Tribuna Viva
Carta a Ethel Vázquez, a conselleira superoptimista (iso si, cos cartos de todos/as)
Desde a Plataforma Veciñal de Lourizán xa podemos adiantarlle o resultado da sentenza da Audiencia Nacional sobre a prórroga de Ence a Ethel Vázquez e o resto dos seus camaradas do goberno da Xunta: vai declarala ilegal e vai determinar que non pode seguir en Lourizán máis alá de 2033.
E non é que houbera filtracións ou que sexamos adivinos. Nin sequera que teñamos grandes coñecementos en materia xurídica. É que calquera persoa que se documente o necesario sabe que a sentenza non pode ser outra que declarar ilegal a prórroga. Porque así o establece a lei. O que non acabamos de entender é como, se o sabemos nós, os responsables políticos da Xunta digan que Ence non vai marchar de Lourizán, cando teñen, ademais, un exército de funcionarios e asesores legais traballando cada día para eles.
Na nosa opinión, debería ser suficiente para determinar a ilegalidade da prórroga concedida polo goberno de Rajoy, o feito de que se tratara dun goberno en funcións, cando non era un caso de especial urxencia, que xustificaría que un goberno en funcións actuara desa maneira. Pero é posible que para os xuíces non fora suficiente motivo. Pero a Lei de Patrimonio si que é definitiva neste asunto, ao establecer un máximo legal de 75 anos desde o inicio da concesión para ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestre. Así q o sentido da sentenza xa podemos adiantar cal vai ser. Como a concesión é de 1958, Ence só pode ocupar eses terreos ata 2033. E por iso os responsables da empresa están tan nerviosos nos últimos tempos.
O que non se entende en todo isto é a actitude dos responsables políticos da Xunta especialmente de Feijóo e dos seus conselleiros, Ethel Vázquez e Francisco Conde, que levan anos a negar a evidencia. Nin sequera consideran que esa posibilidade exista, dicindo publicamente unha e outra vez que non se plantexan esa opción. É unha actitude totalmente absurda e irresponsable. Mesmo infantil. Pensar que por mirar para outro lado ou esconder a cabeza nun burato, como o avestruz, o problema desaparece.
Dá moita vergonza allea comprobar como as persoas que teoricamente teñen que defender o ben común, actúan como se formaran parte do consello de administración de Ence, antepoñendo os intereses da empresa ao interese xeral. Xa sabemos que Ence é unha empresa do IBEX35 e aínda hoxe un concelleiro socialista denunciaba as presións sobre os xuíces da Audiencia Nacional. E non hai que descartar que, nun futuro non moi lonxano, os conselleiros ou o propio Feijóo acaben sentandos no consello de administración, da mesma maneira que se sentan actualmente, ou se sentaron non hai moito tempo, antigos dirixentes do PP, como a exministra Isabel Tocino ou o que fora concelleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Carlos del Álamo, dimitido pola catástrofe do Prestige. Outro exemplo de portas xiratorias nas filas do PP témolo en Beatriz Mato, antecesora da propia Ethel Vázquez na consellería, cando se chamaba Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e que actualmente forma parte da empresa de renovables Greenalia e da empresa de telecomunicacións Euskaltel. Así que é moi habitual que se vaian asegurando o futuro. Pero que disimulen un pouco, que por agora aínda lles pagamos nós.
En calquera caso, e volvendo co que nos preocupa, como plataforma veciñal, recordar que levamos anos xa, advertindo a Ethel Vázquez de que, por unha cuestión de responsabilidade, a responsabilidade do cargo que ocupa, tiña que contemplar todos os escenarios posibles. E que cada vez collía máis peso a posibilidade de que a medio prazo Ence se tivera que ir de Lourizán e habería que empezar a planificar a recuperacións deses terreos de DPMT. E que polo tanto non tiña sentido o que estaba a facer a consellería, unha especie de fuxida hacia adiante, aprobando proxectos que significaban consolidar os recheos no litoral, invertindo ademais millóns de euros de cartos públicos.
Ethel Vázquez ten demostrado ser unha irresponsable, cos cartos de todos/as. Estaría ben se fora a súa leira ou foran os seus cartos. Pero estamos a falar de terreos e de cartos que son públicos. E non esperamos que os devolva, cando saia a sentenza. Pero esperamos que, polo menos, se ten un algo de vergonza e de dignidade, ou polo menos un mínimo de decendia, que dimita ao día seguinte. E despois se quere que vaia ocupar unha silla no consello de administración de Ence.
PD: Somos conscentes de que existe a posibilidade, por motivos alleos á legalidade vixente, de que a sentenza sexa favorable a Ence. E máis despois de escoitar as denuncias das presións do IBEX 35 aos xuices da Audiencia Nacional. Se finalmente a sentenza declara legal a prórroga, quererá dicir que Ence tiña todo "atado e ben atado". E será unha mala noticia para toda a cidadanía. Porque máis alá do tema de Ence, significará que a Xustiza, que leva uns anos a demostrar que ten problemas moi serios, en canto á súa independencia e o seu marcado sesgo ideolóxico, está aínda máis podre do que parece, que a gangrena xa se extendeu e xa é irrecuperable.
Plataforma Veciñal de Lourizán "Non Á Ampliación"