Tribuna Viva
Activismo en altura!
O colectivo A Rente do Chan-Pladever considera que a proliferación de proxectos eólicos por toda Galicia e en concreto na Serra do Suído é un despropósito medioambiental e patrimonial.
O expediente de declaración da Serra do Suído como Espazo Natural Protexido a través da Rede Natura 2000 leva paralizado polo goberno galego dende o ano 2007. Esta serra xa soporta moita infraestrutura eólica e representa un dos últimos redutos naturais da provincia de Pontevedra. O expolio enerxético non é unha oportunidade para o rural. Precisamos alternativas de desenvolvemento sustentable que poñan o foco na conservación destes hábitats, tal e como reclaman as directivas europeas. Por isto, dende A Rente do Chan-Pladever queremos reivindicar Rede Natura xa como figura de protección para estes montes.
Para plasmar este desacordo A Rente do Chan-Pladever fixo un acto de protesta o pasado xoves día 29 de xullo na torre anemométrica do Monte do Ceo, Concello de A Lama ás 19:30 onde estiveron presentes ademáis o colectivo SOS Suido Seixo que loita contra a minaría nestas terras.
SUIDO REDE NATURA XA! Isto dicía a pancarta que foi usada neste mesmo acto colgada a uns 30 m altura por dúas persoas escaladoras, sen ocasionar ningún tipo de dano á infraestrutura da torre nin a ningún dos seus compoñentes.
POR UNHA TRANSICIÓN ECOLÓXICA XUSTA! STOP ESPECULACIÓN ENERXÉTICA!
Asociación A Rente do Chan-Pladever