Tribuna Viva
A rexeneración de Carabuxeira, unha escusa para facer un paseo marítimo e praias semiartificiais
Xa ninguén pon en dúbida o alto custo ambiental, social e económico que supuxo a instalación do porto deportivo de Sanxenxo na localización actual. Tal como alegou o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) no seu momento, a dinámica de sedimentación costeira ía ser altamente modificada. Alterou os aportes de area en todas as praias do núcleo urbano de Sanxenxo, dende Silgar ata Carabuxeira. Este disaguisado ten costado xa moitos cartos en aportes de area e outros correctivos, que se poderían ter aforrado de terse proxectado dun xeito máis acorde á natureza das correntes mariñas. E suma e segue, xa que hai un mes a Consellería de Medio Ambiente presentou o informe ambiental do proxecto de rexeneración das praias de Carabuxeira e Lavapanos, cuxo promotor é a empresa Nauta, xestora do porto náutico de Sanxenxo.
Este proxecto pretende extraer area do fronte das praias de Os Barcos, Panadeira, Lavapanos e Carabuxeira. Esa area se vertería nas praias de Lavapanos e Carabuxeira. A modo de contención desa area propoñen construír un dique de contención da area perpendicular á praia (aínda que valoran tamén a necesidade de construir un segundo dique nunha seguinte fase da obra). Tamén se pretende facer un paseo marítimo coa escusa de dar acceso ás praias e tamén de protección das edificacións costeiras.
O CES ven de presentar esta semana a súas alegacións a varios aspectos deste documento, por invitación da consellería de medio ambiente, en cumprimento da normativa vixente. En primeiro lugar queremos facer constar o pouco respecto que as administracións implicadas están a ter con esta avaliación ambiental e coa tramitación de información ao público xa que a modo de anticipo xa se verteron en primavera 10.000 m3 de area en Carabuxeira. Nin tan sequera se agardou á aprobación do proxecto nin a escoitar as alegacións da cidadanía. Queda claro que as presas por aumentar a superficie dispoñible para toallas na campaña de verán en Sanxenxo pesan moito máis que calquera consideración ambiental e opinións fundamentadas da cidadanía.
E xa se sabe que as presas nunca son boas conselleiras. Nas alegacións do CES sinálase que o documento non aporta un argumento técnico que subscriba que a única solución aos problemas de cimentacións daquelas edificacións costeiras sexa a construción dun paseo marítimo e recheos, de tal xeito que é difícil ponderar a necesidade de rechear tramos de costa para a protección das casas. Ante a falla de xustificación técnica, pódese entender que os promotores están escudándose na seguridade das edificacións para facer recheos e cementar a costa, ancorados nese modelo dos anos sesenta da que semella que non saímos. O CES pregúntase por que neste documento de avaliación ambiental non se valora distintas alternativas menos impactantes: protección puntual daquelas edificacións cualificadas en risco por persoal técnico cualificado, melloras dos accesos ás praias baseados en materias liviáns, tipo pasarelas de madeira, en troque de recheos de formigón e granito. É de todo irregular que estas alternativas non sexan nin tan sequera formuladas nun documento que pretende diagnosticar e evitar os impactos ambientais dun proxecto de rexeneración costeira. É claramente un contrasentido ambiental.
O CES tamén pon en dúbida a actuación en Lavapanos, xa que pretende verter area e aumentar a superficie de praia con respecto á praia orixinal. Así xa non sería unha rexeneración, senón a creación dunha praia artificial. No propio documento dise que a perda de area nesta praia non é debido ao efecto do porto, senón a un emisario de augas pluviais. Se é así, o CES pregúntase por que se inclúe esta rexeneración dentro deste proxecto que pretende corrixir os efectos negativos do porto. Tamén é un erro grave nun documento ambiental confundir unha cañería de auga co que realmente é: o Rego Navalón, que foi canalizado no seu tramo final. Esta canalización modifica os aportes de area na súa desembocadura.
O CES considera que se debe facer un estudio de balance de sedimentación da area nesta praia e na de Carabuxeira (aportes do Navalón e do rego da Carabuxeira fronte aos movementos de area polas correntes costeiras) para así facer unha valoración das solucións a seguir. Calquera actuación que se faga sen este estudio dos aportes dos regatos e das súas alteracións terá mais posibilidades de fracasar. Así aumentaría o despilfarro de cartos públicos que derivan da instalación do porto e tamén se incrementarían os efectos ambientais negativos da posibles movementos desa area vertida cara outros puntos da enseada, pudendo afectar ás actividades marisqueiras e náuticas.
A valoración no impacto paisaxístico da construción dos diques e dos recheos é valorado como positivo no documento. O CES pide unha valoración máis acorde aos efectos negativos derivados das artificialización da costa con diques e formigón. Ao noso entender tampouco se valoran axeitadamente os impactos ambientais de quedar sepultados pola area suporá na flora e fauna intermareal dos rochedos e no banco marisqueiro de poliquetos da praia Carabuxeira. Tampouco se valoran axeitadamente os impactos que poden ter os dragados frente aos Barcos e Panadeira. A posibilidades de ter que construir un segundo dique e a súa influencia na dinámica e equilibrio sedimentario das praias deberían estudarse mellor.
O CES considera importante que esta avaliación ambiental, debido aos seus efectos na paisaxe e no medio ambiente, polos recheos costeiros e na dinámica de sedimentación mariña, sexa tramitada a través da avaliación ordinaria e non pola vía simplificada que sigue na actualidade, totalmente insuficiente. A tramitación ordinaria obriga a facer un estudio máis profundo dos efectos ambientais do proxecto. Estes estudos deberían axudar a ponderar outras alternativas menos impactantes, como as xa comentadas. Esta profundización é importante, xa que coa información aportada neste documento simplificado o CES non desbota a alternativa denominada no documento como "cero", a de non facer vertido de area nin os diques, xa que a falla dunha valoración correcta xorden moitas dúbidas sobre se este proxecto de rexeneración pode causar máis problemas que beneficios.
Marta Lois Silva, presidenta do Colectivo Ecoloxista do Salnés