Tribuna Viva
Restauración do Cruceiro de Faxil
Iniciáronse os trabalos de restauración do cruceiro de Faxil situado na parroquia de Agudelo concello de Barro.
O cruceiro que levaba torcido dende o ano 2014 soportou a indiferenza do concello e da Xunta de Galicia ata a denuncia plantexada polo colectivo pola defensa do patrimonio A FORNEIRIÑA en febreiro de 2018 ante a Consellería de Cultura e a Consellería de Medio Rural titular da parcela sobre a que está situado.
Trasladada ao concello de Barro a Denuncia pola Consellería de Cultura, o alcalde de Barro asume o compromiso de restauración do cruceiro para desdicirse máis tarde pasándolle a pelota á Consellería de Medio Rural, titular da masa común sobre a que se sitúa o cruceiro, mentres colabora co Arcebispado na restauración de patrimonio da Igrexa.
Ante a falta de interese polas administracións, A FORNEIRIÑA e o colectivo pola defensa do territorio ANOVATERRA formulan queixa conxunta ante a Valedora do Pobo en xullo de 2018
Os numerosos escritos da Valedora do Pobo aos responsables do coidado do patrimonio (concello de Barro e Consellería de Medio Rural) non deron froito ata que a Consellería de Medio Rural asumiu recentemente o encargo da restauración do cruceiro coa supervisión de Patrimonio que se iniciou o día 24 deste mes coa desmontaxe das pezas e traslado ó taller do canteiro que baixo a dirección dun restaurador fará o traballo de limpeza, coidados e posterior recolocación nun emprazamento máis seguro da parcela.
Sobre a cruz do conxunto obsérvase a pegada dalgunha caída que afectou ao cristo e a un brazo da cruz, tamén se localizaron dous anacos do antigo varal soterrados baixo a plataforma do cruceiro.
A Forneiriña Colectivo na Defensa do Patrimonio