Tribuna Viva
Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas
Nestes tempos de coronavirus onde todo o demais tende a esquecerse hai que alzar a voz para chamar a atención sobre outra pandemia, a que ano tras ano destrúe a vida de miles de persoas e as súas familias. Hoxe, falar de narcotráfico, de drogas e adiccións é máis necesario que nunca.
Porque algo estamos a facer moi mal como sociedade cando moitas persoas cren que para divertirse ou para esquecer as penas hai que consumir drogas. Ou cando vemos na televisión a famosos chanceando sobre iso, incluso presumindo de consumir ou anunciando casas de apostas, a ruína de moitos menores e maiores.
Ou vendo series onde os policías son torpes e malos, mentres o narcotraficante é o guapo e o bo da película. É o mundo ao revés e o peor exemplo posible. Que mágoa!
Isto é serio. As drogas traen problemas. Desde a primeira calada, desde o primeiro grolo, desde a primeira raia. A todas as idades e especialmente aos mozos. O uso de drogas está directamente relacionado afectación cerebral, deterioración neurolóxica, fracaso escolar, accidentes de tráfico, violencia de xénero e abuso sexual.
E en moitos casos o consumo ocasional acábase convertendo en adicción. Por iso son drogas, porque anulan a túa vontade e destrúen todo o que tocan. Das drogas, ás veces e con moito esforzo podese sair. E outras veces Non.
A vida está chea de cousas boas, de momentos marabillosos. Se queres diversión da boa enganchate ao deporte, ás artes, á cultura, á música, aos bos amigos e amigas. Temos moito por vivir e mil oportunidades para disfrutar.
E a vós, traficantes. Parar un momento e pensar: o diñeiro que gañades é un diñeiro miserable, manchado de dor, de bágoas e de sangue. Sabedes que non sodes os mozos da película, nin os máis listos. Non deixades de ser infames vendedores de veleno. E sabedes que o voso sucio negocio sempre acaba mal.
No Día Internacional dediquemos, cada persoa un minuto, un só minuto para pensar que podemos facer, que está nas nosas mans, para reducir o consumo de drogas. Un minuto para reflexionar e todo o ano para poñelo en práctica.
O mundo con menos drogas é un lugar mellor.
26 de Junio. Día Internacional contra el uso indebido y el tráfico ilícito de drogas
-Manifesto elaborado pola FGCN en colaboración con unha representación social composta por estudantes, profesorado, deportistas, nais e pais e sector sanitario