Juan Manuel Rey
Carta aberta ao Sr. Cubela
Recibimos o outro día a visita do Alcalde de Cerdedo-Cotobade, o Sr. Cubela, coa única e exclusiva razón que facer crítica da mellor Escola de Música da provincia.
A situación semellou moito a aquela anécdota onde dous parroquianos discutían na barbería sobre se a catedral de Burgos era gótica ou románica. A discusión acalorouse moito e o barbeiro que era o máis ilustrado dos tres, pechou a disputa coa seguinte afirmación: "se é gótica será por dentro porque por fora vina eu e é de pedra". O barbeiro polo menos recoñecía que non tiña entrado na Catedral de Burgos.
Nós ofrecémoslle ao señor Cubela a chave para cando queira entrar na escola dos veciños de Caldas. Mira que opinar da Escola de Música dende fóra…
Por certo, que este fin de semana chamei a algún amigo do seu concello para que me acompañara a ver a súa escola de música e non foi posible porque ninguén me soubo dicir a súa ubicación. O seu papel nesta visita a Caldas correspondeuse exactamente co papel que xogaba o "primo de zumosol".
Lamentablemente, o edificio que a vostede non lle serve si que lle serve a Medio Rural (quérense instalar aí), serviulle ao Sergas para un cribado masivo, serve para o obradoiro de emprego que se está a desenvolver neste momento, sérvenlle á Banda de Música Municipal onde unha das súas responsables, a concelleira do PP, Sara Martínez, foi das que máis empurrou para poder utilizar aínda que non estivese acabada esta infraestrutura e, por suposto, sérvelle tamén a centos de veciños que a desfrutan a diario sen ningunha queixa completando a súa formación musical.
De todas as reivindicacións que fai, ningunha delas é competencia da Deputación de Pontevedra. En canto ao revestimento lateral existe partida orzamentaria e a súa realización será o máis axiña posible. A electricidade é competencia da empresa eléctrica, que está pendente de completar o procedemento administrativo para poder acometer as obras.
Non tivo vostede precisamente o don da oportunidade. Aproveitando que fixo crítica sobre a Deputación, téñolle que dicir que para a nosa vila a comparación entre a xestión levada a cabo por Carmela Silva con respecto a anteriores presidentes é moi de aplicación a frase dun grupo cómico arxentino Les Luthiers que di: "cualquier tiempo pasado… fue anterior".
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis.