Antón Roel Villanueva
Mollarse polo río dos Gafos
Agosto dálle paso a setembro dun veràn cativo, cando é tempo de figos e de vendimia, cando os acios das uvas do Albariño adquiren a cor do ouro vello, imos un fato de homes e mulleres comprer co noso compromiso co rio convocados pola asociaciòn Vaipolorio a afrontar a derradeira limpeza do Gafos, quizais o tramo máis difícil polas ansias nosas de roubarlle espazo ao río non deixando sitio para poder pasar a limpalo. Garaxes, valados e marcos impídennos aceder sen risco a limpalo nese espazo que deixaron sen beiras onde poder camiñar, tivemos que utilizar cordas para sacar as bolsas cheas de lixo do rio, quizas sexa o espazo máis degradado do río, pois non se respectou o espazo natural que lle pertence.
Un grupo foi dende a desembocadura nas Corbaceiras e outro na metade do tramo cara a ponte da Tablada. Alí, no peitoril da ponte, lémbrome que era o lugar onde se penduraba o Maio ao río, agora tiran bolsas de plástico e toda clase de lixo e o que se leva este ano, mascarillas. Nese espazo debaixo da ponte da rúa de Rosalia de Castro, no que nun tempo viviu un indixente e agora fan botellóns, foi onde se sacou máis lixo, onde agromaron figueiras ventureiras cheas de silveiras de amorodos. Un voluntario dos bateadores que van no medio do río na ansia por querer recuperar unha botella de vidro cae ao río, sen consecuencias por sorte.
Rematamos a xornada de limpeza a carón da ponte onde o río recupera a luz que lle roubaron. Despois de seiscentos metros de sombra e tristura, baixa feliz e bulideiro; por fin ceibe da negrura e tristura do encerro onde o teñen xa hai máis de cincuenta anos. Nao fardel da memoria vémonos camiñando polos vieiros da nosa nenez, por espazos do río cheos de vida neste tempo apañando as froitas do tempo das árbores froiteiras que agroman ventureiras no río, entre fentos e amoras das silveiras ca compaña de libeliñas, vagalumes, avelaíñas e bolboretas, coa melodia das rans nas pozas e o trinar dos paxariños dende as pólas das árbores que se espellean. Sentados a caròn dunha vella Pereira, ollabamos a chegada das vacalouras que eran para nós como animais prehistóricos.
Oxalá para o vindeiro ano, cando comenzen as xornadas de limpeza do río dos Gafos, poidamos engadir seiscentros metros do río que agora está tapado, e que os veciños poidan escoitar o cuco anunciando unha nova primavera para un río fermosísimo, que sempre estivo aí ao noso carón e ao que tanto dano fixemos. E que cante o merlo que despois do veran chega o inverno.