Tribuna Viva
A Sociedade Cultural Deportiva Raxó denuncia a tala de piñeiros no Monte Baldío
A Sociedade Cultural Deportiva Raxó vese na lamentabel obriga de denunciar públicamente o atropello que o Concello de Poio ven de cometer na nosa localidade.
Dito abuso consiste na tala indiscriminada dos piñeiros propiedade dos/as veciños/as desta parroquia no Monte Baldío.
Como é sabido, o Monte Baldío é un monte de propiedade comunal. Antigo coto privado de caza denominado Monte das Perdices, foi donado por una familia fidalga "para disfrute dos pobres de Raxó" moito antes de que que o propio Concello de Poio se constituíse como tal e que, debido á súa dimensión, así como a extemporaneidade da Lei de Montes en Man Común non foi clasificado no seu momento por desistimento consensuado dos propios veciños. O que non implica, para nada, renuncia á titularidade do mesmo.
Cabe lembrar que foron constantes os conflictos suscitados entre o Concello de Poio e os/as veciños/as de Raxó por mor do uso deste monte, os máis durante o franquismo ou na época de Rey Fonseca como alcalde, quen tivo que reintegrar o importe dunha tala non consensuada previamente co vecindario.
No ano 1940 un concelleiro da primeira corporación franquista usurpou para si a parte baixa do monte, sendo constantes durante dito réxime os intentos de apropiación do Monte Baldío co beneplácito da corporación municipal, impedidos sempre pola mobilización veciñal, sendo no 1976 o derradeiro intento frustrado de venda do monte polo Concello de Poio.
Decir que dende a chegada da democracia ate o de agora, agás a tala antes referida realizada por Rey Fonseca, o uso do monte sempre se levou de xeito consensuado e armónico entre veciños, auténticos propietarios, e Concello de Poio. Exemplo delo é a xestión das pistas deportivas por parte da SCD Raxó, ou o rareo efectuado para evitar incendios nas inmediacións do CPI Espedregada, ubicado tamén no lugar co consentimento veciñal, todo elo froito dun amplo consenso agora roto unilateral e irresponsabelmente pola concelleira de Deportes, Marga Caldas quen, arrogándose unas atribucións impropias da súa área e desoíndo o criterio desta organización e, incluso, de membros da equipa municipal de goberno, procede con alevosía e obscurantismo á tala masiva e indiscriminada de todo o arbolado de piñeiros do monte sen ter en conta, previamente tampouco, a opinión dos lexítimos propietarios: os veciños e veciñas.
Tan reprobabel acción, resultado da prepotencia e ignorancia, provoca as lóxicas protestas e malestar entre o vecindario, sobre todo da zona alta de Raxó, que a autora pretende aplacar esgrimindo un informe do técnico de Medio Ambiente datado o 7 de outubro, un día despois de terse iniciado a tala.
Tampouco foi quen de explicarnos, en reunión celebrada o 15 de outubro, o valor económico da madeira talada e o destino previsto para ese importe, pois optou por levantarse airadamente da reunión para non dar explicacións. Aclaracións que esixiremos no mesmo Pleno do Concello si é necesario.
Ante esta situación a SCD Raxó ten acordado realizar una campaña informativa entre todo o vecindario de Raxó co fin de esclarecer a responsabilidade derivada desta deplorable actuación e da que esta entidade, malia a ostentar a xestión das pistas deportivas, é totalmente allea.
Seguimos demandando cumprida resposta as cuestión plantexadas na reunión do día 15 de outubro coa Concelleira de Deportes, e que esta non foi quen de responder, sobre o contido do informe do técnico de Medio Ambiente, valor da madeira vendida e destino do mesmo, que en todo caso consideramos debe ser investido en Raxó cubrindo a necesidade ou necesidades que os veciños e veciñas estimemos oportuno e que, por desgracia, non son poucas.
Carme Portela Carballa, presidenta da SCD Raxó