Marta Rodríguez Engroba
"Pseudoxustiza caseira", un auténtico cancro para a loita contra a violencia de xénero
Teño que confesar que non era a miña intención estar hoxe aquí, xa que, por fin, estou a gozar duns días de descanso que, despois de anos de non albiscalos nin de lonxe, o "piloto vermello" me advertiu de que xa tocaban, pero o certo é que, malia facerme o propósito de tentar desconectar por completo, non son quen de conseguilo ao cen por cen, e, así as cousas, a lectura dunha noticia neste mesmo xornal, ao que, unha vez máis, desde Si, hai saída lle damos as grazas por darnos voz, non soamente a nos, que tamén, por suposto, se non a todo o que atinxe a violencia de xénero co respecto e coherencia que requiren, provocou en min tal indignación, tal sensación de impotencia, que tiven claro que nin podía, nin debía calar.
Estou a referirme a un episodio de violencia machista, acontecido precisamente en Pontevedra, cidade berce deste xornal, po mor do cal, a Policía Local detivo a un mozo de 18 anos, por agredir, presuntamente, a súa parella, unha menor de tan so 15.
Esta detención foi posible grazas a testemuña dunha persoa que transitaba pola zona que, tras escoitar os berros dunha rapaza pedindo que alguén chamara a Policía, observou como unha parella estaba a agredirse mutuamente, polo que deu a voz de alerta, acudindo unha patrulla da Policía Local.
Tras falar os axentes con cada un deles por separado, ambos confirmaron ser parella, e que, por mor dunha discusión, se agrediran mutuamente, propinándolle ela a él varias patadas, e él a mordera a ela na cara e a golpeara en varias partes do corpo, presentando, como resultado disto, lesións visibles.
Dado que a rapaza é menor de idade, os axentes avisaron aos seus pais, que se negaron a que recibira asistencia sanitaria e manifestaron que non presentarían denuncia, alegando que "o arreglarían entre eles".
Non teño verbas, así de sinxelo.
Para comezar, como nai que son, non me entra na cabeza que unhos pais non soamente non tomen as medidas pertinentes cando a súa filla acaba de ser brutalmente agredida, se non que mesmo se neguen a que reciba asistencia médica!.
Isto é gravisimo, e non se debería deixar pasar de xeito ningún.
Acaso estamos a falar de animáis salvaxes?.
Nin eso, xa que mesmo istos coidan e defenden as súas crías.
Por outra banda, neste caso a colaboración cidadán foi a correcta, e a que todo o mundo debería ter, pero que, por desgraza, aínda non é tan frecuente como nos fan crer e como sería de desexar, posibilitando así que, malia a negativa da familia a denunciar, a Policía actuara de oficio, e o presunto agresor fora detido, pasando posteriormente a disposición xudicial, pero, por desgraza, todos sabemos que aí rematará todo, xa que non cabe agardar outra cousa máis que a rapaza, cando sexa chamada desde o Xulgado a declarar, se negue, a instancias da súa propia familia, a facelo, polo que o arquivo do caso está asegurado, e o que é peor, un agresor quedará, unha vez máis, impune, e a unha menor se lle axudará, desde o seu propio eido familiar, a normalizar un delito tan grave como é a violencia de xénero, o que influirá, como é lóxico, nas súas vindeiras relacións, que, sen dubida algunha, terá, dada a súa curta idade, ademais de convertela en carne de canón de futuras agresións, ou, como mínimo, de relacións tóxicas ou violentas.
E eu, tal vez pecando, unha vez máis, de inxenua, por enésima vez, lanzo unha pregunta, que, me temo, seguirá sen obter resposta:
Cando se tomarán medidas con estas persoas que optan por calar, por obviar a denuncia, a única maneira de rematar cunha lacra tan letal como é a violencia de xénero?.
E que ninguén é quen de tomar conciencia do dano que están a facer non soamente neste caso a súa filla, se non a todas as mulleres, a sociedade en xeral, de que non se pode consentir, baixo ningún concepto, esta "pseudoxustiza caseira" que ignora olimpicamente as canles legais pertinentes para arranxar as cousas "entre eles"?.
Certamente, a xustiza defrauda moitas veces, pero ignorala non é a solución.
Pola contra, haberá que traballar para tentar que as cousas melloren, e non contribuír a fomentar e a normalizar condutas das que, por desgraza, estamos a ver as consecuencias case cada día.
Sei que moitos, ao ler este artigo, apuntarán algo que xa me fixeron notar varias persoas: que a rapaza tamén agrediu.
Pois moi ben, e sei que o que vou dicir non gustará a máis dun, pero, se así foi, el, o rapaz, debería facer o mesmo, denunciar, e que sexa a xustiza, a de verdade, a que dirima, pero exercela as agochadas, cada un pola súa man, non é, desde logo, a solución, e quen así o fai debería ser severamente castigado por isto.
E aínda haberá quen siga culpando aos máis novos do aumento da violencia de xénero entre eles, facendo a vista gorda ante condutas tan deleznables coma a dos pais desta moza, case unha nena, a que lle están ensinando o peor dos camiños a seguir.
Pouco máis se pode engadir.
Desde Si, hai saída non podemos máis que amosar o noso rexeitamento ante actitudes coma destes pais e agardar que, desde os Servizos Sociais, se lle faga a esta rapaza o seguimento que procede, porque é evidente que precisa moita axuda.
Asociación Si, hai saída