Tribuna Viva
Plataforma Non ao Parque Eólico de Castrove
A plataforma veciñal NON ao parque eólico do Castrove asistirá este venres á reunión convocada no concello de Meis para tratar a solicitude de tramitación do parque eólico e o posicionamento dos concellos afectados.
A reunión é no auditorio de Meis ás 20:30 entre os alcaldes dos catro Concellos afectados pola construcción do parque eólico do Monte Castrove e os presidentes das comunidades de montes implicadas. Os Concellos afectados son Meis, Poio, Barro e Pontevedra.
As representantes da plataforma NON ao parque eólico do Castrove asistirán á reunión para expresar o posicionamento en contra do proxecto do parque eólico, con catro aeroxeneradores que perxudicarán gravemente o Monte Castrove, un espazo natural de grande valor ambiental para todos os municipios colindantes e para toda a contorna.
Estes aeroxeneradores ocupan unha gran cantidade de terreo que se destinará a uso industrial, a chamada poligonal, que incluso afecta a numerosas casas da aldea da Escusa, devaluando as súas propiedades ata nun 50%. Os muíños producen ruído e infrasóns que afectan ao sistema nervioso. Para transportar a enerxía producida construiranse liñas de alta tensión que non sabemos por onde van ir. O monte é un ben de todos que debemos coidar, e a instalación destes parques conleva o deterioro do monte e das traídas de augas, ademáis da perda de vexetación e fauna salvaxe.
Este proxecto, que se coñeceu o 22 de xullo, está a levantar unha forte oposición social, xa que vai afectar negativamente ao benestar das persoas que residen nas poboacións próximas, causar danos irreversibles á flora, fauna e tamén impedir o aproveitamento e disfrute de todas as persoas deste espazo, que conta cunha grande riqueza natural e patrimonial. Ademais, causará un impacto medioambiental e paisaxístico que devaluará enormemente as potencialidades desta zona e de toda a contorna.
A plataforma está levando a cabo unha intensa campaña informativa, presencial e nas redes sociais, e recollida de sinaturas para dar a coñecer este proxecto e o seu alcance, e informando a toda a veciñanza sobre as consecuencias negativas que este parque eólico vai ter para todo os municipios afectados.
A plataforma confía en que as comunidades de montes se posicionen a favor do benestar de toda a poboación e do monte, que é un ben moi preciado que queremos que disfruten as seguintes xeracións.
Plataforma veciñal NON ao parque eólico do Castrove