Marta Rodríguez Engroba
Cando o "amor" afoga, realmente serve para algo denuncialo?
O Goberno vén de lanzar unha campaña de sensibilización e prevención da violencia de xénero na que advirte, entre outras cousas, dunha das formas máis común de exercela e que, as veces, sobre todo entre os máis novos, malia que non é patrimonio exclusivo deles, nin moito menos, custa identificala como tal, disfrazada polo maltratador de protección, de preocupación, e aceptada pola vítima como unha mostra de amor, de compromiso.
Estou a referirme ao control, por parte da parella, do teléfono, das mensaxes, whatsapps, das redes sociais, etc, das que chega a esixir os contrasinais, así como a fiscalización da lista de contactos da parella e mesmo a prohibición de interactuar con moitos deles.
Este control, é, como dicía, máis frecuente entre os máis novos, xa que son a xeración das novas tecnoloxías, das redes sociais, polo que son o caldo de cultivo perfecto para que isto se dea, pero non implica que non suceda tamén entre parellas de máis idade, algo que se fixo especialmente evidente coa pandemia e o confinamento, no que moitas mulleres vítimas de violencia de xénero se viron totalmente imposibilitadas para contactar con ninguén ou que alguén o fixera con ellas, xa que os seus dispositivos estaban sendo férreamente vixiados polos seus maltratadores, cando non foron directamente requisados.
O control exercido polos maltratadores chega a ser insoportable para a vítima, xa que se sinte controlada as 24 horas do día, e realmente así é.
Moitas rapazas coñecen perfectamente ese acoso de "Por qué non me contestas se estás conectada?". "Con quen estabas falando?", ou, "Por qué non me queres dar o contrasinal do teu facebook, instagram, etc…..?. E por qué estás a falar con outros rapaces?. Qué tes que agochar?. Se me quixeras como eu te quero a ti, non terías problema en darmas. Se chas pido é porque te quero, porque me preocupo por ti, e se te negas é porque non me queres, porque me mintes". Se non más das, o noso rematou", ante o que vencidas, ou, o que é peor, convencidas, acaban por claudicar.
Outro tanto sucede coa esixencia de gravar vídeos en determinadas poses suxerentes, realizando determinados actos de carácter sexual, ou practicamente espidas, que lles esixen "por amor" e que son posteriormente colgadas e espalladas polo seu "namorado" sen que isto poida ser xa freado, un delito denominado sexting, chegando a ter, as veces, consecuencias psicolóxicas tan graves para a vítima tras a súa difusión, que poden rematar mesmo co suicidio da vítima.
Este tipo de acoso, de control, é, sen ningún lugar a dúbida, un dos primeiros chanzos da violencia de xénero, o inicio dun camiño sen retorno que, máis cedo ou máis tarde, desembocará, con toda probabilidade, en violencia física.
Desde o goberno advirten sobre o seu perigo e instan a denuncialo, e, unha vez máis, queda patente a total descoordinación, en materia de violencia de xénero, entre a teoría e a realidade, da que, francamente, comezo a perder a esperanza de que algún día chegue a coñecerse.
Porque, vexamos, imos poñernos no caso non da difusión dun vídeo, do que posiblemente se poida facer un rastrexo, seguimento ou como se lle queira chamar, por parte da policía, e tomar as medidas pertinentes, polo cal esa denuncia poderá ter un certo percorrido, pero poñámonos agora no caso máis común dunha parella na que él lle controla a súa noiva o teléfono, as redes sociais, cando está conectada, falando con alguén……
Imaxinemos que esa rapaza, ben por propia iniciativa, algo infrecuente, por non dicir impensable, ou porque se decide a confiar nalgún adulto, decide seguir o consello e denunciar ao seu acosador.
Qué credes que sucederá cando chegue a unha comisaría dicindo que quere denunciar a súa parella porque a controla?.
O primeiro que lle van preguntar é se ten algunha proba disto, se existe algunha evidencia, mensaxe, ameaza escrita, audio…..
A resposta case sempre vai ser negativa, xa que estos episodios adoitan suceder nun eido estrictamente privado, sen testemuñas.
Non hai evidencias, non hai nada tanxible que se poida aportar, nada que demostre que a rapaza non minte. Soamente o seu relato da presión a que él a somete, das ameazas de ruptura ou de algo peor, pero sempre, agás raras excepcións, verbais, sos os dous, sen ninguén que poida acreditar o que ela está a relatar.
Desde este momento, poden pasar dúas cousas:
Que a denuncia non chegue a ser recollida, co cal a rapaza pasou un mal rato, duro, de feito, despois do tremendo esforzo que sen dúbida lle implicou contar na súa casa ou a quen ela recorrera, o que lle estaba a pasar, para nada, ou que, no mellor dos casos, se chega a interpoñerse, dada a falta de probas, non vai ter percorrido ningún, co cal o seu maltratador, encoraxado ante a súa impunidade malia ter sido denunciado, non soamente non vai desistir do seu acoso, se non que o vai intensificar, volvéndose cada vez máis agresivo, incrementándose, porén, o perigo que ela corre
Esta situación, totalmente real, non é diferente se falamos dunha parella de adultos.
É exactamente a mesma. Non hai probas, nada se pode demostrar, polo cal, que sentido ten denunciar ese acoso se, de facelo, o único que vai implicar para a muller é un risco ainda maior?.
Non hai maneira, polo que se ve, de que se acabe de tomar conciencia da auténtica realidade da violencia machista, e, unha vez máis, desde Si, hai saída nos vemos na necesidade de manifestar que, mentras se siga a xestionar únicamente desde os despachos, sen contar coas vítimas, cos que temos contacto diario con elas, pouco ou nada positivo se vai poder acadar.
É pura lóxica. Sinxelo sentido común.
As campañas de prevención están moi ben, claro que si, pero se non existen ferramentas para levalas a práctica, de nada serven.
Se non se plantexa, nin por un momento, contemplar a posibilidade de cambiar un sistema que, a todas luces, non funciona, que para nada evoluciona ao ritmo que unha problemática tan grave require, nada se vai conseguir, agás que a violencia machista continué ganando terreo, como xa o está a facer desde hai moito tempo, de día en día.
E nesta forma concreta de violencia de xénero, moito me temo que, polo momento, o único que é viable e o que, desde Si, hai saída sempre lles aconsellamos, tanto as mulleres adultas como as máis novas, especialmente cando acudimos a algún colexio ou instituto a impartir algunha charla:
Ninguén ten dereito a invadir o seu terreo privado, e menos ainda no nome do amor.
O amor non é control, e, ante o primeiro sinal deste, o mellor que poden facer é, ademais de confiar nalgún adulto no caso das máis novas, poñer punto final a relación e afastarse de quen, con toda seguridade, vai facer da súa vida un inferno ou mesmo quitarlla.
Agás isto, o demais é, polo momento, pura teoría.
Asociación Si, hai saída