Tribuna Viva
Estriceres pídelle a Ethel Vázquez que a reforma da PO-546 se faga co consenso veciñal
Desde a Asociación Estriceres de Lourizán vimos de solicitarlle á Xunta de Galicia que conte coa nosa participación para a realización do estudo da reforma da PO-546, a coñecida como estrada vella de Marín.
Despois de ter anunciado a consellería a contratación dunha empresa para a elaboración de dito estudo, desde a nosa asociación consideramos fundamental que se escoite a voz da veciñanza e que se teñan en conta as nosas aportacións.
Cabe sinalar que desde a nosa asociación veciñal levamos anos denunciando o estado de abandono total da estrada e reclamando a necesidade da sua reforma integral.
Hai que recordar que moi desgraciadamente tivo que haber vítimas mortais para que os responsables da Xunta de Galicia se decidiran a dar este paso.
Despois das recentes declaracións da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nas que discrepaba co alcalde de Pontevedra sobre o proxecto da Variante de Alba, expresando a necesidade de obter o consenso veciñal e afirmando que "as infraestruturas de tanto calado deben realizarse con consenso" xa que "están para paliar solucións non para crear problemas", esperamos que a conselleira sexa consecuente coas súas palabras e conte coa nosa asociación para recoller as necesidades da veciñanza.
Non cabe dúbida de que as persoas que vivimos na parroquia somos as que mellor coñecemos o noso territorio e desde a nosa asociación levamos moitos anos sinalando as carencias e as necesidades, especialmente no que se refire á mellora da seguridade viaria ou das paradas de transporte, polo que cremos obrigado que sexamos invitados a participar na elaboración do estudo.
Por último, tamén lle advertimos á consellería da necesidade de levar a cabo unha actuación inmediata, acortando os prazos na medida do posible, posto que o estado da estrada é deplorable e esta actuación xa vai con anos de retraso, polo que está en xogo a seguridade da cidadanía, e queremos evitar que haxa que lamentar máis vítimas mortais pola desidia da administración autonómica.