Pedro J. Peón Estévez
Outro Nadal negro (11.000.000 de LEDs)
Hai moito, o xenial músico colombiano José Barros compuxo "Navidad Negra", unha exitosa canción que aquí chamabamos 'El pescador de mi tierra'. Nadal e negrura; ate ahí as coincidencias co presente artigo. Aquela era unha cumbia festiva. Esta, unha crónica realmente negra.
Chega o Nadal, tempo de LEDicia, ou de LEDicidio, é dicir: tempo de desorbitante despilfarro urbanita en LEDs. Avalanchas de babións provincianos acoden en masa á "villa et corte" a pasmar co LEDo festival de luz e cor onde Sol, Preciados, Carmen, etc. etc. refulxen por obra e graza dos megavátios importados das propias terras dos mesmos romeiros que, aloulados, peregrinan ó macro-absurdo praesepe. Os que deixan a súa escura aldea inzada de tarabelas ou con ameaza delas, atravesan o Guadarrama tan de présa que non se decatan que en todo aquel cordal non hai un só aeroxerador. Deixalos. Van ó que van; a pasmar, a gastar e a contalo na aldea ó voltar. Alá agárdanos 11.000.000 de LEDs e móntanos nun autocarro sen teito para velos melhor. Autocarro que non vai á Cañada. Con tal deslumbramento, ninguén repara en que, alí preto existe unha cidade-pesebre sen unha triste luz con nenos aterecidos de frío, tan próximos, tan nosos e reais ( moito máis que aqueloutro da lenda de Belén ) Nen sequera as súas chabolas contan cun revestimento de LEDa como as colmeas.
Podo imaxinar o espectáculo que se divisa desde LEDa, décimo terceiro satélite de Xúpiter, observando a nosa Terra. Veranse as cegadoras galaxias de Madrid, Vigo, Barcelona e unha pléiade de estrelas menores.
Chámanlhe Cañada Real ( non confundir con camada real; esa non pasa frío ) É o reino da escuridade. Disque os nenos non choran porque se lhes xean as bágoas. Disque non poden facer os deberes porque se conxea a tinta dos bolígrafos. A cacicaxe reinante naqueles pagos di que, os que alí viven, son quinquis, ionquis, moinantes para eludir responsabilidades pero só son trabalhadores ultra-explotados que non poden nin pagarse un merda-micro-piso-zulo deses que lhes alugan ós estudantes e a familias enteiras por un pastizal. Non lhes ponhen electricidade como castigo pero...cal é logo o seu delicto?: seren pobres, ese é. Desatendidos polos mesmos inútiles que sinalan co dedo as favelas brasileiras ou os ranchitos venezolanos. Alá, cando menos, non vai frío. Esa é a cara escura do Madrid-Libertad da "relaxing cup" e da cañita, do esquí en Navacerrada sen o atranco das tarabelas pois, en toda a comunidade autónoma madrilenha NON HAI NINGUNHA: CERO!
Na Cañada Real reina a negra, xélida e perpétua noite pero... que é realmente este lugar ?
O Transtébere madrilenho ?
Un gulag ? Un campo de castigo ?
A outra cara do Madrid - Libertad ?
A alfombra baixo a cal varre Madrid as súas miserias ?
Son os LEDs substitutos das neuronas que lhes faltan á metade dos mandatarios hispanos ?
Cañada Real son nada menos que 7300 persoas das cales 2550 son menores que levan más dun ano sen enerxía intentando sobrevivir a outro inverno glacial.
Senhora presidenta, escoite un cantar da terra que produce boa parte da corrente que vostede dilapida (tamén vale para o alcalde de Vigo, o galáctico):
"Apaga a luz, Maripepa, apaga a luz
Que non se pode durmir con tanta luz..."
"Apagha o candil Marica chus-chús
Apagha o candil que hai moita lus...."