Manuel Pérez Lourido
Desafeccións
A desafección é unha calidade moral. Un momento da existencia no que tanto se comprenden moitas cousas como non se comprende nada. O desafecto é alguén ambivalente por antonomasia.
A primeira condición para ser un desafecto é ter un obxecto recoñecible que sexa á un tempo motivo e efecto da túa desafección. Parece complicado, pero para nada. Trátase de centrarse. Non se pode sentir desafección en abstracto como non se pode sentir amor en abstracto. Agás que sexas parvo, pero aí non imos ir de momento. Unha vez que xa tes claro cara que sentes desafección todo é moi sinxelo: só tes que deixarte ir, nunca mello dito. O problema é que en non poucas ocasións non é doado adiviñar unha diana para a túa capacidade de vivir a desafección por algo ou alguén.
Se non atopas dentro túa, nin fóra, un elemento que che está a dicir, aínda que sexa con miañadas de gatiño cativo, que te sentes mellor pasando del, estás amolado. Pensa unha migalla. Se non atopas nada especial que che dea xenreira só de pensalo, parabéns: es parvo. Dáche todo igual porque eres absoluta e felizmente parvo. Con todo, sempre podes facer medrar unha pequena molestia emocional con isto ou aquelo, fedellar coas unllas nunha ferida emocional que se remonte á infancia, etc, etc. Moitas das grandes desafeccións dos seres humanos son en realidade o froito da súa creatividade, o resultado de encirrar áreas en tensión latente. Todo é poñerse.
O seguinte paso dentro da desafección é o rexouba. Hai que gozar da vida e hai que gozar das desafeccións persoais. Unha cousa leva á outra. Isto obriga a telas sempre en conta, a vivilas con total desinterese e cellas levantadas. Tamén se poden encoller cara dentro os dedos dunha man e soprar neles. Ou asubiar mainiño "Catro vellos mariñeiros" mentres sinxelamente deixas pasar o tempo. Deixar pasar o tempo é unha arte suprema dos desafectos, unha especie de quinto dan na categoría máis alta. A proba definitiva de que alcanzaches a madurez no longo e estreito camiño das desafeccións.
Para rematar, deixar aquí constancia do tremendo erro que cometen os autores de libros de auto axuda esquecéndose deste tema. Un bo manual para traballar a desafección sería un potencial éxito de ventas. Se cadra é que a eses posibles autores o tema impórtalles moi pouco.