Marta Rodríguez Engroba
Abraio, indignación e medo
A isto teño que engadir que comezo a crer, despois de 7 anos que en Si, hai saída levamos traballando con vítimas de violencia de xénero, que todo o equipo somos parvos, e non no sentido coloquial que se di moitas veces, se non parvos de verdade, vamos, o que ven sendo idiotas rematados, porque, de non ser así, non atopo explicación posible.
Por qué digo isto?.
Vou tentar aclaralo do mellor e máis breve xeito, porque, como xa dixen en máis ocasións, cando algo me toca de verdade, cando me doe na alma, non podo evitar estenderme no meu desafogo, e tampouco se trata de aburrir a ninguén.
Abondo fago con cabrear a moitos, que algún mérito terá, digo eu!.
Cando chega unha muller a solicitar axuda a Si, hai saída, ademais de contarme a min o que a conduciu a nos, ante as súas preguntas a cuestións legais e a como proceder, tanto se están pensando en iniciar accións para rachar co seu maltratador, como se xa teñen algún procedemento en marcha, o que fago, ineludiblemente, é derivalas a un dos meus compañeiros avogados, que verán, detidamente, xunto con ela o mellor xeito de enfocar o caso, e, se, como dixen, xa teñen un procedemento iniciado, a documentación é minuciosamente revisada, e, por descontado, contactamos, se é preciso, co avogado que se fixo cargo do caso no seu momento ou mesmo coa policía se o consideramos necesario, porque, obviamente, o noso traballo non se fai as agochadas, e así llo explicamos desde o primeiro momento, e todo isto, malia que algunhas delas se amosen inicialmente remisas, sendo partidarias de cinguirse unicamente a miña opinión, por unha cuestión elemental, porque eu, por máis empatía hacia elas que sinta, por máis sentido común que teña, non son avogada, e non posúo, porén, os coñecementos dos meus compañeiros, a miña é, sinxelamente eso, unha opinión, un consello, e estamos a falar de vidas.
Un consello mal dado, a prepotencia de crer sabelo todo, pode sentenciar a unha muller e tal vez aos seus fillos.
Naturalmente, isto leva o seu tempo. Horas, días, e, as veces, semanas de conversas, de xuntanzas, nas que se lles advirte que cada detalle, cada recordo, por ínfimo que semelle ser, conta, para ben, ou para mal, os bos, e os malos, porque as veces a vítima non todo o fai ben, como é lóxico, dada as situacións de tensión, de pánico, que pode chegar a vivir, algo que temos que saber, e non para avergoñala, nin para cuestionala, nin moito menos recriminarllo, se non porque o seu agresor, sen dúbida, o vai utilizar na súa contra, e, para axudala, necesitamos, é imprescindible, coñecer todos e cada un dos detalles, dos episodios, por moi duros ou desagradables que istos sexan, ou por insignificantes que, pola contra, podan semellar ser, polo que hai que repasalos unha e outra vez, ademais, de, moi importante, fundamental, a versión da parte contraria, que nada vai ter que ver, naturalmente, coa dela.
Teño que aclarar que os meus compañeiros son, todos eles, grandes profesionais, con longas e contrastadas traxectorias no eido legal, e, por riba de todo, responsables, moi responsables, e saben o que se traen entre mans.
Pero, mirade por onde, en clara contradición ao noso xeito de proceder, que, entendemos, é o correcto, cada vez con máis frecuencia, observamos atónitos, coma neste país noso, tan "implicado", tan "concienciado" coa loita contra a violencia de xénero, abonda con ler uns cantos titulares, escoitar unhas declaracións dunha das partes, as moitas veces auténticas burradas que soltan pola boca certos "pseudoexpertos", para que as masas se alporicen, se pronuncien con toda rotundidade, lanzando dardos envelenados contra quen ouse amosar nin a máis mínima dúbida, e xa non digamos desacordo, dando a sensación de que todos e cada un deles vivían cos protagonistas da historia, polo que coñecen a súas vidas e os pormenores destas a perfección, e deixando claro que non hai matices, que non concordar ao cen por cen coa parte a que eles defenden implica defender a capa e espada a outra, sen razonamentos posibles, porque se non, quen o fai, xa ingresa con acceso directo nesa categoría tan de moda desde hai unhas semanas dos "negacionistas da violencia de xénero", acuñada por unha "señora" que di ser xornalista, seica.
Isto non é, eso si, aplicable a toda-las vítimas, que quede claro.
A condición si ne qua non é que a vítima, real ou presunta, ten que ser famosa ou, polo menos, ter acadado un certo tirón mediático, para, así, poder despregar "likes"e twitters a discreción, e iniciar campañas virais, pero tranquilamente, desde o sofá ou o sillón, ou mesmo tomando unha caña tranquilamente, apoiando o despropósito e o desatino.
As anónimas, as que ao mellor teñen ao outro lado da parede, ou que lles toca na familia ou no círculo de amigos, no traballo....esas xa son fariña doutro costal. Aí non hai que meterse, que despois todos son complicacións, pero, por desgraza, non se pode evitar que moitas veces escoiten ou lean nas redes sociais eses desatinos, que, nunha situación de grande vulnerabilidade emocional como a súa, dominadas polo medo, pola incerteza, as leven a tomar decisións fatais que lamentarán toda a vida, ou peor aínda, que lles farán perdela.
Tampouco se manifestan polas que, aínda sendo anónimas, acaban, desgraciadamente, por deixar de selo momentaneamente, ocupando un espazo cada vez máis breve nas noticias, por ter sido salvaxemente agredidas ou mesmo asasinadas, en non poucas ocasións por non darlles a protección que precisaban.
Para elas, para os seus fillos, non hai campañas virais, nin peticións de sinaturas, nin se lles compadece.
É máis, curiosamente, a maioría, se lles comentas o caso, responden, "Ah, pois non me enterei", e a outra cousa.
É moito o dano que fan, moito, e, o peor, o máis perigoso, é que, por se non tiñamos abondo, agora temos que enfrontarnos tamén a un goberno que se sube ao mesmo carro da insensatez, do afán mediático....Eso, ou que ou ben, como dicía antes, conviviron coas vítimas das que falan e coñecen perfectamente a súa situación, ou ben son videntes, porque o que teño moi claro é que sexas político, ministro ou cidadán de a pe, os titulares, as noticias, e menos aínda os circos "pseudoreivindicativos" ou "pseudoinformativos" non poden, ou non deben, ser o parámetro polo que se rexen.
Pola contra, eles, máis que ninguén, deberían dar exemplo de prudencia, de mesura e de obxectividade, e non engadirse ao circo.
Por todo isto, vendo o que temos enriba e o que se nos aveciña, que as vítimas de violencia de xénero van estar a mercé de quen, lonxe de protexelas, están a facer da propia notoriedade a súa prioridade, sentín primeiro abraio, porque, francamente, custábame crelo, unha gran indignación despois, e agora, sinceramente, moito medo.
Asociación Si, hai saída