Marta Rodríguez Engroba
"Lo dije porque le tengo rabia y punto"
"No me ha tocado un pelo, ni un solo dedo, nunca en su puta vida.
Estoy arrepentida y lo dije porque le tengo rabia".
Esta é a razón "de peso" que se podía escoitar o pasado Domingo nun audio aportado pola ex parella dunha desas famosas as que non se lles coñece mais mérito que o de ser "filla de", dunha folclórica concretamente, ("influencers", creo que se lles chama agora, e que ven sendo, penso que, polo menos, nalgúns casos, o equivalente daquel "estudas ou deseñas?" dos que fomos novos alá polos 80, e ao que a resposta adoitaba ser: "Eu deseño, claro"), para explicar porque chamara a policía e o acusara de maltratala.
Todo isto sucedía en "prime time", nun programa deses que nos agasalla coa vida e milagres de famosos, "frikies", e demais personaxes, que pasou de ser deostada entre outras cousas polos seus contidos machistas a guía e luz na loita contra a violencia de xénero, algo que avala, ademais, o noso goberno (o futuro non se pode presentar mellor!), e que, como xa me puxeron verde por vela, e tamén por non vela, ante a dúbida, confeso que si estou a seguir certos programas, ou, mellor dito, certos tramos dalgúns deles con atención, porque me gusta estar informada de segundo e que cousas, e que, como ademais son teimuda, tratándose de violencia de xénero, non me resigno a que fiquen así.
Serei unha ilusa, non digo que non, pero non acabo de perder de todo a esperanza de que o tempo acaba por poñer as cousas no seu sitio.
Unha vez mais, como xa dixen hai meses, nesa ocasión na que recollín mais insultos que en toda a miña vida, tantos que algúns non sabía nin que existían, non digo máis!, por denunciar que se estaba a facer da violencia de xénero un show, non vou cuestionar se é verdade o que a rapaza dicía no audio, se o estaba a facer coaccionada polo aludido, como sostiñan algúns dos "expertos", que ignoro se teñen o don de coñecer todas e cada unha das intimidades destes personaxes, se conviven con eles polo menos longas tempadas, ou como fan, porque, de non ser así, non se explica o enterados que están sempre de todo, canto acontece nas súas vidas, ou se, sinxelamente, a movía o interese por acaparar horas de televisión.
O debate xa estaba servido e para iso estaban alí os autotitulados "xuices", "avogados" e demais autoridades na materia.
O que me indignou, o que non podo entender nin xustificar, é que, ante un delito como o que alí se estaba a escoitar, porque o que a señorita en cuestión, Isa Pantoja, concretamente,entre sentidos saloucos, eso si, confesaba nese audio é un grave delito, a indiferenza foi total, e o que máis e o que menos, optou por mirar se había moscas no plató, e adoptar a actitude de "a min que me rexistren", converténdose, obviamente, en cómplices.
Ninguén dixo, nin moito menos fixo nada ao respecto, polo menos que se saiba.
Tan só a presentadora do programa, durante uns breves minutos, visiblemente nerviosa, lle pedía ao afectado que calara, pero vaia, nada que lle impedira continuar tranquilamente, que, como dicía a canción "Tú para eso tienes experiencia!".
Este é o tipo de programas que o noso goberno, o Ministerio de Igualdade, premian pola súa labor na loita contra a violencia de xénero.
Os que contribúen a cometer e a agochar o delito... entre outras cousas.
Son, por desgraza, numerosas as mulleres vítimas de violencia machista que, buscando evadirse un rato, cousa lóxica, ven este tipo de programas, por mais que lles recomendamos que non o fagan, porque o único que lles vai provocar é dano, pero, obviamente, non somos quen para impedirllo, e son moitas tamén as que, cando, nalgún momento da súa vida, tentaron denunciar o seu agresor, foron cuestionadas, ou, directamente, non cridas.
Alguén se pode imaxinar como se sentirán escoitando a unha nena malcriada, independentemente, repito, de que fora ou non maltratada, dicir que chamou a policía porque lle ten rabia, cando, ao mellor, algunha delas, despois de ver que se lle estaba a facer caso omiso tras ter sido obxecto de malos tratos, tivo que volver co seu agresor, co que isto implica?.
Que pasaría se unha muller anónima sae de súpeto nun medio de comunicación confesando que chamou a policía para acusar a súa ex parella de maltratala porque lle ten manía?.
Canto tardarían esas redes sociais nas que todo se arranxa en botar fume, en alzarse esas voces que deciden quen é culpable e quen non sen mais base que o seu particular criterio, ademais, por suposto, dos titulares oportunistas de rigor?.
E outra pregunta que me vén á mente, a Fiscalía non tería algo que facer ou dicir ao respecto? Ou acaso as leis son diferentes dependendo do apelido da persoa?.
Naturalmente, é esta unha pregunta retórica, porque, obviamente, as leis non son distintas.
Outra cousa é que sexan aplicadas dunha ou doutra maneira, dependendo de a quen afecte esa aplicación, se é que chegan a aplicarse, que esa é outra cuestión.
En definitiva,a vista deste exemplificante panorama que nos amosa tan loable canle, xa sabedes mulleres, se tedes algunha conta pendente con algunha ex parella, se notades que vos produce animadversión e queredes darvos o gusto de vengarvos, chamade a policía e dicídelles que vos maltratou, que non soamente non vos vai pasar nada, senón que vos van sacar na tele, e, quen sabe? o mesmo vos dan un premio, sempre dependendo de se o voso apelido é famoso ou non, claro está, que as boas prácticas non se deben "democratizar" así, ao tolo!.
Asociación Si, hai saida