Manuel Pérez Lourido
Desconexión
Hai xente polo mundo adiante, por iso que ten que haber de todo, que se encirra moito por pequenas cousas como as palabras. Xente que se enche de xenreira e se alporiza e á que se lle poñen as fazulas coma carbóns acendidos e unha vea da gorxa médralles cousa mala e comezan a botar escuma pola boca, e palpitan raro e sáenlles lóstregos polo ollos… por culpa de certas palabras ou de certas expresións. Pois ben, eu son unhas desas persoas e hoxe tócalle á expresión "desconectar".
Imos ver. Non teño nada contra o que agocha esa forma de falar, id est, o concepto do tempo de lecer coma un xeito de se afastar do abafo. Ocio versus negocio. Traballo e descanso. Penso que non hai quen poida ter algo contra a posibilidade de que ata o máis explotado dos traballadores teña un tempo de seu, aínda que sexa só para evitar que rebente (con todo fastío que iso pode implicar). A hora do bocata penso que é un dereito recollido en calquera lexislación laboral dos países civilizados ou en vías de se civilizar. O que non teño tan claro é que chamarlle a estas cousas "desconectar" sexa un boa idea. Nin sequera que sexa unha idea. Paréceme máis ben algo que se lle ocorreu a alguén, que a xente é moito de que se lle ocorran cousas (como que pola noite non temos enerxía solar, por exemplo) e aí quedou. A expresión parte dun feito previo que é a "conexión" e a min iso paréceme moito supoñer. Conexión implica unha certa comuñón, un certo grao de agarimo entre as dúas cousas conectadas e, no eido onde nos estamos a mover, que son os seres humanos e as obrigas de todo tipo, pero especialmente as laborais, non vexo moito esa comuñón. Por moi namorado que esteas do teu traballo, que tamén hai xente que se namora as primeiras de cambio, habería que ver onde estarías se non fose polo carto. Do carto si que non desconecta ninguén, tennos ben collidos e paso de dicir por onde.
Eu escoito "desconectar" e, cando me recupero do ataque furibundo de odio a esa palabra, vexo diante miña unha xerra de cervexa ou un vasiño de licor café. Máis primario non podo ser. Asocio o relax (outra palabra na que non me podo poñer a pensar moito porque en fin) ao feito de ver na compaña de seres queridos (persoas tamén). O que cantaban os Burning en Mueve tus caderas: "unas copas unos amigos y un poquito de rock and roll". Eles recomendábanllo a unha rapaza deprimida pero a min váleme para afastarme de todo (igual levo dentro unha rapaza deprimida). O caso é que cada quen ten o seu propio plan de fuga de todo aquilo que lle estresa.
Teño que confesar, finalmente, que unha das cousas coas que máis desconecto son cos artigos que escribo para este ou outros medios. E digo ben, desconecto, porque xa postos tamén vou confesar que non, que non me poño como unha hidra cando escoito esta palabra. Non me gusta moito, pero teño que botarlle conto porque se non non hai quen escriba nada. Cóidense.