Marta Rodríguez Engroba
Mocidade cada vez máis violenta. Igual algo temos que ver os que imos diante
Comezo a estar francamente cabreada de escoitar continuamente como se acusa a mocidade de ser cada vez máis violenta, e non porque sexa mentira, malia que, obviamente, non se pode xeneralizar, pero tampouco negar a realidade, e, desgraciadamente, as noticias, cada vez máis frecuentes, de brutais agresións protagonizadas por mozos, tan brutais e con tal asañamento algunhas que chegan a matar, deixan cruel testemuña disto.
Agora ben, o que non podo admitir baixo ningún concepto é que, para tentar xustificar tal barbarie, a sociedade, ou, a lo menos, unha gran parte dela, se limite a sinalalos e culpalos, descargando sobre eles toda a responsabilidade, e, por suposto, sen pararse a pensar, nin por un segundo, que, ao mellor non toda a culpa de ser así, violentos, é súa, e que unha gran parte da mesma procede de nos, dos adultos, dos que imos diante, e que somos, se supón, os seus referentes.
Xa sei que máis dun dirá ao ler isto: “Xa está esta coas súas tolemias!. Nin que nos dedicáramos a matar ou a andar dando malleiras por aí, e lles dixéramos aos nosos fillos que tamén o fixeran”!.
Evidentemente, nin é así, nin é preciso para sementar neles o xerme do odio, da violencia.
É moito máis sinxelo que isto, e moito máis frecuente do que se poida chegar a pensar. De feito, cada vez máis.
Non podemos pretender, de entrada, que unha gran parte da mocidade avogue polo diálogo, pola tolerancia, cando, en moitas ocasións, conviven cada día cos discursos e as mensaxes de odio no seu propio fogar, que seu pai, sua nai, ou ambos-los dous lanzan contra aqueles que non pensan coma eles, que son diferentes, ou aos que consideran máis débiles ou inferiores, aos que atacan sen piedade facéndolles pagar a súa propia frustración e a súa maldade.
Que exemplo podemos agardar que dean adultos que, sen ir máis lonxe, machacan cada día, amparados nas redes sociais, a cantos non pasan polo seu aro, lanzando insultos, acusacións, contra eles, e de todos aqueles que os secundan sen tomarse a molestia de nin sequera contrastar esa mal chamada información, acosando sen piedade a quen escollen coma presa?.
Cal pensades que será, no eido privado, o discurso destes “valentes”, que, por suposto, e lamentablemente, agás moi raras excepcións, acabará por callar nos seus fillos?. Odio, odio e máis odio, tendo, aínda por riba, a desvergoña de chamarlles principios..!.
Que ensinanza poden sacar cando tal vez na súas propias casas papá alente ao seu fillo varón a que se comporte coma un “machote” en todos-los eidos pero, principalmente coas rapazas, advertíndolle eso de que “cando unha muller di non, en realidade o que quere dicir e si”, que acusa as mulleres que sofren algún tipo de abuso ou maltrato, de provocar, de que se eles abusan, violan, maltratan, é porque elas van pedindo guerra, porque se visten coma p......, porque os queren “atrapar”, ou, como non!, porque “algo farían”, pero, pola contra, ollo!, moito coidado coa súa filla, a súa “princesiña”, que ninguén a toque, nin a ofenda....que para eso é sua, algo que, naturalmente, levan igualmente a practica na súa relación de parella, tratando a muller coma un obxecto da súa propiedade, a actriz secundaria que ten que bailar ao son da música que él toque se non quere pagar as consecuencias, sendo isto o medio máis eficaz para inculcarlles aos seus fillos os roles de maltratadores en potencia a eles e de sumisas a elas, que acabarán por normalizar aquelas condutas coas que sempre conviviron e que, con boa lóxica, estarán convencidos de que se os seus propios pais, exemplos, se supón, a seguir, as levan a cabo serán, aos seus ollos, obviamente aínda inmaduros, as correctas.
Qué agardamos que ocorra nunha sociedade na que se lle da máis importancia a que os nosos fillos teñan a mellor tablet, o mellor móvil, ou roupa das mellores e máis caras marcas antes que a inculcarlles valores de respecto, de tolerancia, de diálogo e de humanidade?.
Unha sociedade, por certo, que está a criar en non poucos casos, verdadeiros tiranos, que recorren ao que sexa para conseguir os seus caprichos, mesmo as veces a maltratar a eses pais e nais que todo o consenten, que non saben dicir non, nin ensinarlles que todo acto ten a súa consecuencia, e que non pagar por facer dano non debería ser nunca unha opción.
Qué educación agardamos que cheguen a ter os milleiros de rapaces e rapazas que pasan gran parte da súa vida pechados nas súas habitacións coa única compaña das redes sociais, nas que tantos e tantos pais delegan a súa “educación”, sen saber como nin con quen se relacionan, sen que exista un mínimo tempo para o diálogo, para o intercambio de impresións, para evitar converterse en descoñecidos....pero, eso si, cos mellores e máis caros dispositivos, faltaría máis!.
Non se lles pasa pola cabeza o positivo, o gratificante que sería sentarse con eles a charlar, a facerlles saber que están ao seu carón, que se lles quere, que poden confiar en nos....?.
Non consigo entendelo, de verdade, e o digo con verdadeira mágoa, porque eu, que son nai, se de algo gocei, se algo non cambiaría por nada no mundo, son as horas de conversa que pasei co meu fillo, que creo que nos compensaron aos dous, porque nos, os adultos, tamén podemos aprender moito deles, se nos tomamos a molestia de escoitalos, claro, algo que constato cando acudo a dar charlas aos colexios ou institutos, e podo asegurar que, grazas a eles, de todas e cada unha delas saco froito.
E que conste que eu non me considero exemplo de nada, nin moito menos e o aclaro porque, esa é outra, se hai algo que abonda, ou máis ben mesmo sobra, é esa cada vez máis practicada “arte” da “libre interpretación” que da lugar a eses discursos de odio aos que antes aludía.
Sei que moitas veces non é doado atopar o momento para esas conversas, que a falta de tempo, as longas xornadas de traballo na procura de que non lles falte de nada nos impiden prestarlles toda a atención que debéramos, pero tamén sei que outras moitas hai quen está tan preocupado en satisfacer a súa ambición que prefire ser substituído por un aparello, coas posteriores consecuencias que, está claro, non valora.
Outras veces, os proxenitores non dubidan en encomendarlle toda a responsabilidade ao eido educativo, moi importante, sen dúbida, pero que nunca pode substituír ao familiar.
Cada parcela ten a súa importancia, moita importancia, e ningunha delas é substituíble pola outra.
máis lamentable aínda é cando desde ese eido, o educativo, os profesores, ante unha conduta agresiva ou incorrecta dalgún dos rapaces ou dun grupo deles opta por tomar as medidas oportunas, e son os propios pais os que se enfrontan a eles desautorizando a súa labor e alentando aos rapaces e rapazas a seguir a súa traxectoria por un camiño que é calquera cousa agás recomendable.
E así, e non me vou alongar máis, pinga a pinga, con este tipo de condutas e outras moitas semellantes, é como se vai fomentando a violencia, é como se vai construíndo, moldeando, unha mocidade violenta.
Moitos son violentos, certo, moi violentos, e algúns deles o son porque naceron así, non digo que non, algún haberá, probablemente, pero no caso doutros moitos, da maioría, igual non toda a culpa é deles, e nos, os que imos diante, algo temos que ver.
Que tal se nos paramos a reflexionar un pouco sobre isto?.
Asociación Si, hai saída