Marta Rodríguez Engroba
Maltrato psicolóxico. #SIESTAMOSOAS
Vén de arrastrar anos de aldraxes, de humillacións, de impotencia, mesmo de culpabilidade, cos que un malnacido, sen tocala, sen golpes, sen unha triste ferida que alguén puidera ver no seu corpo, na súa cara, pero moi profundas na súa alma, a foi minando día a día.
Primeiro foi o príncipe encantador que a namorou, que a coidaba, que lle fixo tocar o ceo coas mans, pero que, pouco a pouco, se foi transformando nun verdugo que a menosprezaba, que a controlaba a todas as horas, que a abafaba cos seus celos compulsivos e que conseguiu convencela de que, por si soa, sen el, non servía para nada, que era puro lixo, e, o peor de todo, ela chegou a crelo.
Iso si, fóra da casa, seguía ser o home carismático, amable, agarimoso, que a conquistara.
O auténtico, o que a ía matando cada día, aparecía cando a porta se pechaba, cando ninguén era testemuña do calvario que María estaba a vivir, e que ela calaba porque a incredulidade primeiro, a vergoña despois, e o medo lle impedían pedir axuda.
Ademais, quen a ía crer, se el seguía sendo igual de encantador, mentres que ela estaba cada día mais amargada, mais histérica, como el lle botaba en cara constantemente...?.
Se había algunha vítima nesa relación, era el, pobre, que non se sabía como a aturaba, sempre chorosa, triste... coa sorte que tivera de que un home coma el se tivera fixado nela!.
Estaba farto, dicía, porque ela non servía para nada máis que para laiarse e para amargarlle a vida a el... Se mesmo se volvera fea, ridícula... seguía con ela por pura pena!.
E ela calaba, choraba ás agochadas... non entendía por que a facía sufrir de tal xeito, pero chegou a pensar que tiña razón.
Pronto chegaron as puñadas que el lle daba as paredes, as portas....."por non darche a ti", lle dicía, un comportamento que sempre adoita ser o prólogo das agresións físicas.
María tivo sorte, dentro da súa desgraza, e, nunha desas ocasións na que a discusión subiu de ton, rompeu a relación, pero xa estaba tocada, moi tocada.
Malia isto, foi quen de comprender que necesitaba axuda psicolóxica e comezou a recibila, decatándose de que a agardaba un camiño longo e difícil, e de que algunhas pegadas dese inferno ficarán con ela para sempre.
Un bo día decatouse de que había algo máis que necesitaba facer para achegarse un pouco máis a esa paz que tanto precisa, e era tentar que se fixera xustiza, denunciar o seu maltratador, loitar para que pagara polo dano que lle fixera, polo delito que cometera, aínda sendo consciente de que era algo complicado, pero por fin entendía que era preciso, e que, ademais, era moi certo o que as campañas do goberno, os, se supón, expertos na materia, o que algúns medios de comunicación, nos transmiten:
Prevención. Ao primeiro sinal, control obsesivo, celos, insultos... acude a denunciar. Previr é fundamental.
No caso de María, o primeiro sinal quedaba xa lonxe, moi lonxe, mais estaba a tempo.
Nunca é tarde para reclamar xustiza, e, por riba de todo, para tentar curar vellas feridas.
O seu psicólogo, curiosamente, e para a súa sorpresa, desaconselloullo.
Tampouco o fixo el, malia coñecer, segundo María nos relatou, desde o primeiro momento, que o estado no que ela se atopaba se debía a ter vivido unha situación de violencia de xénero, de maltrato psicolóxico, concretamente, e existir un protocolo que lle obriga a facelo, pero, paradoxicamente, neste país noso, no que non teremos outra cousa, pero de protocolos andamos máis que sobrados, o seu cumprimento é, a maioría das veces, totalmente ignorado.
Para que complicarse a vida?.
Malia isto, María sentía a necesidade de facelo, de denunciar, algo moi positivo, porque, ademais de significar que por fin tomou conciencia da súa condición de vítima, algo que non é nada doado, contribúe a demostrarlle que non é a muller débil e desprezable que el lle fixo crer, se non que é valente, moi valente.
Chamoulle a atención a postura de Si, hai saída con respecto a esa “instrutiva" docuserie na que unha famosa, e, sobre todo, todo un elenco de expertos, nos deron unha lección maxistral sobre violencia de xénero, seica, porque, mentres media España nos insultaba a ela pareceulle realista, coherente, e acudiu a nós, algo, por certo, que lle agradecemos enormemente.
Naturalmente, lle brindamos todo o noso apoio, pero, unha vez que nos contou a súa historia, non puidemos por menos que facer o que sempre facemos, dicirlle a verdade e informala das posibilidades reais que ten de que a súa denuncia teña percorrido, para que ela, libremente, tome unha decisión, e esas posibilidades, no seu caso, como en case todos os que existe maltrato psicolóxico son moi escasas, por non dicir absolutamente ningunha.
Cando María, ou calquera outra muller nunha situación semellante á súa, chegue a comisaría, e relate a súa historia, o primeiro que lle van preguntar é se ten algunha proba: mensaxes, audios, fotos nos que apareza con algunha ferida... A resposta é non.
Testemuñas que presenciaran como a insultaba, a humillaba, a intimidaba? Non.
Non esquezamos que a violencia de xénero practicamente sempre se exerce de portas adentro da casa, no eido máis privado, especialmente a psicolóxica, e, porén, sen testemuñas.
Aínda no improbable caso de que esa denuncia sexa recollida e chegue ao Xulgado, automaticamente, e con toda probabilidade, será arquivada, aumentando así o risco que a muller pode correr, estando o seu agresor libre e sabéndose impune.
Non podemos, ademais, esquecer, a existencia da presunción de inocencia, malia que non todo o mundo é obviamente, merecedor dela, e o sabemos, pero non queda máis que respectala.
Isto, a realidade, non é o que nos contan nas campañas do goberno, nin os “expertos" en violencia de xénero que cada vez proliferan máis nos medios de comunicación.
Para apoiar a estas mulleres non aparece a ministra a golpe de twitter, nin van ter un plató de Tv. a súa disposición para contar a súa historia e clamar xustiza.
Tampouco as redes van ferver cos xa famosos #yositecreo.
Pero, o peor de todo, o máis preocupante, na miña opinión, e sobre elas incido, son as mensaxes lanzadas desde o goberno e desde as institucións en xeral, que deixan as claras o que sempre repetimos, que a violencia de xénero non se pode abordar exclusivamente desde os despachos, nin por aqueles que coñecerán moi ben a teoría, pero que é evidente que a realidade lles cae noutro planeta.
Soamente nos queda pedirlles que, se non están dispostos a mudar nada, e moito me temo que así é, e que, como moito, se aplicará algunha medida “cosmética" as que se destinarán, iso si, miles e miles de euros, polo menos non nos tomen por parvas e non nos mintan, porque as vítimas de violencia de xénero en xeral, e especialmente as que sofren maltrato psicolóxico #Siestamossolas.
Asociación Si, hai saída