Tribuna Viva
Sobre a proposta do PP de construír un pavillón de deportes en Ponte Sampaio
A Asociación de veciños Santa María de Ponte Sampaio vén de recibir con incredulidade a ocorrente proposta do Partido Popular de construír un pavillón de deportes nos liberados terreos do antigo campo de fútbol da Xunqueira.
Resulta sorprendente que o PP defenda no vindeiro pleno municipal esta idea que suporía unha desfeita para o espazo máis singular da parroquia, ir en contra do que levamos loitado os veciños e veciñas nas últimas décadas e satisfacer, unicamente, a un só militante seu da parroquia que aínda non entende que as cousas xa non se fan con ordeno e mando.
Os veciños e veciñas de Ponte Sampaio consideramos que foi un logro de todos e de todas recuperar eses terreos para uso e goce da veciñanza. Foi acordo da parroquia liberar o espazo para poder ampliar a praia, incrementar os espazos de lecer e de deporte ao aire libre, ampliar o parque infantil e crear, en definitiva, un espazo de referencia na nosa parroquia tanto para goce dos que aquí vivimos como para os que nos visitan cada ano, especialmente no verán.
A proposta do Partido Popular é unha aberración nun momento no que todas as sociedades apostan por recuperar os seus espazos naturais e costeiros, como é o caso da nosa Xunqueira, unha reivindicación pola que levamos décadas loitando.
Ademais, é incrible que un partido político con representación municipal aínda non saiba que non se pode actuar neses terreos dado que están en proceso de reversión de Costas ao Concello.
Polo tanto, só nos cabe concluír que esta ocorrencia do Partido Popular non responde aos intereses veciñais de Ponte Sampaio, senón todo o contrario. Van na súa contra co único propósito de reforzar a imaxe dun militante na parroquia incapaz de asumir que as decisións colectivas e é incapaz de deixar atrás as prácticas caciquís doutros tempos.
Agardamos que o Concello non aprobe esta iniciativa no vindeiro pleno e xa adiantamos que de saír adiante, atoparanse cos veciños e veciñas de Ponte Sampaio unidos en contra do pavillón, como xa demostramos noutras reivindicacións anteriores.
ASOCIACIÓN DE VECIÑOS SANTA MARÍA DE PONTE SAMPAIO