Tribuna Viva
O Goberno Central pretende perpetrar unha nova aberración en Lourizán
O pasado día 4 publicouse no BOE o proxecto de ADIF, dependente do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, para suprimir os pasos a nivel do tren ao Porto de Marín ao seu paso polos Praceres, coa construción de 2 túneles para vehículos e peóns.
É dicir, que o goberno central está disposto a perpetrar esta nova aberración en Lourizán, das maiores vistas ata a o día de hoxe. E iso que xa son moitas.
Pretende o goberno desta maneira cumprir coa sentenza de 2007 do Tribunal Supremo que declarou ilegal os pasos a nivel. Despois de 15 anos dándolle voltas optan por esta solución, a máis prexudicial para a veciñanza.
Resulta neste caso moi apropiada a expresión de "é peor o remedio que a enfermidade", que incomprensiblemente as autoridades xudiciais consideran aceptable, en tanto que supón a supresión dos pasos a nivel, pero que desde o punto de vista do sentido común só se pode considerar unha aberración, unha condena para Lourizán. Mesmo parece unha venganza ou un castigo por terse enfrontado ao Estado por opoñerse a que un tren cruzara a praza por diante da igrexa.
Se en 2001 a administración xustificouse asegurando que non era viable tecnicamente enterrar o tren, nos últimos anos o argumento foi que aínda que é viable, o tempo que durasen as obras suporía unha perda económica moi grande para o Porto de Marín ao non estar este operativo. Así que a solución que escollen é enterrar ás persoas. Antepoñen o beneficio económico do Porto de Marín ao beneficio social, ao benestar da veciñanza e ao futuro da parroquia.
Pódese resumir da seguinte maneira: as administracións públicas contrúen un tren ao porto polo medio dunha praza veciñal, con pasos a nivel, algo que prohibe a lei; a veciñanza rebélase, soportando a represión policial, e demostra ante a xustiza que o tren era ilegal; 15 anos máis tarde o goberno central considera que o tren está ben así, que o problema son a praza e as persoas que a frecuentan, así que decide enterrar a praza e ás persoas.
E só nos queda afirmar que vivimos nun Estado fallido, onde o de "Estado de dereito e do benestar" só é un eslogan, onde priman os intereses económicos dos poderosos sobre os dereitos da cidadanía.
Desde a Asociación Veciñal Estriceres facemos un chamamento á cidadanía para intentar deter esta sen razón.
Xa se solicitou unha reunión coa Subdelegada de Goberno, para explicarlle a nosa oposición frontal a este proxecto, así como unha reunión co concelleiro da parroquia para coñecer a postura do Concello e as medidas que teñen pensado adoptar.
Presentaremos as alegacións oportunas nos próximos días, pois o proxecto xa está a exposición pública. Pero moito nos tememos que as alegacións non serán atendidas, como soe pasar coa administración, e que non quedará máis remedio que recurrir á mobilización social.
Asociación Veciñal Estriceres