Tribuna Viva
Nace en Cerdedo-Cotobade o colectivo feminista Voces Matrias
Nace en Cerdedo-Cotobade o colectivo feminista Voces Matrias, coa pretensión de promocionar a igualdade real entre mulleres e homes a nivel local, neste término municipal.
Somos un grupo de rapazas unidas polo afán de defender e promocionar o potencial feminino de Cerdedo-Cotobade, ante a falta deste tipo de movementos no noso concello, e de denunciar as desigualdades e situacións intolerables que se poidan producir por razóns de xénero. Lucía Aguete, Sarah Bott, Lucía García, Gloria Malvar, María Monteagudo, Esther Vázquez, Chus V. Paredes e Iria Riveiro, son os nomes que integran esta formación.
Rapazas de distintas idades, con distinta formación e con distintos proxectos de vida, que aportan diversos obxectivos individuais nesta iniciativa, pero cunha idea común, o traballo a prol da igualdade real.
Os nosos principais obxetivos céntranse en traballar pola igualdade de mulleres e homes en todo o que ten que ver coa vida local; pola destrucción dos estereotipos sexistas e a aceptación, integración e respecto da diversidade sexual e de xénero; pola loita contra a discriminación racial e xenófoba; pola defensa dos dereitos das mulleres, establecéndose unha canle de denuncia de situacións intolerables; así como na defensa e posta en valor do talento e traballo feminino a nivel local. Obxetivos que converxen nunha mesma finalidade, a construcción dun movemento feminista combativo e unitario, coa base dos valores da colectividade, solidariedade e apoio mutuo.
Para elo, traballaremos na organización de diversas actividades no eido da igualdade de xénero, da destrución de estereotipos sexistas, e do respecto á diversidade. Ademáis da promoción de accións reivindicativas dos valores da igualdade, e que teñan como obxectivo a consecución dunha sociedade igualitaria e libre de discriminacións por razóns de sexo e de xénero.
Despois de darnos a coñecer en redes, neste mes de novembro terá lugar a nosa primeira actividade, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Emprendedora. Esta consitirá nunha campaña en redes de visibilización e promoción de muleres emprendedoras do concello, e un “Obradoiro de Ferramentas e Oportunidades para a Muller Rural, na Era Dixital”.
Este será o próximo día 20 de novembro ás 19:00 h no Centro Cultura Nélida Piñón de Borela, e nel participarán Mariem Filgueira, Inés Fernández e Isabel García, tres mulleres que traballan no eido da orientación e asesoramento ó emprendemento.
Toda a información relativa a este evento, e a moitos outros que iremos organizando nos próximos meses, así como a contido de interés, pódese atopar nas nosas redes sociais (Facebook: Voces Matrias, Iniciativa Feminista de Cerdedo-Cotobade; e Instragram: @vocesmatrias) e no noso blog (www.vocesmatrias.blogspot.com).
VOCES MATRIAS, Iniciativa Feminista de Cerdedo-Cotobade