Tribuna Viva
Monte Porreiro quere avanzar
Neste século XXI as cidades máis dinámicas e avanzadas do mundo están a comprometerse co medio ambiente e coa calidade de vida das súas veciñas e veciños. Cada unha busca o seu propio camiño para dar resposta aos retos que poñen en risco o futuro do planeta, pero en Monte Porreiro sentimos o orgullo de saber que para moitas delas Pontevedra é un referente do que aprenderen como construír un espazo público amábel, seguro e de calidade.
Igual que tantas delegacións (galegas ou do resto do mundo) que visitan Pontevedra, os de Monte Porreiro percorremos as rúas doutros barrios, da Praza do Hospital ao Gorgullón, da Virxe do Camiño a Echegaray, e devecemos por vivirmos nunha rúa como esas, feitas por e para as persoas.
O noso barrio, exemplar en tantos aspectos, ten problemas que non se poden agachar. En primeiro lugar hai un tráfico excesivo que o atravesa dende que se abriu a Ponte das Palabras e que xera problemas de seguranza viaria nas rúas Grecia e Italia, é dicir, na zona máis próxima á escola.
Por outra parte, boa parte das nosas rúas non están concibidas como lugares de encontro e convivencia, senón como almacéns de coches, como estradas que expulsan á xente e que nin serven para promocionar o comercio de proximidade nin se forman nenas e nenos autónomos nin as persoas maiores dan saído das súas casas con tranquilidade.
Agora o Concello presenta un proxecto que fai fronte a estes problemas e a algúns outros actuando no centro neurálxico do noso barrio, no cruzamento das rúas Grecia, Italia e Alemaña, onde se propón crear "unha praza da Ferraría para Monte Porreiro". Ademais anúnciase a renovación dos servizos, un novo alumeado, mobiliario urbano deseñado especialmente para nós.
É dicir, anúnciase unha reforma integral dunha parte das rúas Grecia e Alemaña como as que xa se fixeron noutros barrios da cidade e cun orzamento de 1.000.000 euros. Agardamos sexa só o comezo de moitos máis investimentos en Monte Porreiro para facer das rúas do barrio máis grande e poboado da cidade un espazo por e para as persoas, de convivencia, de reunión...
Dende aquí, dende Monte Porreiro, só nos queda dirixirnos ao Alcalde para que se poña mans á obra, para que non demore os prazos, para que siga mantendo informada á veciñanza e para que execute esta obra e as próximas canto antes porque
Monte Porreiro quere avanzar!!
Veciños de Monte Porreiro