Tribuna Viva
Os comuneiros de Cela obrigan a suspender o roteiro contra a área de desenvolvemento eólica do Morrazo
A directiva da Comunidade de Montes de Cela obrígalle á Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo a suspender o roteiro que tiña previsto para este sábado 27 de novembro contra a ADE do Morrazo.
Segundo manifesta nun comunicado a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo (PDMM), a directiva da comunidade de montes de Cela prohibiulle a esta plataforma saír e transitar polos montes da súa propiedade comunal no roteiro que a PDMM tiña previsto realizar este sábado 27 de novembro contra a área de desenvolvemento eólica (ADE) do Morrazo e o novo parque eólico que dentro dela se está a xestar nos montes das parroquias de Cela (Bueu) e Ardán (Marín).
A Comunidade de Montes de Cela comunicoulle á PDMM esta prohibición en virtude no artigo 88 da Lei 7/2012 de Montes de Galiza mediante un correo electrónico no que se lle informaba á plataforma que non tiña o permiso da comunidade para facer a andaina e instándoa a suspender a convocatoria baixo o apercibimento de que se así non fose daríalle aviso ás autoridades e tomaría as medidas oportunas.
Posteriormente noutro correo esta comunidade de montes insistíu na desconvocatoria deixando caer que a comunidade de montes de Ardán, coa que se puxeran en contacto, tampouco daba o seu permiso para andar polos seus montes, dicindo ademais que era “polo ben de todo participante do dito roteiro e para que non se sinta enganado pola organización do dito evento”.
O roteiro programado pola PDMM para o sábado 27 tiña a súa saída na área recreativa de Chans de Cela e o seu percorrido transcorrería por vías forestais, camiños e corredoiras das parroquias de Cela e Ardán, parte del dentro do sendeiro municipal de curto percorrido de Chans, para dar a coñecer a importancia paisaxística, ambiental e cultural desta contorna que de xeito máis ou menos directo podería estar afectada polo proxecto do novo parque eólico que está a impulsar na zona a empresa ACS.
A PDMM amosa a súa incredulidade porque despois de máis de medio centenar de roteiros realizados por toda a comarca nos seus 10 anos de vida nunca lle pasara que unha comunidade de montes lle prohibira o paso nos seus roteiros.
Non pasara contra os roteiros realizados no seu momento entre os anos 2012 e 2013 contra o parque eólico de Pedras Negras, nin cando en novembro de 2014 se organizou un roteiro pola protección dos montes de Cela e Ardán, nin en maio de 2016 cando se realizou outro pola protección do Outeiro da Carballosa, lugares por onde pasaría o roteiro do vindeiro sábado.
Aseguran desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo que nunca no transcurso das súas andainas se fixo un mal uso do monte nin se causou ningún dano neste nin tivo ningún percance coas persoas que participaron nas andainas.
Máis ben todo o contrario. A PDMM deulle a coñecer á veciñanza a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que atesouran os montes da nosa comarca, mais tamén denunciou verteduras de entullos e lixo, o mal estado dalgúns xacementos arqueolóxicos, as cortas indiscriminadas de arborado autóctono ou a eucaliptización, entre outras actividades perniciosas para a paisaxe e o medio e reclamou para eles unha maior protección ambiental.
Por iso desde a plataforma non entenden esta actitude e postura tomada agora pola comunidade de montes de Cela prohibíndolle andar polos montes da súa propiedade comunal, a non ser que se teña dado por aludida por algunha denuncia pública relacionada no pasado cos seus montes. E pregúntanse que problema ten a directiva da comunidade de montes en que lle dean a coñecer á veciñanza a importancia dos valores naturais e patrimoniais e da conservación do monte. Tamén se preguntan se coñecen esta postura de prohibirlle o paso a sendeiristas todas e todos os comuneiros de Cela e se están de acordo con esta decisión.
Estas semanas soubose que a empresa ACS quere impulsar nos montes das parroquias de Ardán, Cela e Ermelo un novo parque eólico do que pouco se sabe, segundo a PDMM, polo escurantismo da directiva da comunidade de montes de Ardán que tivo que suspender unha asamblea para tomar unha decisión con respecto ao parque polas formas e as presas con que se convocou.
Por iso pregúntanse na PDMM se a decisión de prohibir o roteiro non terá que ver máis ben con este proxecto, ao que realmente vai dirixido, e detrás del a posible postura a favor do dito parque eólico por parte da directiva desta comunidade de montes que podería estar a negociar xa coa empresa ACS os termos do contrato como veu a demostrar por informacións extraoficiais a directiva da comunidade de montes de Ardán.
Se isto é así, entenden desde a PDMM, que tanto á directiva da comunidade de montes de Cela como a de Ardán non lles interese que alguén vaia explicarlle á veciñanza in situ o enorme impacto ambiental no territorio que implicaría a instalación dun parque eólico nos seus montes, na proximidade doutras parroquias limítrofes e de varios núcleos de poboación.
A PDMM manifesta que sen ambigüidades nin localismos, e tendo como norte a defensa do patrimonio paisaxístico, ambiental e cultural por riba de calquera outro interese –sexa político, económico ou da propiedade privada- non permanecerá calada ante quen pretende silenciar de xeito torticeiro coa coacción o seu labor e se presta a operacións como a deste novo parque eólico e a grande especulación de solo industrial que subxace ao seu redor a costa do solo rústico de protección de espazos naturais, paisaxístico, forestal, de augas e patrimonial.
Pero para evitar males maiores e posibles problemas legais tanto para a propia plataforma como para as persoas que poidan participar no roteiro, decide suspender o roteiro programado para este sábado 27 de novembro e o que tiña ideado organizar para o vindeiro 18 de decembro polos montes afectados polo novo parque eólico na parroquia de Ermelo pola sospeita de que poida suceder a mesma problemática.
A Plataforma para rematar advirte que hai que estar preparados ante a probabilidade de que este novo parque eólico poida tramitarse pola vía rápida a través da súa declaración de interese social e económica dada a grande especulación de solo eólico e empresarial existente.
Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo (PDMM)