Marta Rodríguez Engroba
Se puidestes facelo antes, se tan doado é, por que non o fixestes?
Falo en pasado porque, a verdade, teño que confesar que non sei se seguen a usarse na actualidade e coa mesma finalidade.
Eu non o fago, pero é curioso como certas sensacións fican con nós por moito que pase o tempo, e, neste caso, hai algo que eu nunca puiden esquecer:
O seu cheiro, un cheiro penetrante que a min, que sempre fun algo rariña, seica, de pequena encantábame, era superior a min!, polo que se ía a coller ou a gardar algo a un armario ou, sinxelamente, me daba por aí, había que terme vixiada, xa que era capaz de pegar a bolsa ao nariz e aspirar profundamente unha, dúas ou as veces que me petase, algo que, tratándose dun produto tóxico, era, como mínimo, moi pouco recomendable.
Menos mal que ese pouco saudable costume non me acompañou nos anos vindeiros, nin con esa nin con ningunha outra sustancia!.
Pero, nunha especie de "deja vu" olfactivo, cada ano, por estas datas, un bo día comezo a notar de novo ese cheiro a naftalina que nunca cheguei a esquecer de todo, e, cando tento saber de onde procede, sempre me atopo coa mesma orixe:
Son as "conciencias", a "implicación", e a "empatía" relacionadas coa violencia de xénero que, desde o ano anterior, ficaron ben gardadiñas nos caixóns e armarios, protexidas coas bolas de naftalina para que ningún bicho as deteriorase, de maneira que se poidan utilizar durante moitos anos, e que, unha vez máis, de cara ao 25N, os seus propietarios e propietarias se afanan en ir ventilando, para que vaian perdendo ese arrecendo a rancio, a pechado, e que se exhibirán, xunto coas pancartas, carteis e consignas que amosarán que sociedade tan concienciada temos, canto nos preocupa a violencia machista, e, principalmente, canto se traballa de cara a estas datas nas que se leva a cabo unha auténtica carreira de fondo para demostrar quen organiza o evento máis soado, quen trae ao personaxe con máis poder de convocatoria, quen é capaz de conseguir a testemuña máis dura dunha vítima e no que políticos, institucións, e "chiringuitos" varios se afanan en saír nas fotos tendo o máximo cuidado de dar unha imaxe de unión, de concordia, con apretóns de mans, abrazos, e mesmo bicos se fai falta incluídos, porque ante a violencia de xénero, din, non hai cores, nin moito menos diferenzas políticas (e este sería o emprazamento perfecto para unha emoticona desas coa cariña de risa, pero claro, nun artigo non procede!).
Tampouco van faltar a cita, por suposto, as "máximas autoridades" do feminismo... ou, perdón, vou tentar explicarme con propiedade, as que se autoerixiron en máximas autoridades, porque as feministas de verdade, as de corazón, están aí, na loita, todo o ano, sen necesidade de facer espectáculo, nin de engancharse aos casos máis mediáticos para recordalo, que é xustamente todo o contrario do que farán non poucas das que van berrar, coma cada ano, iso de "se nos tocan a unha, tócannos a todas!", pero sen engadir o de "Ollo, sempre e cando penses e actúes coma nós, e adoptes as nosas "leis", porque, de non ser así, non soamente non te aceptamos, se non que nin es feminista, nin es nada, así, porque si, porque o dicimos nós, que sabemos moito de inclusión, de sororidade... e somos moi tolerantes!".
E ao mesmo tempo que se vai preparando todo ese deleznable teatro a costa da dor que, malia que non se paren a pensalo todos cantos participan nel, porque non é algo que lles quite o sono xa que as súas prioridades son outras, doe na alma a tantas e tantas mulleres que están a vivir, nalgúns casos soas e noutros cos seus fillos, un auténtico inferno en vida, no que atinxe ao ámbito institucional, tamén se dá nestas datas un "fenómeno" ben curioso.
De súpeto, así, dun día para outro, semellan decatarse das necesidades reais destas mulleres, das eivas na súa asistencia, na súa protección, dos enormes e tantas veces insalvables atrancos cos que se atopan ao tentar fuxir do seu calvario que non poucas veces as fan desistir de seguir adiante, e, nun tempo récord, a unha velocidade case de vertixe, son aprobados orzamentos, deseñados protocolos de axuda, de apoio, adoptadas como propias propostas e peticións feitas desde "territorio inimigo" ás que nunca se nos contestou e que agora se resolven sen problema, adoptadas medidas cuxa necesidade era obvia, pero do que ninguén semellaba decatarse, e que, por máis que se manifestara a súa necesidade, non atopaban resposta, pero chega Novembro, e, como por ensalmo, as solucións comezan a sucederse, unha tras outra, como se fose a mañá do día de Reis, e se lles ofrecese un agasallo tras outro para ir abrindo.
Nada é imposible no mes de Novembro, e as axendas botan fume, á vez que algúns incipientes ascensos, recoñecementos, ou como se lles queira chamar, que xa viñan coleando, se consolidan así, coma quen non quere a cousa.
Como é lóxico e previsible, os que xa molestamos o resto do ano, nestas datas nas que se suceden as vagas de implicación, de empatía, cotizamos aínda mais a baixa, por máis que semellase ser xa imposible e por máis que repitamos ata a saciedade que non temos nin o máis mínimo interese en conseguir un anaco do seu cobizado pastel, que a nosa única ambición é que nos deixen traballar tranquilos, pero se ve que é moito pedir, porque non hai xeito de que permitan que se vexa satisfeita, non vaia ser que alguén se confunda, e nos chegue algún pedaciño por accidente!.
Hai, ademais, outra petición que facemos ano tras ano, ou, mellor dito, unha dúbida que nos xorde, o mesmo que lles xorde a moitas vítimas de violencia de xénero, e que ninguén con competencias nos aclara:
Se tan doado era acadar todos estes logros, convertelos en solucións reais, tanxibles, por que non o fixestes?
Moito me temo que, unha vez máis, a resposta non chegará.
O que si nos está a chegar, puntual, como cada ano, é ese tufo a naftalina.
Alguén debe estar comezando a abrir caixóns...
Asociación Si, hai saída