Tribuna Viva
A ANPA O Toural denuncia os recortes da Consellería de Educación
Unha vez que a ANPA do CPI O Toural se interesou pola adxudicación de profesorado para o vindeiro curso 2021-22, esta foi informada de que, igual que está pasando noutros centros dependentes da mesma consellería, tamén o Toural sufrirá os recortes de profesorado. No caso do noso CPI o recorte é dun 13% o que supón unha redución no número de grupos que se poderán organizar na ESO, pasando de 9 a 7.
Estes recortes non afectan só na redución de postos de traballos dependentes da Consellería de Educación, se non que ten efectos gravísimos na educación das nosas fillas e dos nosos fillos.
Vimos dun curso, o 2020-21, que estivo marcado pola pandemia e grazas ao esforzo do profesorado e das equipas directivas este curso superouse con gran éxito recibindo toda a comunidade educativa as felicitacións por parte da consellería. Pero estas felicitacións deben transformarse sempre no aumento de recursos para os centros e nunca nos recortes.
O CPI o Toural ten unha longa traxectoria de éxito na atención à diversidade, entre outras cousas, e esta liña educativa non poderá manterse de seren certos os recortes de profesorado propostos.
Pois implicaría, en primeiro lugar, máis alunos por aula coa consecuente diminuición da atención individualizada. E esta situación é máis grave cando falamos dunha escola pequena como é a nosa, porque a redución de profesorado ten un impacto maior no resto do claustro e na propia organización do centro.
Por iso, dende a ANPA denunciamos públicamente o recorte en persoal proposto pola consellería e esiximos que se repoñan estes profesores antes do inicio do curso escolar, en setembro, de maneira a poder organizar o curso con tempo e da mellor maneira posible.
E anunciamos mobilizacións se non se atenden as nosas reclamacións.
ANPA O TOURAL
Vilaboa