Tribuna Viva
Estriceres, preocupada polo futuro da parroquia de Lourizán
En Lourizán somos coñecedores, por experiencia, de que as sentenzas xudiciais, aínda que sexan definitivas, non se cumpren, cando afectan á nosa parroquia. Sempre hai unha morea de responsables políticos que buscan a maneira de esquivar a súa execución. Foi así coa sentenza do TS referida aos pasos a nivel do ferrocarril pola Praza dos Praceres declarados ilegais Tamén sucedeu coa sentenza do TS sobre os recheos ilegais do Porto de Marín. E agora parece que os responsables da Xunta xa están a buscar fórmulas para que a sentenza da AN, que declara ilegal a prórroga de Ence, tampouco se chegue a executar.
Chama a atención que sexan os mesmos que din sempre que respectan as sentenzas xudiciais. Pero polo que se ve, só as respectan cando son favorables aos seus intereses ou aos intereses que defenden.
Tamén chama a atención que, polo visto nos últimos tempos, coa deriva do CGPJ e do TS, órganos moi politizados e convertidos máis ben no brazo xudicial do PP, e despois de que a sentenza da prórroga de Ence se retrasara porque, según se publicara en prensa, o tríbunal estaba dividido, cun empate entre os maxistrados partidarios de declarar a prórroga axustada a dereito e os que defendían o contrario, e con presións do IBEX 35, a Xunta de Galicia non espere ao que decida o TS, cos múltiples recursos presentados. Porque visto o visto, tampouco sería de extrañar que o fallo fora favorable a Ence. Por iso, é chamativo que a Xunta decida buscar un atallo, que lle permita esquivar a sentenza definitiva, e propoña a integración dos terreos de DPMT que ocupa Ence no Porto de Marín. Queda claro que cando se trata de idear estratexias para trampear a lei e para escapar da xustiza son "auténticos profesionais". Para que arriscarte a que a xustiza faga cumprir a lei, se cun pouco de picaresca podes evitalo?
Sabemos tamén que a non execución das mencionadas sentenzas que afectaban a Lourizán, está, en maior ou menor medida, directamente relacionado con que empresas como Ence ou Nogueira, sexan parte interesada; con que no Consello de Administración de Ence se senten ou se teñan sentado, antigos dirixentes do PP, como Isabel Tocino ou Carlos del Álamo; ou que o Presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez sexa o marido da que foi Ministra de Fomento, Ana Pastor, de quen dependía a execución da sentenza dos pasos a nivel ilegais do tren ao porto. Por exemplo.
Por todo isto, tampouco nos colle de sorpresa que agora a Xunta propoña a maneira de non cumprir outra sentenza. Nesta ocasión, cunha idea, a de adherir Ence ao Porto, que xa se tentou no pasado e xa foi descartada no seu momento, e que agora volve a poñerse enriba da mesa: o que faga falta para defender a Ence e para esquivar á xustixa.
Agora ben, vémoslle un problema importante a esta proposta. Igual para a Xunta non o é, pero si alomenos para a veciñanza de Lourizán: parte da nosa parroquia, o núcleo de centralidade, cos Praceres e o Cabo, queda no medio, coa igrexa e multitude de casas situadas entre Ence e o Porto. E só hai dúas opcións posibles: que Os Praceres e O Cabo tamén sexan adheridos ao Porto, ou ben quede como unha illa dentro deste.
Nós queremos propoñer a primeira, porque ten maiores ventaxas para a Xunta de Galicia, e por extensión para a sociedade galega.
En 2018, cando a Xunta propuxera triplicar a EDAR dos Praceres, cunha ampliación que chegaba practicamente ata o atrio da igrexa, desde a Plataforma Non Á Ampliación apuntaron que "era mellor que trasladaran a igrexa pedra a pedra a outro lugar e que nos trasladaran a toda a veciñanza e que a Xunta botara man de todos os terreos entre Ence e o Porto". Así acabábase dunha vez co problema.
Pois en 2021, desde Estriceres, queremos facer unha proposta similar: que xa postos, adhiran Lourizán enteiro ao Porto de Marín.
Como ultimamente hai moito nostálxico, pódese optar por facer o que facía Franco cando os pantanos asulagaban as aldeas: trasladar á veciñanza a outro lugar cercano, pero fóra da área afectada. Enlazando coas protestas dos catequistas sobre que non envíen un cura para a parroquia e que o cura de Cantodarea pretenda que os nenos e nenas de Lourizán vaian alí para dar a catequese, a solución sería que a Xunta traslade a toda a veciñanza a Cantodarea. Desta maneira xa non sería necesario trasladar a igrexa.
E todo serían vantaxes para o Porto de Marín e para Ence: O Colexio Sagrado Corazón podería ser destinado a albergar as oficinas da Autoridade Portuaria, pois non cabe dúbida de que se trata dun edificio máis nobre co actual, á altura da súa categoría. O Pazo de Lourizán quedaría para as oficinas de Ence, pois a Xunta xa tentara cederlle o edificio para que a empresa montara un chiringuito, e desta maneira podería facelo. E mesmo o campanario da igrexa podería ser reutilizado como grúa para carga e descarga.
E todos sairíamos gañando, especialmente o Porto de Marín e Ence, que ao fin e ao cabo é o importante. Pero incluso a veciñanza, pois xa estamos cansos de vivir durante décadas nun lugar tan feo e marxinal, cambiando o "patio traseiro" de Pontevedra, pola "fachada marítima" de Marín...
ASOCIACIÓN ESTRICERES