Tribuna Viva
Habemos de ir á marcha....
Cando souben que este ano si que había Marcha contra celulosas, a miña mente dividiuse en dúas metades, aquela que dicía “que ben!”, como se aquel ritual ao que me fui habituando desde nena e, como tantos outros, tivemos que deixar de lado por un tempo, recuperase o seu lugar lembrándonos que quizais a normalidade tan ansiada está de volta. A outra metade dixo, en troca: “outra vez!?”...
E si, amiguiña, outra vez, e con actitude resignada contesteime, “e as que fagan falta!”. Mais por que? E non parei de darlle voltas a ese porqué até que me decidín a escribir isto para tentar encontralo.
En realidade, eu teño moitos porqués. Algúns cargados de nostalxia do nunca vivido, alimentados polas lembranzas do meu pai, que cando era neno viu como as mariscadoras defenderon a praia dos recheos da fábrica e cargaron coas penas de teren loitado polo que era de todos.
E si, isto lévame a outro porqué profundo e casual, “pois porque son de Lourizán”, desa terra da que ninguén quere falar mais todos coñecen, é fácil, se digo que me criei onde está a Celulosa, aí todo o mundo asinte, non fai falta ter ido para saber onde está, así que podo agradecerlle ter sido o meu “googlemaps” antes da era, o lugar que situaba calquera; é claro, so facía falta seguir o cheiro...
Ese cheiro xa non me enche as narinas, troqueino por tantos outros dos lugares en que vivín desde que saín dalí, algúns deles moi desagradábeis tamén, e que me lembraron que a loita de Pontevedra é común a moitas outras, mais ten algo de épico e de utópico que a fai especial. E aí e onde me toca o corazón, vexo os pés de moitos que camiñaron connosco pola avenida, loitando por tumbar as chemineas ao lonxe, algúns pés xa camiñan mal, cansos, outros xa non están; e por eles irei, da man das miñas fillas, contando anécdotas miñas e doutros, coa esperanza de alumear nelas esa chama que me une aos outros e que nunca nos fai renunciar.
Non imos renunciar a un futuro mellor, como antes outros non o fixeron por nós, levantaremos as nosas voces por todos os que non virán, porque a ría ainda non é nosa, mais será.
Porque acreditamos nunha industrialización que respecte a vida, que conviva con outros usos dos lugares, que permita o benestar e a biodiversidade.
Xa tiven que responder a moitas excusas, xa tiven que xustificar moitas veces que eu non quero sacarlle o traballo a ninguén, no meu caso, ainda polo contrario, qué vou dicir eu se traballo co papel! Mais o meu amor polos libros non vai para alén da firme convicción de que existen outras maneiras de producir que permitan a sustentabilidade e a harmonía, mesmo acabando por aceptar que sempre haberá consecuencias negativas.
A marcha é o acto de resistencia pacífica que me ensinou que nada é imposible e que o interese duns poucos non sempre gaña sobre o da maioría.
Por iso e por outras moitas razóns: SI, este domingo, eu tamén vou á Marcha contra Celulosas!
María Péon Torres