Marta Rodríguez Engroba
Violencia de xénero, como facer negocio de xeito rápido, cómodo e seguro
Se as cousas xa non estaban moi boiantes, a chegada da pandemia supuxo a ruína total para moitas persoas, para moitas familias.
Foron numerosos os prexudicados que viron truncadas as súas aspiracións de medrar profesional e socialmente e aos que un futuro máis ou menos prometedor se lles tornou totalmente negro.
Pero como sempre ocorre nesta vida, e, sobre todo, neste país noso, ata para tentar afrontar a época das vacas fracas hai clases, e, unha vez máis, se puideron observar dous grupos claramente diferenciados.
Por unha banda, están os que se viron na necesidade, sen máis opcións, que aparcar na cuneta non soamente as súas ilusións, se non tamén anos e anos tal vez de estudos, de traballar moi duro, de loitar para manter os seus negocios a flote, para agarrarse ao que podían para tentar sobrevivir, e isto con moita sorte, se é que aparecía algo ao que agarrarse.
Pola outra, están aqueles que, sendo previamente máis hábiles, ou tendo máis facilidades, xa miraban con anterioridade moi moito o eido no que se movían, as relacións que ían cultivando, e foron, pouquiño a pouco, tecendo unha rede de "amizades desinteresadas", altamente recomendables de cara ao futuro, e máis aínda no caso de vir mal dadas, xa que sempre amortecerían un chisco a posible caída , ou, quen sabe? tal vez facilitarían comezar a recoller os froitos de ter "colaborado altruístamente" con este ou con aquel, e de achegarse principalmente a aqueles que contan coa forza e cos medios para darlles o empurrón preciso, que farían posible que non soamente non acusaran os malos tempos coma os primeiros, se non que saíran deles claramente favorecidos, sempre a cambio, eso si, de converterse en adeptos fieis, sen esquecer en ningún momento quen lles tendeu a man e compartindo con eles, incondicionalmente, siglas, campañas e, por suposto, causas, fundamentais para soster as anteriores, independentemente de que se sintan ou non de corazón, de que se crea nelas ou non. Eso é o de menos.
O que realmente importa é que sexan produtivas, lucrativas e con gancho mediático.
E para isto aí estaba, está e estará, diante dos seus ollos, a causa perfecta, a que nunca falla.
A que se pode amarrar ou soltar a vontade, segundo as necesidades do momento e a que tan so hai que saber manexar cunha certa habilidade, malia que, no caso de carecer dela, tampouco pasa nada irremediable, sempre e cando se conte cos fondos precisos para levar a cabo o márketing que vai garantir o éxito: A violencia de xénero.
E o mellor de todo, para utilizala non é preciso matarse a traballar, nin moito menos.
De feito, é perfectamente viable aparcala durante, por exemplo, todo un verán, coma se non existira, e retomala no mes de Setembro, que para eso os que teñen posibles poden apelar aos medios de comunicación, ou, polo menos a algúns deles, para proclamar a súa "sensibilidade" de cara ao novo curso, coma se fora o anuncio da grella da nova programación dunha canle de Tv. de cara a vindeira tempada.
Tanto ten o que acontecera nos meses precedentes, malia que foran especialmente tráxicos, como sucedeu este verán que está a piques de rematar. A quen lle importa?. O verán non é para pensar nesas cousas.
Isto é algo que se fará a partir de Setembro, no que, tras a pertinente e estudada campaña de promoción, aqueles aos que non lles preocupou en absoluto durante meses e meses, comezan a saír nas fotos co oportuno xesto solemne que procede, anunciando os soados eventos que celebrarán, auspiciados, por suposto, polos grandes poderes, cos que deixarán ben sentada a súa enorme concienciación, malia que esta vaia por tempadas, ademais de xustificar a entrada deses fondos que hai que gastar como sexa, porque esa é a chave para que sigan entrando, mentres que, de paso, se vai facendo sitio para todos eses "aspirantes" que, pouquiño a pouco, van tendo o seu lugar, e asegurándose un futuro, porque, sen dúbida ningunha, quen pasa ese filtro, pode, polo menos, respirar con bastante máis tranquilidade que o común da cidadanía, xa que vai ser bastante improbable que os seus petos cheguen a estar baleiros, ou que nalgún momento pasen a formar parte das tan temidas listas do paro.
Poden, como moito, cambiar de póla se a situación política muda, pero, en calquera caso, sempre vai haber un sitio para eles, sempre se vai a atopar unha xustificación para o seu mantemento, porque ambas partes, "mecenas" e protexidos, saen gañando, así que todos contentos.
É un ciclo, unha cadea, que se repite.
O proceso é sinxelo.
Que te prestas a todo isto?.
Reláxate e goza do que se che está a brindar, fotos, fondos, boas relacións, asistencia a eventos......Saber moito ou non de violencia de xénero, coñecer de preto as vítimas, vivir a súa realidade con elas, non é condición imprescindible nin de lonxe.
Abonda con saber o que tes que dicir en cada momento, con coñecer ben o guión que en nada dominarás a perfección, e en recitalo cando procede.
Que decides non tirar por ese camiño, tentando axudar as vítimas do mellor xeito posible, vivindo do teu traballo e loitando por aquelo no que cres?.
Nese caso, date por perdido porque molestas, molestas moito, por máis que deixes ben claro que non tes nin o máis mínimo interese no que eles perseguen e que ao único que aspiras é a traballar en paz.
Se algo vai estar garantido, son os intentos de que desaparezas do mapa.
Non son quen de entender, algo lóxico,dadas as súas prioridades e os seus obxectivos, que hai cousas, coma esta loita, que se levan no sangue, que se senten ou non, e que as súas aspiracións nada teñen que ver coas túas, polo que nada teñen que temer, porque é evidente que, cando tanto estorbas, é por algo.
En resumo, se tivera que definir esta situación dun xeito coloquial, que todos entendéramos, diría que a violencia de xénero, a súa utilización, é, para moitos, como opositar para gañar unha praza non sei se vitalicia, pero se non é así, o certo é que se lle semella abondo, pero sen ter que levar a cabo o tremendo esforzo que o auténtico opositor debe realizar, empeñando nel moitas horas da súa vida, case sempre cun grande sacrificio, con moito traballo, sen que isto sexa garantía de éxito.
Nada que ver.
Por isto, como dixen ao comezo, malia que non son bos tempos para emprender, a violencia machista, que, por desgraza, a estas alturas está máis que claro que nunca vai faltar, entre outras cousas por todo isto que acabo de relatar, é, para moitos, un negocio rendible, seguro, co que obter beneficios de xeito rápido, con bastantes garantías de que fiquen no tempo, e de que, aínda por riba, te sinalen como exemplo a seguir.
Quen da máis?.
Asociación Si, hai saída