Tribuna Viva
Por un xiro á esquerda
Alá polo 2005 o plan de humanización de beirarrúas desenvolvido polo goberno local de Pontevedra, impediu que aqueles vehículos que subían da praza de Galicia á rúa Peregrina xiraran cara a Glorieta de Compostela, obrigándolles a recorrer máis dun kilómetro para acadar un destino que se atopaba a uns poucos metros.
Parecía obvio que a prohibición de xirar cara á esquerda se debía a un despiste ou un erro de plantexamento xa que creaba moitos problemas e non ofrecía vantaxe algunha, tanto foi así que a oposición veciñal tentou tocar a fibra socialista daquel goberno e tirando de escarnio empregaron o eslogan "Por un xiro á esquerda". Non serviu de nada, 16 anos despois todo aquel que precise realizar ese traxecto en automóbil ten que resignarse a un tour a través das rúas máis concorridas de Pontevedra.
Non son poucos os episodios que ao longo destes lustros reflicten o talante negociador do equipo de goberno: os composteiros comunitarios, o peche da Rúa Raíña Victoria ou o máis recente episodio coa veciñanza de Monteporreiro son só algúns exemplos.
En particular, estes últimos, atónitos ante a resposta que recibiron dende a concellería de turno, botáronse á rúa para demandar diálogo, mais esixen que nese dialogo estea presente o Sr. Alcalde, xa que foi este quen recibíu a confianza de miles de pontevedreses e pontevedresas que agora non ven conexión entre as súas promesas electorais e as accións dos seus lugartenientes.
A nós, que temos a honra e a responsabilidade de representar aos traballadores e traballadoras municipais, non nos atinxen as consideracións políticas dos actos da corporación, no entanto como os veciños de Monteporreiro, os da contorna da rúa Raíña Victoria e de todos aqueles que levan 16 anos percorrendo varios kilómetros de máis para chegar ao seu destino, tamén somos vítimas destas formas tan peculiares que buscan a resignación antes que o diálogo.
Nós padecemos unha xestión moi deficiente dos recursos humanos, decisións unilaterais que nos perxudicaban e un dialogo social inexistente, ata o punto que as delegadas e delegados de todas as agrupacións con representación na xunta de persoal (CCOO, UGT, CSIF, CIG, SSPME e AFUMPO) vímonos na necesidade de romper as relacións coa adminsitración ata que o Sr. Alcade nos recibise en persoa para expoñerlle o noso punto de vista.
Cando lemos que o Concelleiro de obras garantiulle á veciñanza de Monteporreiro que se atenderán todas as solicitudes de entrevista unha vez atopen un oco na "axenda" pensamos que esa axenda debe ter as páxinas moi pequenas, xa que nós levamos agardando pola nosa case 200 días. Mais non nos imos resignar nin deixaremos de esixir que o Sr. Alcalde de a cara ante nós para que coñeza todas as disfuncionalidades que as persoas que el designou para levar a cabo a política de persoal están a causar.
Héctor Santaló Núñez
Voceiro da Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra