt@s o noso dereito a unha atención sanitaria digna."