Tribuna Viva
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo considera un parche o anuncio da Xerencia
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo quere denunciar o escandaloso anuncio feito pola Xerencia no día de onte, onde tenta resolver a ausencia dun médico en Seixo cun parche de dous días durante a segunda quincena de novembro.
Dende a Plataforma temos que lamentar que este anuncio chegue nas vésperas da manifestación en defensa da Sanidade Pública en Santiago de Compostela co obxectivo de tentar desmobilizar unha poboación que está farta de recortes e do maltrato da Xunta e a Xerencia á veciñanza no máis importante que é a Saúde.
O anuncio do xerente significa cubrir a praza do doutor Martín 16 horas despois de 4 meses de protestas. Que pasa os tres días restantes? Neste momento non hai aberta axenda para decembro polo tanto este anuncio só é para dúas semanas escasas. Que vai pasar en decembro? E no Nadal? A quen pretenden enganar con este remendo?
Así mesmo, a Plataforma quere denunciar as mentiras que o xerente emprega no seu anuncio xa que fai referencia a un encontro en Seixo no mes de xuño no consultorio no que non se atopaba presente a Plataforma en defensa da Sanidade Pública. Esquece deliberadamente o xerente que a nosa Plataforma nin tan sequera existía e que foi precisamente a desconfianza das súas promesas nese encontro a que levou á veciñanza a constituír a Plataforma. Así mesmo o xerente afirma que non foi solicitada ningunha reunión para coñecer as súas xestións esquecendo que a comezos de agosto solicitamos telefonicamente e por escrito unha xuntanza antes do recorte de 4h do 15 de agosto pero como o xerente estaba de vacacións pode ser que non se enterase ou non se quixese enterar.
A pesar destes parches de última hora da Xunta e da falta de apoio do goberno de M. Ramallo, a Plataforma vai desprezar 4 autobuses e coches particulares a Santiago para defender a Sanidade Pública e, pasada a manifestación, seguiremos a defender a cobertura permanente e a tempo completo do persoal do noso centro de saúde.
Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo - Iria Aboi