Antón Masa
Resposta ás declaracións do Conselleiro de Medio Ambiente sobre ELNOSA
Baixo a aparencia dunha actitude drástica, de compromiso coa defensa da Lei, o Conselleiro de medio ambiente Sr. Hernández, vén de abrir a porta á permanencia de ELNOSA en Lourizán cando menos ata o 2018. En efecto, coa súa aparentemente drástica afirmación de que "baixo ningún concepto ELNOSA vaise manter na Ría máis alá do 2018" o Conselleiro vén de eliminar, na práctica, a data fixada pola propia Consellería na AAI da empresa cloreira coma límite improrrogábel para a súa actividade industrial; o 6 de xaneiro de 2014, data última para a permanencia de ELNOSA en Lourizán (data non hai moito innegociábel para o Sr. Hernández) empeza a pasar á historia. E fala agora o Sr. Hernández de que está dentro da lóxica da administración buscar puntos de encontro coas empresas e de que sempre é mellor un acordo que garanta a saída consensuada coa cloreira.
Na APDR preguntámonos para que, de ser certas estas afirmacións do Sr. Hernández, se fixou na AAI a data de finalización da actividade industrial de ELNOSA? Porque, que nós saibamos, esa data non se fixou por capricho da Consellería; esa decisión veu obrigada pola necesidade de cumprir a Directiva 2010/75/UE sobre emisións industriais e a adaptación ás chamadas Mellores Técnicas Disponíbeis (MTD). Por Lei, a administración competente en materia de medio ambiente debe fixar os valores límite de emisión de mercurio que garantan que as emisións non superen os niveis asociados a estas MTD, é dicir, no caso que nos ocupa, o valor cero, que é o correspondente á fabricación de cloro mediante a tecnoloxía de membrana, a MTD para o sector cloro-álcali.
E non se poden avalar como pretende facer o Sr. Hernández- as pretensións de ELNOSA de permanecer na Ría máis alá desta data en base á existencia da nova Lei 5/2013; en ningún caso as modificacións introducidas pola nova Lei deixan sen efecto a AAI da empresa, nin existe na citada Lei ningunha previsión relativa á perda de vixencia ou de efectos das AAI existentes con anterioridade á súa entrada en vigor. Abonda con ler as consideracións feitas a principios deste mes de setembro polo letrado da Xunta Sr. Juanes á Sa do Contencioso-Administrativo do TSXG en resposta á demanda formulada por ELNOSA (procedemento 4261/2013), para ver que esta realidade é incontestábel. Calquera outra decisión, que permita que ELNOSA siga emitindo mercurio ao medio máis alá do 6 de xaneiro, é contraria á Lei e deixaría ver unha clara conivencia entre a administración e a empresa.