Marta Rodríguez Engroba
A min pegaríame unha vez, pero a segunda non ma dá! (para todas as que dicides isto)
Sangue de mulleres, de neno… 14 crimes no que vai de ano, 5 nunha semana, e isto se falamos dos contabilizados oficialmente, porque a violencia machista non se limita as estatísticas, por máis que con elas se tente en demasiadas ocasións maquillar a realidade e xustificar o inxustificable. Tamén existe e medra a oculta, a que non se conta, agás que remate por deixar coma resultado un cadáver, ou máis dun.
E no medio de tan desolador e traxico escenario, unha vez máis, ao longo distes días, tocoume escoitar, da boca dalgunha muller, de máis dunha, un parrafeo que, se sempre me altera, nestes momentos confeso que tiven que facer auténticos esforzos para non perder as formas dunha elemental educación que sei que non debo perder, pero que me custa conservar segundo e con quen.
Estou a referirme a ese de "Eu non entendo as mulleres que se deixan maltratar, porque a min pegaríame unha vez, pero a segunda?, a segunda non ma da!", e que, curiosamente, moitas veces é pronunciada por mulleres que, irónica e cínicamente, teñen a ousadía de gabarse de ser feministas, por eso non lles pegan, porque están empoderadas, seica, e que non se perden, nalgúns casos, non en todos, conste, un 25N nin un 8M, case sempre, por suposto, en sitio ben visible e, a poder ser, mesmo na cabeceira.
Son das que culpan ao machismo, ao patriarcado, pero que non dubidan en menosprezar, en cuestionar, as mulleres maltratadas, se son anónimas, claro, porque, no caso contrario, adoitan ser das que teñen o dedo presto para apoiar campañas virais e publicar hashtags de "Non estás soa", "Eu si te creo" ou "Estás na miña casa".
Pois ben, a vos, mulleres "empoderadas", a esas que levaríades o primeiro golpe porque vos pilla por sorpresa, pero que non naceu, como dicides algunhas, o home que vos dea o segundo, me vou dirixir.
En primeiro lugar, pregaríavos, con todo respecto, que, se coma todo semella indicar, non sodes quen de sentir nin a máis mínima empatía polas mulleres que fumos ou están a ser maltratadas, e que os vosos coñecementos da realidade da violencia de xénero son, a todas luces, non escasos, se non nulos, algo isto, por certo, directamente proporcional ao interese que tedes en chegar a adquirilos, permitídeme que vos explique, coa esperanza de que tentedes, polo menos, facer un mínimo esforzo por entendelo, que, cando unha muller leva, levamos o primeiro golpe, agás rarísimas excepcións, este é o seguinte chanzo a un longuísimo proceso previo de anulación, de humillacións, de menosprezos, non moi diferentes, por certo, dos vosos, e dun pánico que os nosos agresores nos van inoculando día a día, ata deixarnos sen capacidade de reacción, ata ser presas desa indefensión aprendida que algunhas de vos, que tanto sabedes, nomeades a míudo, pero da que, a vista está, descoñecedes o seu significado, que nos fai pensar, estar convencidas de que, fagamos o que fagamos, tentemos o que tentemos, non poderemos escapar da nosa sorte.
Por non falar da vergoña, do sentimento de ser puro lixo que os nosos maltratadores se encargan de inxectarnos, ademais do constante recordatorio que nos fan de que, se pedimos axuda, se contamos o que nos está a pasar, ninguén nos vai crer, porque eles, de portas afora, son seres cautivadores, encantadores e agarimosos, todo o contrario que nos, que, totalmente sometidas, sempre aterrorizadas ante a anticipación, a certeza do que sabemos que vai pasar en canto non haxa espectadores e a porta do noso cárcere se peche, semellamos ser as amargadas, as que non somos doadas de aturar.
Nada que sexa moi diferente, por certo, do que vos facedes, sobre todo no que atinxe a ese sentimento de ser lixo, de non valer nada, porque, tedes idea de cómo nos facedes sentir cada vez que vos expresades dun xeito tan cruel?, porque malia que non sexades conscientes, ou eso quero crer, as vosas palabras son un xeito de crueldade, de maltrato, tan grave coma o que eles, os maltratadores "oficiais", exercen sobre nos.
Vos sodes unha parte fundamental do problema, unha das razóns máis importantes polas que aturamos ser aldraxadas, maltratadas, ata límites insostibles, porque se as nosas iguais, bueno, as que se supón sodes as nosas iguais, non amosades nin a máis mínima comprensión, non sodes quen de poñervos na nosa pel, qué podemos agardar do resto da xente?.
E que me dicides das mulleres que non teñen recurso ningún para sobrevivir nin elas, nin os seus fillos, e que, precisamente por eles, optan por converter a súa vida nunha constante ruleta rusa a que algunhas, e algúns dos menores, non sobreviven?.
E das que si deciden denunciar, pero non son cridas?, porque estas cousas pasan, sabédelo?.
E qué sucede coas que tamén denuncian porque temen pola súa vida, pero que se atopan con que un test case máxico decide que sobrevaloran o seu risco e se lles nega toda protección, por máis que a pidan, non tendo máis opción, en moitos casos, que volver a casa co malnacido ao que acaban de denunciar, que saiu impune, e que é, lóxicamente, desde ese momento aínda máis agresivo?.
Que curiosa, por certo, esa capacidade vosa de empatizar coas vítimas mediáticas, de vibrar e chorar con elas, e de erixirvos nas súas enardecidas defensoras, e, pola contra, condenar e cuestionar as anónimas!.
Porque, efectivamente, o maltrato non entende de clases sociais, nin de estratos económicos.
Unha vítima é unha vítima, rica ou pobre, famosa ou non, e neso todas somos iguais, pero, obviamente, as posibilidades non son as mesmas para todas, nin remotamente parecidas.
Pero é, sen dúbida, ademais de infinitamente máis cómodo, máis atraíble, máis "glamouroso", apoiar as coñecidas, as que teñen acceso aos focos, as cámaras e aos platós.
A elas si que as entendedes. No seu caso si que comprendedes que lles den o primeiro golpe, o segundo, e cantos sexan, e empatizades ao cen por cen co seu medo, coa súa anulación.
Permitídeme que vos pida un favor, ou, mellor dito, dous:
O primeiro, que se non sodes quen de amosar, de sentir, un mínimo de empatía, de sensibilidade, POR FAVOR, calade e deixádenos en paz.
O segundo, que antes de seguir falando de machismo, de patriarcado, que, obviamente existen, facede un exercicio de humildade e mirade o voso propio embigo.
É inútil tentar loitar contra eles mentras teñamos as inimigas na casa.
E xa para rematar, un desexo, de corazón e unha mensaxe.
Ogallá nunca vos toque sentilo na vosa pel ou na de alguén a quen queredes, pero, se, por desgraza, non podedes evitalo, aquí estaremos para axudarvos, e, por descontado, para entendervos.
Asociación Si, hai saída