Tribuna Viva
Comunicado do claustro do IES Ramón Cabanillas ante os recortes no ensino público
Diante da comunicación por parte da Consellería de Educación de que no curso escolar que iniciamos contaremos con tres profesores/as menos que o pasado, e de que no curso escolar 2022/2023 o cupo correspondente ao centro será de 40, reducíndose en 2 o profesorado co que contábamos desde hai anos.
MANIFESTAMOS
- Que a redución anunciada vai en detrimento da calidade do ensino, e por tanto en prexuízo do noso alumnado.
- Que cando aínda non está pechada definitivamente a matrícula, non ten lóxica que por parte da Administración se lles comunique aos centros cal vai ser o profesorado co que van contar.
- Que seguimos nunha situación de pandemia, derivada dos efectos sanitarios e sociais da covid-19; e aínda que a maioría da poboación está vacinada, incluído persoal docente e non docente, o noso alumnado está aínda en proceso de vacinación; e as autoridades sanitarias descoñecen como vai ser a evolución futura. Por todo o anterior consideramos unha irresponsabilidade calquera redución de profesorado sen ter rematado a situación de emerxencia sanitaria.
- Que a experiencia do curso pasado demostra que a redución de alumnado por aula permite un ensino en mellores condicións, e favorece a atención de xeito máis individualizado das necesidades do alumnado.
- Que de confirmarse a redución do cupo que nos foi comunicada, o noso centro veríase na obriga de modificar a liña de traballo dos últimos cursos. Ao contarmos con menos profesorado, moi probablemente debamos renunciar ao plan de Bibliotecas, á radio escolar, ás actividades de reforzo para aquel alumnado que precisa maior apoio ou ao Bacharelato de Excelencia que impartimos neste momento. Renuncias que se farían contra a nosa vontade e irían en detrimento do noso alumnado, pero que nos veríamos obrigados a adoptar diante da decisión da Consellería de non dotarnos do profesorado suficiente.
Consideramos que non hai razón para efectuar recortes no ensino público, e que por parte da Consellería de Educación debería acometerse dunha vez por todas un plan de redución real de ratios, que implique unha maior dotación de profesorado e a introdución de outro persoal non docente, hoxe fundamental para atender ás diversas problemáticas sociais que afectan ao noso alumnado; problemáticas que se quere que atenda un ensino público ao que non se dota das ferramentas axeitadas nin suficientes.
Claustro de profesorado do IES Ramón Cabanillas