Marta Rodríguez Engroba
Que tal menos investimentos en atrezo e máis en solucións reais? Iso si sería loitar, de verdade, contra a violencia de xénero
O outro día, unha persoa totalmente allea ao eido asociativo, pero que, pola súa profesión, ten certo contacto con él, e de diferentes zonas, manifestaba, no transcurso dunha conversa, o seu asombro porque detectara, despois de ter coñecido, hai algo máis de dous anos, a Si, hai saída, o colectivo de axuda a vítimas de violencia de xénero do que formo parte, que, entre outras cousas, se hai algo de nos que molesta notablemente a moitos é que non percibamos ningún tipo de remuneración, subvención ou calquera outra axuda polo noso traballo, algo isto, cremos que xa fala por si mesmo, e tamén nos comentaba a súa sorpresa porque cada vez eran máis as persoas que, tendo contacto con elas por motivos profesionais, lle contaban que deixaran os seus traballos ou pediran unha excedencia voluntaria porque, lle contaban, formaran unha asociación, desenvolvendo a súa actividade, na maioria dos casos, no eido da violencia de xénero ou da igualdade, e non dispoñían de tempo para compatibilizar ambas actividades, describindo a estas asociacións como "sen ánimo de lucro", preguntándonos como podía ser isto, de que vivía esta xente a partir dese momento, se, supostamente, non se lucraba da súa labor, e como se podían permitir ese luxo, máxime cando a algunhas delas non se lles coñecían, pasado o tempo, máis actividades que as puramente mediáticas, apoiadas, eso si, política e institucionalmente.
A nosa resposta en forma de silencio foi máis que elocuente, non fixo falta máis para que entendera, e isto nos leva ao fondo da cuestión que queremos tratar, e que é a que realmente importa, a influencia que este feito ten en que a loita contra a violencia de xénero que, supostamente, se está a levar a cabo no noso país, malia o cal non deixa de medrar, e dun xeito atroz, é, no fondo, se non unha grande mentira, algo ben semellante.
Vaia por diante que en Si, hai saída non temos nada en contra de que cada quen opte por traballar do xeito que considere máis oportuno, elixindo libremente, como nós o fixemos no seu momento, e que se remunere, se premie, se incentive, ou como se lle queira denominar, ese traballo, pero dándolle o nome que realmente lle corresponde, porque un colectivo pagado, con empregados, etc, etc, é unha empresa, punto, algo que non é malo, pero que tampouco é xusto equiparalo cos que optamos non soamente por non lucrarnos, se non por desembolsar dos nosos petos os gastos que, non poucas veces, a nosa actividade nos ocasiona, malia o cal os respectamos, algo que non sempre, de feito case nunca, é recíproco.
Son, como xa dixen, incondicionalmente apoiados por institucións, partidos políticos, etc, que teñen neles un importante nicho de votos, e nunca faltan fondos, en cantidades importantes ademais, miles e miles de euros, para empregalos neles, nunhos casos máis xustificadamente que noutros, se o que valoramos é a súa actividade real, e non a puramente mediática, algo, aclaro, que non é extensivo a todos, por suposto, xa que os hai que traballan de verdade, pero si, lamentablemente, a unha notable maioría.
Estudos, eventos, foros, datos estatísticos, e fotos, moitas fotos, forman o groso da súa actividade, ou, polo menos, da que transcende, formando parte, eso si, da elite, dos escollidos, consolidando a súa posición social e profesional, mentras, repito, a violencia machista medra e medra sen parar, e a lista de mulleres e menores asasinados semella non ter fin, deixando ben patente que algo está a fallar estrepitosamente, nada novo, por outra banda, polo cal, nunhas datas nas que as pegadas da violencia machista están a ser aínda máis tráxicas, máis crueis do que xa estamos acostumados, nas que, ademais, se che achegan as vacacións de verán, un verán que auguramos especialmente complicado en materia de violencia de xénero, pola crispación existente, polos máis que previsibles conflitos que xurdirán do intercambio de menores nun ano no que un tema como é este, case sempre espiñoso e susceptible de tensións, o vai ser case con toda seguridade aínda máis, a nosa pregunta é:
. A ninguén con competencias se lle pasou pola cabeza, e isto por facer tan só un par de suxestións, destinar parte deses fondos que nunca faltan para montar segundo e que colectivos, para contratar persoal que cubra, por exemplo, as vacacións do pertencente aos Puntos de Encontro, impedindo así que peche durante dúas semanas cando máis falta fai, como xa ven sucedendo en anos precedentes, polo menos nalgunhas cidades, tentando así minimizar os posibles conflitos entre proxenitores, e, porén, riscos?.
. Alguén pensou en previr que as plantillas das Ufam (Unidades de Familia e Axuda a Muller) das comisarías non queden baixo mínimos, coma cada verán, substituíndo aos axentes especializados en violencia de xénero que disfrutarán das súas vacacións, as que, obviamente, teñen todo o dereito, o mesmo que os traballadores dos Puntos de Encontro?.
E, con carácter xeral, sen cinguirnos as vacacións, nun país no que tanto gustan os estudos, as elaboracións de perfís….deses dos que non dubidamos que sexan moi certeiros, efectivos xa é outro cantar, e que, eso si, xustifican moitos soldos e moitos despachos, alguén se plantexou facer algún sobre os do persoal que se ocupa da asistencia e protección das vítimas de violencia de xénero, dos seus fillos, en eidos fundamentais como o policial, xudicial, traballo social, etc, etc, tentando previr que non caigan nas mans de quen non ten nin a máis mínima empatía con elas, que están a exercer esas funcións porque lles tocou, ou por outras razóns que nada teñen que ver coa vocación, coa implicación, que, sinxelamente, se teñen ou non, ou mesmo na súa vida privada exerce o maltrato?, porque estas cousas, malia que non se queiran admitir, malia que nas fotos non se note, ocorren…… E insisto, estas son tan so algunhas suxestións.
Para dicilo máis clariño, ao mellor chegou o momento de financiar menos "chiringuitos" e máis traballo real e tal vez entón poidamos comezar a falar de auténtica loita contra esta brutal masacre.
O "atrezo" está moi ben para as fotos, para as postas en escena.
É moi vistoso, luce moito, pero, lamentablemente, non axuda a salvar vidas.
A vista está.
Asociación Si, hai saída