Marta Rodríguez Engroba
Envelenada dobre moral. Lamentablemente, non pecha nin por vacacións
Estamos nesas datas do ano nas que practicamente todo se ralentiza, ou, en moitos casos, directa, inxustificada e incomprensiblemente, fica inactivo ata Setembro, algo isto que tamén afecta de cheo as vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos, que se xa durante todo o ano comproban, nunha gran maioría dos casos, que a atención e protección que reciben non é, nin de lonxe, a que sería de desexar, no verán ven, con preocupación e con medo, como a súa desprotección medra notablemente, malia que os maltratadores non descansan, todo o contrario.
De feito, en moitos casos a agresividade e a crispación increméntanse de xeito considerable, sobre todo cando hai intercambio de menores por medio, con frecuentes e posibles discrepancias por cuestións como pode ser o reparto dos períodos vacacionais, algo que se está a facer aínda máis evidente nestes dous últimos veráns, nos que as visitas se viron alteradas en moitos casos por mor da pandemia, co perigo que isto implica para as mulleres e, por suposto, para os menores, malia que ninguén con competencias semelle, por máis que se lles recorde, decatarse.
A violencia machista, insistimos, non pecha por vacacións, pero hai algo máis que, por desgraza, tampouco o fai, e segue presente día a día, malia que, eso si, dun xeito totalmente normalizado, tolerado e mesmo celebrado nunha sociedade que, pese a quen pese e a que non se queira admitir, amosa unha cara cada vez máis egoísta e deshumanizada, que se fai notar, especialmente, xusto nese eido, o da violencia de xénero:
A dobre moral. A maldita e envelenada dobre moral, que causa tantos ou máis estragos que os propios maltratadores, aos que, por certo, serve de apoio e alento.
Non hai moitos días, tivemos un clarísimo e lamentable exemplo, por mencionar algún, porque o catálogo deles é, tristemente, amplo, moi amplo.
Agora que semella que moitos e moitas descubriron a violencia vicaria, unha das caras máis crueis da violencia machista, sen dúbida, como se fora algo novo, porque neste país noso, xa se sabe, mentres que algo non adquire relevancia mediática non existe, e que, de súpeto, se multiplican os “expertos” na materia que manexan o concepto como se o acuñaran eles, de xeito, as veces, un tanto imprudente, e tamén, por suposto, e como non podería ser menos, os que sacan partido dela, hai pouco máis dunha semana, a noite do pasado 28 de Xullo, concretamente, media España ficou de novo no sofá agardando, expectante, as declaracións doutra das protagonistas dese “edificante” reality, ao que chaman “docuserie”, que desde o mes de Marzo, desde unha canle de Tv. paradigma ata hai nada do machismo, da cosificación da muller e convertido agora, que cousas!, no “buque insignia” da loita contra a violencia de xénero, so pena de que te insulten, e case, case te ameacen se non segues fielmente as súa doutrina, por máis que aclares que non estás a referirte para nada a historia da súa protagonista, a cal é, xustamente eso, outra historia, que, recén chegada dun concurso do que se proclamou gañadora, polo que percibiu un sustancioso premio, decidiu ir, como non! a un plató, a, supostamente, desmontar, ou, cando menos, rebater, a historia da súa rival.
Esta señora, nai dunha nena de 8 anos, creo lembrar, choraba en directo contando, entre saloucos, como a súa filla estaba recibindo tratamento psicolóxico debido as barbaridades que se estaban a dicir dela e do seu pai, atopándose, segundo relatou, mesmo con pintadas no colexio nas que se lle acusaba a este de ser un maltratador.
Eso si, ela, amosando unha gran “coherencia”, decidiu deixar a súa dor de nai a un lado e, en lugar de acudir a un Xulgado a denunciar esas supostas inxurias, acusacións falsas ou o que sexan, de xeito privado, aforrándolle un espectáculo máis a esa nena, a súa filla, pola que tanto estaba a chorar, facelo nun plató, que, agraviada e doente, si, pero a vaquiña polo que vale, faltaría máis!.
O efecto da súa testemuña non se fixo agardar, e, se ben non todo foron alabanzas para ela, o certo é que acadou o seu obxectivo: Notoriedade, portadas, que se fale dela, titulares, e, por suposto, o mesmo que a “parte contraria”, suculentas ofertas para garantir a continuidade dun lamentable “culebrón” que, presumiblemente, nos acompañará, como mínimo, durante todo o outono.
Apenas 48 horas despois, mentras os diferentes protagonistas do show seguían, e, por suposto, seguen, a facer negocio amosando en diferentes publicacións as súas vacacións, xuntanzas, modelos que visten, etc, etc, porque, xa se sabe, as penas con pan son menos, unha muller, en Sant Vicenç de Castellet (Barcelona), era asasinada, calcinada no seu vehículo pola súa ex parella….presuntamente, claro, diante da súa filla, unha meniña de tan só 2 anos, que tamén resultou ferida.
A muller denunciara a súa ex parella no mes de Abril, existindo un proceso aberto no Xulgado de Violencia sobre a Muller de Terrasa, estando o xuizo previsto para o mes de Outubro!.
A miña pregunta é sinxela: Alguén se acorda desta meniña?. Onde están as hordas indignadas e, todo hai que dicilo, os representantes políticos, que clamaban xustiza para a presunta vítima famosa, pero que, polo visto, non consideran que casos de tal gravidade, dado que as vítimas son anónimas, merecen a súa atención?.
Acaso unha nena ferida, que presencia o asesinato da súa nai, non ten a categoría suficiente para que ninguén se preocupe por ela?.
E o mesmo digo, por suposto, das que, por desgraza,as precederon, e as seguiron. Nin unha palabra, nin un recordo para elas, mentras o bochornoso culebrón continúa xenerando ingresos para os seus protagonistas, grazas, en gran parte, ao apoio desa sociedade hipócrita que o fomentou e que o sostén, porque nin siquera agora, cando o negocio é máis que evidente, ninguén ten a decencia de admitir o que salta a vista, algo, por certo, que os dignificaría.
Esta é a noxenta e envelenada dobre moral, que rixe a nosa sociedade, que, entre todos, construímos e sostemos, e que, como a violencia de xénero, tampouco pecha por vacacións.
Asociación Si, hai saída