Gregorio Agís
Un anhelo feito realidade
Cando en Poio se fala de proxectos históricos ou actuacións pendentes, nesa lista sempre aparecía, de xeito irremediable, a depuración das augas residuais de Raxó e Samieira.
Durante décadas, a Xunta de Galicia negouse sistematicamente a cumprir co Plan de Saneamento da Ría, aprobado por eles mesmos, que contemplaba a dotación dunha EDAR en Sanxenxo para dar servizo a Dorrón, Raxó e Samieira.
Ese irresponsable bloqueo, afortunadamente, chegou ao seu fin. A firma do convenio entre o Ministerio de Transición Ecolóxica, e os Concellos de Sanxenxo e Poio garante a ampliación da depuradora de Paxariñas derivando a solución para o exterior da Ría e pon fin a unha problemática que, de existir vontade política por parte do PP, seguramente tería finalizado moito antes.
Ante a incapacidade da Xunta de Galicia para resolver esta situación o Goberno Central declarou de interese xeral do Estado a depuración desta parte da Ría e puxo enriba da mesa unha solución en tempo récord.
A Xunta de Galicia foi invitada a participar desta solución e negouse e colaborar, negando as achegas económicas que sí aportaron en convenios análogos o longo de toda Galicia.
Desde o PSdeG de Poio, queremos agradecer a implicación do Goberno central por entender o noso plantexamento e achegar esta solución.
En 2019, no noso programa electoral garantíamos que o problema do saneamento solucionaríase durante este mandato.
A vontade do Estado e a boa sintonía co Concello de Sanxenxo (demostrando, ao contrario do que fai o PP de Poio, que é posible deixar de lado as siglas na busca do ben común) resultou chave para que este proxecto chegue a bo porto.
Foron moitos meses de negociacións e esforzo que pagaron a pena.
Nós, como parte do Goberno local de Poio, seguiremos traballando para continuar desbloqueando proxectos indispensables para os veciños, como o desenvolvemento do polígono de Fragamoreira, melloras na PO-308, as beirarrúas de A Barca – Andurique – Porteliña, o novo Centro de Saúde, o vial do Vao, os Portos de Raxó e Covelo, un sistema de transporte digno; actuacións deixadas de lado por parte da Xunta de Galicia.
No seu día, no PSdeG-PSOE comprometémonos a desatascar o saneamento e así imos continuar, traballando polo ben da veciñanza. E sen esquecer outros proxectos que xa temos en marcha, como a rehabilitación do emblemático Pazo de Besada, a conexión da ruta dos muíños de Samieira co paseo do Laño ou as melloras dos entornos tradicionais.