Marta Rodríguez Engroba
E aínda nos dirán que temos algo que celebrar...
Tendo a ver o lado bo das cousas, e mesmo cando se poñen moi difíciles ou abertamente negras, tento pensar que todo sucede por algo, e que é moi certo iso de que despois da tempestade vén a calma, polo que eses contratempos serán, con toda probabilidade, o preludio de tempos mellores.
Pero, desde hai bastante tempo, se nos poñemos a facer balance, algo habitual e obrigado en Si, hai saída, de como discorreron as cousas en materia de violencia de xénero desde que hai 7 anos comezamos a nosa traxectoria, e, o peor, como están a discorrer no presente, e o futuro que se albisca, o certo é que manter ese optimismo ou non perdelo directamente chega a converterse non sei se en toda unha odisea ou nunha mostra de total inxenuidade.
Non o teño nada claro, pero, en calquera caso, en algo nada doado de acadar.
Dicir que as cousas melloraron si que é todo un exercicio de negacionismo, ese termo tan de moda ultimamente, que moitos e moitas empregan para insultar a quen non lles segue a corrente sen ter moi claro, penso, o seu significado real.
E é que, se nos paramos a facer un pequeno análise da situación real, e non da que nos queren vender, a conclusión non pode ser outra.
Para comezar, temos un Ministerio de Igualdade dirixido por unha señora que, desde o primeiro momento no que sentou os seus reais na cadeira do seu novo despacho, e malia que a violencia machista, baixo a súa batuta, non deixa de medrar e medrar, amosa continuamente o seu desmedido afán de poder, de notoriedade, que a levan a estar máis pendente da súa proxección mediática que de poñerse a traballar, dunha vez por todas, e en serio, na loita contra esa tremenda lacra que é a violencia de xénero, esquecendo as vítimas anónimas, pero subíndose a velocidade do raio ao carro daqueles casos que teñen a sona mediática garantida.
Creo que, se por algo pasará a historia o día que deixe o seu mandato é pola súa "afección" a apoiar este tipo de casos a golpe de twitter, sen saber o que apoia.
A ela tanto lle ten.
A obxectividade non é, desde logo, algo que vaia con ela, nin tampouco a prudencia, ignorando por completo a mais elemental que é imprescindible a hora de valorar algo tan serio e tan grave como son os delitos de violencia machista.
Non hai xuíces, nin avogados, nin profesional ningún dos involucrados neste tema, moitos con anos e anos e moreas de casos as súas costas, o que lles aporta, obviamente, unha dilatada experiencia, que a poidan igualar en rapidez a hora de valorar a veracidade ou as particularidades dun caso.
A súa vara de medir é sinxela.
Hai rebumbio mediático, ben porque a protagonista é famosa ou porque as características do caso chaman ao morbo, as horas de Tv. ou a encher páxinas dos xornais?.
Non falla!. De inmediato aparece o twitter da nosa ministra, e o seu xa célebre #YoSiTeCreo, preferentemente de madrugada, e, a poder ser, en programas dunha desas canles prototipo de cousificación da muller, de normalizar relacións totalmente tóxicas, de apoiar e fomentar condutas que son auténticos paradigmas do machismo, que ela, que tanto se gaba de ser feminista, de liderar a loita pola igualdade, non soamente non condena, se non que apoia e fomenta coas súas cada vez mais frecuentes intervencións e mesmo presencia neles, o mesmo que a de integrantes do seu equipo, lanzando, iso si, arengas moi, moi feministas.
Outra cousa é se unha muller anónima é agredida, ou, por desgraza asasinada, independentemente das circunstancias, mesmo naqueles casos nos que existía denuncia, orde de afastamento, de protección, etc, e nos que se evidencia que algo non se está a facer ben.
Nese caso, como moito, hai un Tweet xenérico no que se di que se está a investigar "un posible nuevo caso de violencia de género", e a outra cousa, morreu o conto, e a muller, coa diferencia de que a muller non morreu, se non que a mataron, e dúas veces, ademais, a primeira o seu asasino material, e a segunda o total esquecemento de quen debería tomar as rendas do asunto, e asegurarse de que se toman as medidas que proceden e se depuren responsabilidades, xa que é a súa obriga, pola que está, ademais, a cobrar xenerosamente de todos nós, pero que está a outras cousas.
Por outra banda, e malia que, reitero, a violencia de xénero medra e medra cada vez máis descontrolada pero máis fortalecida, se miramos arredor, vemos como, desde as... imos dicir altas instancias, se apoia e se financia xenerosamente a creación de departamentos, despachos, grupos de traballo, "chiringuitos"... ou como se lles queira chamar máis ou menos eufemisticamente, presuntamente para loitar contra ela, pero na que os criterios prioritarios para escoller quen os vai ocupar e dirixir son ser amig@/ fill@/ familiar de..., cabeza visible ou, polo menos, pertencer e ter un papel un chisco destacado nalgún "contubernio", con perdón, susceptible de ser un frutífero nicho de futuros votos, afiliado destacad@ de...., etc, etc, etc.
Que quen os ocupa non teñan, e perdoade a expresión, nin puñetera idea de violencia de xénero, nin, en algúns casos, malia que non a aproben, non lles preocupe nin o máis mínimo?. Non pasa nada!. Sempre se pode tentar recorrer aos oportunos "copia e pega" daqueles a quen si lles preocupa e o manifestan abertamente, empregar un ton e unha expresión estudadamente compunxidos nas aparicions públicas, rodeados, iso si é fundamental, daqueles que son "alguén" e comparten intereses, e asunto resolto, o éxito está garantido.
E así, mentira tras mentira, aldraxe tras aldraxe as vítimas, chegamos ao punto no que nos atopamos na actualidade: 35 mulleres e 5 menores asasinados cando aínda faltan 3 meses para que remate o ano 2021.
Namentres, desde o goberno, desde o Observatorio de Violencia de Xénero, desde os "chiringuitos de ben", non deixan de repetirnos o moito que avanzamos, o ben que van as cousas, mentres nos facilitan unhas cifras para demostralo que, obviamente, non se poden rebater, como tampouco se poden rebater os seus "floridos" argumentos cos que celebran eses presuntos avances, como sucedeu hai un par de semanas en sendas xuntanzas, en Alacante e en Madrid, nas que, asegurándose de contraprogramarse unhas as outras, algunhas das protagonistas involucradas na firma do Pacto de Estado contra a violencia de xénero se reuniron para, supostamente, avaliar os avances obtidos, e celebralos.
Non digo eu que algo bo non se fixera durante todos estes anos, que, se rebuscamos, algo terá que haber, polo menos para os implicados, que algo gañaron, iso seguro, pero, e unha vez máis me reitero, creo que é unha auténtica burla e unha ofensa que, con 35 mulleres e 5 menores asasinados no que vai de ano nos "vendan", ou o tenten, que temos algo que celebrar.
Asociación Si, hai saída