Marta Rodríguez Engroba
Violencia machista, a sangría que non cesa, mais non aprendemos
Nesta semana que remata, Hazta, de 35 anos, pasaba a formar parte da tráxica lista de mulleres vítimas da violencia de xénero, a número 24 no que vai de ano, despois de ser presuntamente asasinada, ollo, moi importante non esquecer ese termo!, en Barbastro, diante dos seus tres fillos menores.
Pouco ou nada se pode dicir, e a involución, a INTOLERABLE involución que estamos a vivir no que a violencia de xénero atinxe é máis que evidente.
Outra cousa é que non se queira ver, máxime cando estamos nas mans dun goberno que fixo da loita contra esta lacra unha das consignas máis destacadas na campaña electoral, malia o cal, unha vez acadado o seu obxectivo, semella que está a outras cousas de máis ensulla, e que non pode empregar demasiado tempo na loita real contra esta masacre que o que vai máis alá duns cantos twitters, e mesmo istos ben dosificados, practicamente reservados aos casos máis mediáticos.
Os outros, os que se cobran as vidas de tantas mulleres anónimas, son rapidamente saldados co minuto de silencio, a foto de rigor e o esquecemento posterior instantáneo.
É, como xa dixen, evidente, se mire por onde se mire, que non avanzamos, por máis que nos maquillen a realidade.
Todo o contrario, en ningunha das facetas da violencia de xénero, e tampouco a hora de contalo, algo que se fai patente con tan so botar unha ollada a, por desgraza, unha gran maioría dos xornais, ou ver as noticias cada vez que un crime machista é cometido, algo sobre o que en Si, hai saída, conscientes da súa importancia, incidimos frecuentemente, e que hai tan so unhas semanas lembrábamos de novo, xa que é isto algo que facemos periodicamente, nunhas xornadas na que falamos, entre outras cousas, sobre o tratamento que se lle da a violencia de xénero nos medios de comunicación, pero, lamentablemente, non podemos evitar a sensación de predicar no deserto.
O crime que se cobrou a vida de Hazna non foi unha excepción, e, como non podía ser menos, o relato do seu asasinato non defraudou, deixándonos, coma xa é habitual, unha serie de "perlas" que, a min, persoalmente, e supoño que a todos os que tentamos colaborar na loita contra este brutal e continuo feminicidio, nos produce arrepíos e unha enorme frustración.
Vou mencionar tan so algunhas delas.
De entrada, temos que dixerir o obrigado termo "presuntamente asasinada", por máis que o crime sexa cometido diante de testemuñas, neste caso os fillos da vítima, ou mesmo cando o propio asasino se confesa culpable.
Aínda así, segue a ser "presunto", non vaia ser que por unha desas rocambolescas " viravoltas" xudiciais que as veces se dan, e máis aínda cando falamos de violencia machista, sexa declarado inocente, e hai que ter moito coidado con esta cuestión, que a honra do asasino é algo serio, moi serio, de feito case sagrado.
A da vítima xa é outra cuestión.....
En segundo lugar, din, do "presunto asasino", que tiña "antecedentes de disorden mental"......Pobre, nese caso hai que entendelo!, e, unha vez máis, se lle está a dar a violencia machista, a crueldade, a connotación de patoloxía, malia que tamén tiña antecedentes por violencia de xénero contra ela, existindo, de feito,durante un tempo, unha orde de afastamento que, aclaran, cumpliu....así que tan malo non era, non si?, orde que xa se extinguira, polo que a vítima xa non estaba dentro do programa de seguimento VioGen, porque claro, se ve que a maldade ten data de caducidade, como a orde de afastamento, e, cando remata unha, tamén o fai a outra.....Chapeau!.
Para continuar, aclaran que a parella estaba, na actualidade, en trámites de separación, "por iniciativa dela", que quede clariño!, que as mulleres temos a malísima costume de ir pola vida provocando a ira dos nosos maltratadores, tentano romper con eles, espertando a fera, e despois, aínda por riba, temos a ousadía de queixarnos porque nos matan!.
Unha vez máis, se nos ofrece un relato ao que lle falta moi pouco para xustificar o que non ten xustificación posible: O brutal asasinato dunha muller.
É evidente que non avanzamos, que non aprendemos.
Non faltou, por suposto, a xa máis que repetitiva aclaración nunha gran maioría dos casos, da nacionalidade da vítima, porque aínda, polo visto, non somos quen de asumir que estamos a falar de mulleres asasinadas, punto.
Como tampouco faltaron as declaracíóns da Subdelegada do Goberno de Huesca, que manifestaba, ante os medios de comunicación, "Hai que reforzar e actualizar os protocolos".........Sinxelamente tremendo!, e non o digo porque teña nada en contra desta muller, obviamente, a que de nada coñezo, nin porque lle falte razón, se non porque a miña pregunta é:
Como se pode permitir que, a estas alturas, aínda esteamos así, cando se están a investir, por poñer un exemplo, cantidades que non se poden cualificar máis que de escandalosas, miles e miles de euros, en financiar "chiringuitos" que en nada están a axudar, agás a aqueles que lles sacan rendemento político, social, etc, etc, e se pasen por alto cuestións tan obvias como a desprotección na que se atopan mulleres como Hazna?.
De que protocolos nos están a falar?, dos que amosan unha e outra vez que de nada serven, dos que permiten que os asasinos de mulleres e menores maten unha e outra vez, dos que abocan as mulleres e aos menores maltratados a desprotección máis absoluta?.
Non sei como expresar a impotencia, a carraxe, que sinto, que sentimos todos os que, cada día, vemos impotentes como a nosa loita de nada serve, porque nos, as mulleres, os nosos fillos, estamos literalmente atrapados nun sistema, que, ademáis de obsoleto, tan so se move por intereses, e que, sistematicamente, rexeita ser revisado, reformado, e poñerse a traballar de xeito real e URXENTE en aspectos tan básicos como é, entre outros, a prevención.
O postureo, as consignas grandilocuentes nos medios de comunicación, non salvan vidas.
Enchen, iso si, moitos petos.
Asociación Si, hai saída