Tribuna Viva
Malestar das confrarías coa Xunta polo conflito na extracción de semente de mexillón
As Confrarías de Pescadores de A Guarda, Baiona, Vigo, Cangas, Aldán, Bueu e o Grove acordan no seo da Federación Provincial manifestar a viva voz un "Basta Xa".
Nesta liña, o Presidente da Federación, José Manuel Rosas, declara tamén sentirse enganado e defraudado ante as numerosas promesas incumpridas por parte da Consellería do Mar.
As incontables reunións mantidas ao longo dos dous últimos anos entre estas entidades e tamén conxuntamente coa Consellería do Mar e as Asociacións de bateeiros para tentar atoparlle unha solución ao conflito derivado da explotación da "mexilla" en bancos naturais non valeron de nada.
Para o sector percebeiro "esas xuntanzas foron unha total perda de tempo e non se produciron apenas avances para obter unha solución antes da apertura da campaña extractiva do ano 2020, nin tampouco a de 2021". "Só se estiveron a dar voltas en círculo" co obxectivo de "gañar tempo" para así evitar ter que afrontar o problema real e adoptar decisións que pasan por lograr un consenso entre os dous colectivos que desenvolven paralelamente a súa actividade extractiva nas rochas da costa galega entre A Guarda e Cariño".
Os resultados desa deixadez da Consellería do Mar, son os que son, "un total arrase das zonas máis ricas de percebe do litoral pontevedrés (existen mostras visuais que refrendan o estado desolador no que quedaron ditas zonas).
Tendo en conta as evidencias existentes respecto aos danos causados ao longo da campaña 2020/2021 e tamén por non seren consideradas na súa totalidade as zonas de exclusión para extraer mexilla propostas polas confrarías, o sector percebeiro de Pontevedra só pode expresar o seu rexeitamento á Resolución de 30/04/2021 da Consellería do Mar, pola que se aproba a ampliación do período de extracción de mexilla durante o mes de maio de 2021, tratándose dunha autorización que "ven a por de manifesto a ausencia do necesario enfoque precautorio e a falla de rigor na xestión dos recursos por parte da Consellería do Mar".
É certo que a orde reguladora da extracción de semente de mexillón en bancos naturais e que data do ano 2000, ampara a actividade desenvolvida polos recolectores de mexilla en todas as zonas de costa das provincias de A Coruña e Pontevedra, mais no tempo tódalas normas se modifican e melloran en beneficio do ben común, e sempre buscando un equilibrio para evitar damnificados.
A normativa que regula a actividade doutros sectores que viven do mar fóronse adaptando para cumprir coas directrices e obxectivos da UE en materia de biodiversidade e conservación do medio ambiente. Porén, a normativa que regula a actividade ligada ao cultivo do mexillón en Galicia está obsoleta, non se guía por criterios ambientais ou pola sustentabilidade da xestión dos recursos mariños e nin sequera está baseada en datos reais do estado das poboacións ou no impacto da actividade extractiva sobre o ecosistema.
En abril de 2020 e como condición para ampliar a actividade extractiva de mexilla nos meses de maio e xuño, chegárase a un acordo de mínimos entre os dous sectores produtivos e a Consellería do Mar para reservar parte das zonas propostas polas confrarías, consideradas sensibles e polo tanto intocables para percebeiros e bateeiros para a extracción de mexilla, e namentras non se acadase un acordo para a modificación da normativa reguladora da actividade antes da campaña de 2021. As zonas a preservar propostas polas confrarías, significaban unha cativa porcentaxe dentro do ámbito de actuación, dado que a zona de traballo entre a desembocadura do Miño e o límite coa provincia de Lugo abarca moitos quilómetros de costa.
Dada a pasividade e a ineficacia demostradas pola Consellería do Mar, en decembro de 2020 iniciouse a campaña extractiva sen limitación algunha de zonas, coa consecuencia dos graves danos causados en importantes bancos de percebe, nos que se deixaron zonas de rochas completamente "limpas".
Unha vez que se está a por en perigo o medio de vida do sector percebeiro, só quedaría, segundo manifestan as confrarías, "ir a Santiago e entregar no rexistro xeral da Xunta de Galicia os currículos de todas as percebeiras e percebeiros para que a Consellería do Mar busque para eles unha alternativa laboral", iniciativa que en próximas datas non se descarta se vaia producir.
Vaia por diante que as Confrarías de Pescadores "non van en contra da extracción de mexilla" e avogan polo entendemento cos bateeiros, cos que sempre conviviron e os que incluso, nalgúns casos, forman parte da masa social destas entidades.
De verdade é unha magoa que por a falla de toma de decisións da administración competente se poida perder a boa relación e a concordia que sempre existiron en xeral entre ambos sectores produtivos.
As confrarías afirman que o obxectivo dos recolectores de semente de mexillón non é o percebe, pero sí é necesario recoñecer que a práctica da actividade extractiva en determinadas zonas, dana inevitablemente o estado do recurso e por tanto, o medio de vida do sector percebeiro.
Finalmente dicir que "as confrarías do percebe nunca van renunciar ás vías de diálogo, mais tampouco á que queden excluidas zonas para a extracción de mexilla. Por todo elo rogan á Consellería do Mar que asuma a súa responsabilidade a prol da protección e a sustentabilidade do medio mariño e reclámanlle unha maior implicación para resolver de xeito definitivo o conflito existente.
De non ser así e de chegarse a producir calquera tipo de enfrontamento entre os dous colectivos, que saiba a cidadanía que só haberá un responsable, a propia Consellería do Mar.
José Manuel Rosas. Presidente da FEDERACIÓN PROVINCIAL DE CONFRARÍAS DE PESCADORES DE PONTEVEDRA